Inside the Lab: portas abertas en Santiago á tecnoloxía do futuro

O CiTIUS (Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes de Santiago de Compostela) reforzará a súa estreita relación con empresas e administracións o vindeiro venres 12 de xullo coa V Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the lab, unha xornada de portas abertas que regresa ao centro de investigación compostelán por quinto ano consecutivo. O evento repite un ano máis como encontro de referencia perante os distintos axentes do tecido socioeconómico, co propósito de amosar aos representantes de organizacións públicas e privadas as oportunidades que presentan os resultados de investigación máis recentes do centro.

A demostración de tecnoloxíasabrirá as portas en horario libre durante toda a mañá do venres (entre as 10:00 e as 14:00), e do mesmo xeito que en edicións pasadas terá unha estrutura similar ao formato clásico das feiras tecnolóxicas, permitindo que os asistentes visiten as instalacións do CiTIUS no horario que lles resulte máis conveniente.

Publicidade

Tan pronto como cheguen ao punto de benvida, os visitantes recibirán un plano coa localización de tódolos expositores repartidos polo centro; o mapa facilitará a localización das posibles visitas, unha pequena mostra das últimas tecnoloxías desenvolvidas por equipos de investigación do centro; entre as temáticas que estarán presentes na edición 2019 de Inside the lab atópanse unha solución para a monitoraxe da polución en Smart Cities, unha aplicación nutricional baseada en solucións de Intelixencia artificial Explicable, a aplicación do procesado de imaxe  hiperespectral para a análise de concas fluviais, ou o desenvolvemento de solucións para a detección e tracking de centos de obxectos en tempo real.

Os 13 demostradores abranguen unha ampla gama de resultados transferibles en distintas áreas e avalan a investigación do centro en distintas fases de desenvolvemento, desde prototipos creados a partir de proxectos de investigación, ata resultados tecnolóxicos xa transferidos a través de distintas fórmulas (tanto por medio da licenza á industria como mediante a incubación de novas iniciativas empresariais).

Publicidade

O encontro contará tamén coa presenza das dúas Spin-off do CiTIUS: Situm, cuxo negocio se centra no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiores e Imagames, que desenvolve solucións de gamificación en dominios como a aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital. Creadas respectivamente en 2014 e 2015, entre ambas suman xa máis de 40 empregados e presenza en 40 países.

A xornada incluirá tamén a presentación de InVerbis, unha iniciativa beneficiaria do Programa Ignicia Proba de Concepto promovido pola Xunta de Galicia, que actualmente se atopa en fase de incubación. Inverbis converterase nunha nova spin-off do CiTIUS en 2020, e a súa actividade principal estará centrada na analítica de negocio por medio de tecnoloxías de minería de procesos.

A participación na xornada de portas abertas é gratuíta e require inscrición telemática ata o 9 de xullo, cubrindo o formulario dispoñible na web oficial do evento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe