É habitual escoitarmos constantes referencias ao imparable perda de peso dos núcleos rurais de Galicia respecto ás áreas urbanas. A fenda parece cada vez maior, con moitos concellos perdendo poboación e só uns poucos gañándoa. Unha Galicia que parece que vai quedando despoboada, e unha situación con moitas implicacións, que hai que afrontar, pero que cómpre tamén poñer en perspectiva respecto do territorio que nos rodea.
A histórica dispersión á pé a feitos (case o 50% dos núcleos de poboación de España) e a algunhas crenzas que teñen gran parte de verdade. Dise, por exemplo que é case imposible trazar unha liña recta de 10 quilómetros dentro do territorio galego que non teña unha casa a menos de 500 metros (hai zonas da montaña ourensá, como Trevinca ou O Invernadoiro, no que isto non se cumpre, pero si no resto do país).
E así, aínda que son xa máis de 2.000 os núcleos sen ningún habitante, e aínda máis a piques de quedar sen ningún, a situación de Galicia en canto a densidade de poboación e a despoboamento está algo mellor ca outras partes da península Ibérica (mais esta, á súa vez, amosa unha densidade notablemente menor ca o resto de Europa). Aínda que esta é unha única aresta dun problema que precisa unha perspectiva desde máis frotnes, o gráfico elaborado polo proxecto Politibot, insipirado nunha iniciativa semellante realizada en Estados Unidos, axuda a comprender a situación.
Nobody lives here (Ninguén vive aquí) foi unha idea do xeógrafo Nik Freeman para amosar os lugares do país norteamericano onde non había habitantes. Utilizou a área máis pequena posible do censo para identificar máis de 11 millóns de puntos. E en 4,87 millóns deles (os de cor verde), non vivía ninguén. Unha imaxe que daría para analizar moitas das características do país:
Politibot tomou a idea e decidiu trasladala a España. E quedou así. Gran parte do interior, agás Madrid e pequenos puntos arredor das capitais provinciais e autonómicas, aparecen en verde. E Galicia é un feito diferencial, xunto a zonas litorais de Cataluña, o Cantábrico ou Levante. A ocupación humana do territorio é moito máis notable (aínda que en retroceso), debido á herdanza da dispersión.
Outros traballos a nivel europeo, como o realizado en 2011 por Dan Cookson, con celas de un quilómetro de diámetro, que incorporan os datos de Portugal, remarcan a diferenza do litoral atlántico respecto ao interior. Tanto Galicia como o país luso parecen marcar un continuo, xa que as súas densidades de poboación (91 e 112 habitantes/km2, respectivamente) amosan un forte contraste coas zonas situadas ao leste, máis montañosas e, noutros casos, despoboadas, como a zona occidental de Castela e León, Extremadura e Andalucía. Aínda que non conxunto de España a densidade é maior ca en Galicia (93 hab./km2) dá a sensación que, ao haber aínda menos contraste entre grandes cidades e grandes espazos baleiros, Galicia está bastante máis poboada.
É, por tanto, unha breve descrición cartográfica dun problema moito máis complexo, ao que habería que engadir outros factores, pero que pode ser un bo punto de partida para o análise da situación.
Muy buenos los trabajos divulgativos que publicais