“Non temos que ter as mesmas temperaturas que en Valencia para falar de mortes atribuídas á calor en Galicia”: Malia ser climatólogo, Dominic Royé leva anos moi involucrado na ciencia de datos e, especialmente, nos relatos que se agochan tras das cifras. Ás veces non é doado ver a relación entre dous factores, e moito menos distinguir a casualidade da causalidade. Non é o caso do campo de estudo de Royé, centrado no vínculo entre a saúde e o clima, onde as evidencias sobre os efectos das altas temperaturas no corpo humano son de sobra coñecidas dende hai tempo. E non temos que irnos moi lonxe para experimentar o seu nexo, nin pensar en territorios exóticos: en Galicia hai xente que morre a causa da calor.
O cambio global xa está completamente asentado no noso día a día, e o que nos queda é experimentar cada ano como “o máis caloroso do século”. É a tendencia de marcar récords. Este novo rumbo ten como consecuencia que cada vez haxa máis mortes atribuídas pola calor: só neste verán, Galicia contabilizou ata 707 falecidos a causa das altas temperaturas, segundo os novos datos proporcionados pola Fundación para a Investigación do Clima (FIC), da que Royé forma parte como responsable de datos. Como se chega a esta cifra, e que nos pode dicir sobre o impacto da calor nas catro provincias galegas?
Provincia por provincia
Segundo o mapa interactivo elaborado polo FIC, feito a partires dos datos do Sistema de Monitorización para a Mortalidade Diaria por Todas as Causas (MoMo) e da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), no verán meteorolóxico deste 2024, que abrangue os meses de xuño, xullo e agosto, na comunidade galega identificáronse ata 707 mortes atribuídas á calor.
Pontevedra é a provincia con máis mortes: un total de 262, das cales 207 atribúense á exposición á calor moderada e 55 á calor extrema. No caso de Pontevedra, estes últimos representan sobre o 2,4% do total de mortes producidas este ano: é o que se chama a fracción atribuíble. As cifras son similares no caso da Coruña; 224 falecidos, 36 deles por episodios de calor extrema. A fracción atribuíble de mortes por calor extrema representa na provincia coruñesa tan só o 1% do total de mortes.
A terceira é Ourense, cun total de 114 mortes por calor. Malia non ser a provincia con máis falecementos, Royé sinala á peculiaridade deste datos, xa que a poboación é moito menor en Ourense que nas dúas provincias costeiras: “Ademais, as mortes atribuídas por calor extrema acadan a cifra de 35”, sinala. Compre mencionar que a fracción atribuíble ás mortes por calor extrema acadan en Ourense a porcentaxe máis alta: o 3,2%. Por último, atópase a provincia lucense, con 107 mortes asociadas á exposición á calor, das cales só 20 se atribúen a episodios de calor extrema.
Por primeira vez, o FIC elabora un mapa cos datos desagredados por provincias dende 2018 ata este 2024, o cal permite agora estudar as peculiaridades de cada rexión e analizar así os riscos adaptados á realidade de cada contorna.
“Unha tendencia ascendente”
Dende logo, non acadamos as cifras das rexións do levante (Valencia, 587 falecidos) nin de Madrid, onde morreron máis de mil persoas este verán a causa da calor. Porén, Galicia está a experimentar un ascenso no número de mortes atribuídas á calor, o cal é, segundo Royé, “unha tendencia que non só é ascendente, senón moitas veces exponencial“. Os novos datos deste 2024 virían a confirmar dita tendencia.
No histórico da comunidade destaca, sen ningunha dúbida, o verán do ano 2022, caracterizado por unha onda de calor que causou estragos na Península Ibérica, deixando máis de 500 falecidos só en Galicia. Segundo a AEMET, foi o ano máis cálido que experimentamos dende a década dos 60 do século pasado. En Ourense, contáronse ata 23 días de calor extrema e, no caso de Lugo, unha quincena enteira.
Calor moderada e calor extrema
A cifra de mortes atribuídas á calor non é sinxela de obter, xa que non sempre é un unha relación causa-efecto tan directa. Malia que hai casos onde a exposición ás temperaturas extremas pode estragar o funcionamento dos nosos órganos causando a morte, moitas veces o que ocorre é que a calor actúa como un factor que, xunto con outras condicións, remata nun falecemento. Por iso, os colectivos vulnerables como as crianzas, os anciáns e as persoas con patoloxías previas deben ter un especial coidado nos días de calor.
Con todo, explica Royé, hai unha perigosidade especial no caso da calor moderada, que “ten que ver coa exposición prolongada ás altas temperaturas, sen que cheguen a ser extremas”: a cidadanía está moi conciencia sobre como actuar durante unha onda de calor. Como protexerse, as horas do día nas que hai que evitar saír á rúa, a limitación das actividades diarias que impliquen unha exposición directa ao sol… Con todo, a calor moderada tamén afecta, e son moito máis comúns as mortes atribuídas a estas temperaturas que non chegan a ser extremas. Malia que os datos amosados no mapa do FIC non están desagregados por sexo ou idade, Royé sinala que, coma sempre, “as persoas maiores son as máis sensibles a estes episodios de calor”.
A adaptación evolutiva, unha barreira que non é suficiente
Segundo un estudo recente, publicado na revista académica Nature, a humanidade estase adaptando a esta nova normalidade caracterizada por ondas de calor cada vez máis extremas e prolongadas no tempo. Os resultados desta investigación amosaron que a vulnerabilidade da poboación europea á calor foi diminuíndo progresivamente ao longo do século XX. De non ser por esta adaptación evolutiva, a mortalidade atribuída ás altas temperaturas sería no 2023 ata un 80% superior.
Refuxios climáticos e outras iniciativas
Porén, esta vantaxe evolutiva non é suficiente para facer fronte á tendencia ascendente das mortes atribuídas á calor. Segundo Royé, aínda hai moitas accións que se poden levar a cabo dende as institucións, como poñer a disposición da cidadanía os chamados refuxios climáticos, lugares públicos acondicionados para que a poboación non estea exposta ás altas temperaturas durante os meses de verán: “Non sería absurdo dotar a provincias como Ourense destes servizos de balde”, reflexiona. O problema, coma sempre, está nas limitacións destas iniciativas: “Cando chega a noite e estes refuxios pechan, o cidadán ten que voltar para a súa casa, onde non goza de aire acondicionado, por exemplo”.
As medidas de adaptación ao cambio climático son unha cuestión de xustiza social e, de feito, son moitos os estudos que tamén vencellan un maior índice de mortes atribuídas á calor aos colectivos vulnerables e con pouco poder adquisitivo.
Rematou o verán meteorolóxico, e pouco queda para despedir o verán astronómico: no hemisferio norte, o 22 de setembro dará comezo o outono. Con el, deixamos atrás o verán e a calor, mais non a preocupación do que vai pasar o ano que vén. Temos por diante nove meses para pensar, planificar e poñer en marcha medidas que, posiblemente, poderían salvar vidas.