Durante os meses do verán, a sucesión das ondas de calor e a exposición prolongada ás temperaturas extremas causan estragos na poboación a niveis físicos e mentais. Mais a calor tamén é causa de morte, e cada vez máis: o ano pasado, segundo un estudo publicado polo Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), 8.352 persoas faleceron en España debido ás altas temperaturas. En Galicia, as mortes ocasionadas pola calor chegan a 528, o cal desmente a idea de que a comunidade non está exposta ao perigo dunhas temperaturas cada vez máis extremas. A calor xa mata a máis persoas en Galicia que os accidentes de tráfico, que deixaron unha cifra de 88 persoas falecidas no 2023.
Ademais, os datos amosan unha realidade preocupante, xa que os prognósticos levan a un escenario no cal a exposición aos episodios de calor intensa serán a normalidade nos vindeiros anos. Por sorte, segundo o mesmo estudo, que foi publicado na revista científica Nature, estámonos adaptando. Os investigadores subliñan que a vulnerabilidade ao calor da poboación europea foi diminuíndo progresivamente ao longo do século XX e que, de non ser por este proceso de adaptación evolutivo, a mortalidade vencellada ás altas temperaturas sería no 2023 ata un 80% superior.
Moito mellor adaptados
Os falecementos a causa das temperaturas non se producen só polos golpes de calor. De feito, estes son os casos máis excepcionais e anecdóticos: a realidade é que a calor desencadea e agrava enfermidades, máis aínda naquelas persoas que teñen unha saúde comprometida pola idade ou por patoloxías previas. Aínda así, sempre houbo poboación vulnerable: como se explica entón que agora sexamos máis resilientes?
O estudo non se decanta por unha hipótese clara, pero as medidas de adaptación que a tecnoloxía actual proporciona poderían estar axudando á poboación: é o caso do aire acondicionado, moito máis presente nos fogares do século XXI. Segundo a autora principal do estudo, Elisa Gallo, outra das causas que explican esta adaptación sorprendente estaría máis vencellada ao noso propio comportamento.
A comezos de século, os episodios de ondas de calor eran moito menos frecuentes e a cidadanía descoñecía como enfrontarse ás temperaturas extremas. Na actualidade, a maior exposición urxe a un maior coñecemento, e a poboación coñece as pautas a seguir. Os plans de actuación das autoridades sanitarias, os espazos urbanos mellor adaptados e a regulación do traballo durante as xornadas máis calorosas tamén contribúen, tal e como indica a investigación do ISGlobal.
Lugo, a provincia galega con máis mortes a causa da calor
Para a realización do estudo, o equipo de investigadores analizou os datos de ata 823 rexións pertencentes a 35 países europeos, onde as temperaturas extremas causaron 47.690 mortes no 2023. Os resultados amosan que España é o cuarto país con maior mortalidade vencellada á calor, só por detrás de Grecia, Bulgaria e Italia. As rexións máis vulnerables, segundo a investigación, son as que se atopan no mediterráneo, una rexión que polas súas condicións xeográficas está moi exposta ao quecemento global.
No caso de Galicia, a provincia con maior mortalidade a causa das altas temperaturas é Lugo, onde faleceron ata 193 persoas por millón só no ano pasado. A Coruña é a segunda provincia con máis mortes (149), seguida por Ourense (135). Pontevedra é a excepción e, de feito, é a rexión onde menos falecementos se vencellan á calor de toda España: 51 casos no 2023.
Os datos reflectidos no estudo tamén amosan unha maior vulnerabilidade das mulleres e das persoas de avanzada idade a estes episodios. No conxunto de Europa, a taxa de mortalidade vencellada á calor foi un 55% máis alta nas mulleres con respecto aos homes, e ata un 768% superior nas persoas de máis de 80 anos en comparación coa franxa de idade que vai dende os 65 ata os 79 anos.
A práctica totalidade das mortes prodúcense no período que abarca dende o 29 de maio e o 1 de outubro, una estación cada vez máis exposta ás ondas de calor prolongadas a causa do quecemento global. De feito, tal e como indica o estudo, só nas dúas grandes ondas de calor que se produciron no verán do ano pasado a mediados de xullo e a finais de agosto morreron case 5.000 persoas no territorio español.
O límite fisiolóxico do noso corpo
Aínda que a adaptación do ser humano a este novo escenario limite as mortes ocasionadas polas altas temperaturas, o organismo impón o ritmo: “No 2023, case a metade dos días superaron o límite de 1,5ºC fixado polo Acordo de París, e Europa estase quentando a un ritmo dúas veces máis rápido que a media mundial. As proxeccións climáticas indican que é moi problable que se superen os 1,5 graos antes do 2027, o que nos deixa unha oportunidade moi pequena para actuar”, explica Joan Ballester Claramunt, membro de grupo de investigación que realizou o estudo.
Segundo indica Claramunt, os límites da propia fisioloxía humana e a estrutura da sociedade van condicionar as posibilidades de adaptación ao clima do futuro e, polo tanto, “é urxente aplicar estratexias encamiñadas a reducir no posible a carga de mortalidade dos veráns máis cálidos que virán, xunto cun seguimento exhaustivo dos efectos do cambio climático nas poboacións máis vulnerables”.
Referencia: Heat-related mortality in Europe during 2023 and the role of adaptation in protecting health (Publicado en Nature)