Os científicos Carlos Salgado e Manuel Bermejo, premios Lois Peña Novo

O físico e o químico da Universidade de Santiago de Compostela foron recoñecidos pola súa aposta pola lingua galega

O director do Instituto  Galego de Física de Altas  Enerxías (IGFAE), o profesor Carlos Salgado, e o profesor emérito Manuel Bermejo Patiño veñen recibir o Premio Lois Peña Novo 2019 en recoñecemento ao seu compromiso permanente coa lingua galega na súa actividade investigadora e docente.

Os premios que outorga a Fundación Lois Peña Novo destacan dende hai 25 anos a traxectoria vital e profesional de persoas que empregan o galego na contorna das administracións públicas.  Ademais dos dous docentes da USC, nesta edición tamén resultou premiada a maxistrada Paz Filgueira Paz.

Publicidade

Nesta edición, o profesor Carlos Salgado recibiu o Premio “pola súa coherencia, entrega e compromiso coa lingua galega na súa actividade docente, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores científicos no seu campo nacional e internacionalmente”.

O físico Carlos Salgado.

Pola súa banda, de Manuel Bermejo Patino o xurado valorou a súa “coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica e investigadora promovendo e implantando o galego en ámbitos universitarios nos que ocupou cargos de responsabilidade e no exercicio da docencia deixando unha fonda semente de galeguidade por onde pasou”.

Publicidade

Nos discursos de agradecemento D. Manuel Bermejo reivindicou a necesidade de achegar a ciencia á sociedade, concretamente á química, materia na desenvolveu a súa traxectoria profesional, recordando aos presentes que “estamos conformados por unha ampla porcentaxe de substancias químicas que manexan a nosa vida e nos conforman como persoas”.

Reivindicou o uso da lingua galega no ámbito docente universitario recalcando que unha actitude persoal favorable é necesaria para conseguilo e  reivindicou a amizade como eixo fundamental do ser humano.

Carlos Salgado, ausente por atoparse no estranxeiro, estivo representado no acto polo subdirector do IGFAE, o tamén profesor Abraham Gallas, quen deu lectura ás palabras do premiado destacando que recollía un premio “á normalidade, á visibilización da normalidade, á visibilización de que se pode ser científico sen renunciar a ser galego fóra tamén do ámbito persoal e familiar” e recordando que os premios son fundamentais para dar visibilidade e recoñecemento dentro do ámbito investigador.

O acto de entrega estivo presidido pola titular da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego; e contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo; do presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González Martínez; e da catedrática de Dereito da USC, Alba Nogueira, premiada en 2011.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

Cinco mozas galegas defenden na ONU un sistema para protexer o mar: “Aprendemos moitísimo”

Quitina é o nome do proxecto e o material biodegradable usado polas estudantes do colexio ourensá para substituír os palillos plásticos

O IGFAE colabora na detección da fusión de buracos negros máis grande xamais observada

Os centros LIGO-Virgo-KAGRA anuncian a identificación dunha onda gravitacional que abre novas perspectivas no estudo destes eventos cósmicos

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela