O científico que analizou os restos atribuídos a Teodomiro: “É unha auténtica revolución”

O galego Patxi Pérez-Ramallo lidera un equipo internacional que, dende 2019, estuda os ósos atopados no suposto sepulcro do bispo que fundou o Camiño de Santiago

Home. Máis de 45 anos; talvez 50. Complexión grácil e dieta humilde pero completa. A datación por radiocarbono sitúa os restos atopados na necrópole medieval da catedral de Santiago arredor de 840, compatible coa data da morte de Teodomiro tal e como figura no seu suposto sepulcro. Unha tumba que salienta entre todas as que compoñen un cemiterio subterráneo que o investigador galego Patxi Pérez-Ramallo leva anos investigando.

O seu último estudo, levado adiante co apoio de institucións internacionais, entre a que se atopa a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) na que actualmente traballa, demostra que os restos atopados baixo a lauda de Teodomiro pertenceron ao histórico bispo. As afirmacións categóricas non existen en ciencia pero todas as pezas do quebracabezas encaixan: “As probabilidades son moi, moi altas”. Falamos con Pérez-Ramallo para aclarar todas as incógnitas que agocha a identidade deste personaxe histórico.

Publicidade

—Que supón a identificación destes restos atribuídos a Teodomiro?

Non podemos dicir ao 100% que son de Teodomiro porque non temos descendentes identificados. Imos ter sempre esa limitación. Aínda así, creo que é unha auténtica revolución porque estamos a falar do personaxe histórico máis antigo xamais identificado na península ibérica e un dos máis antigos de toda Europa. E tamén un personaxe que se mesturou dende un comezo coa lenda. Empeza a referenciarse a través do século XII con documentación do arcebispo Xemírez. A historiografía, especialmente a francesa, negaba a súa existencia e envolvíano como unha parte dunha lenda; parte da ficción do suposto descubrimento das reliquias. Pero apareceu a lauda de Teodomiro e rompeu o debate: si existiu. Pero a polémica continuou arredor dos seus restos.

Publicidade

Hai que entender que cando se descobren os supostos restos do Apóstolo existen diferentes igrexas: primeiro unha pequena e humilde capela, despois a basílica de Afonso III e finalmente a catedral. Todo iso altera moitísimo a situación da necrópole que aínda existe. Movéronse as tumbas e, entre elas, a de Teodomiro. Despois da lauda hai unha especie de capa de recheo homoxénea que fan ao mesmo tempo que levantan o solo da catedral actual. O seu grosor non chega ao metro. Xusto despois aparece outra lauda sen identificación e debaixo dela están os restos. Por iso xorde o debate: de se poderían ser del ou non.

—Esa lauda atopouse en 1955 e ao principio pensouse que os restos pertencían a un home de idade avanzada, despois a unha muller… Aínda que as técnicas eran máis limitadas naquela época, como é posible que se puidesen atribuír a unha muller?

Porque os restos están incompletos. Carecen de pelve e os ósos longos están case todos facturados, por non dicir a súa totalidade. Só sobreviviu o cranio. Cando ti fas unha estimación de idade a través das análises osteolóxicas tes unha probabilidade de acerto en función de se están máis completos ou menos completos e o elemento óseo que empregas. Ao utilizar o cranio xa tes unha limitación porque non é tan bo como a pelve para identificar o sexo. Dependendo un pouco da capacidade do especialista pode chegar a unha conclusión ou outra. No noso caso temos a vantaxe de que, ademais de facer unha revisión osteolóxica que apuntaba máis a un varón que a unha muller, fixemos o ADN que resolveu a dúbida.

Pérez-Ramallo clasificando restos óseos. Foto: Patxi Pérez-Ramallo

—É dicir, pódese confirmar ao 100% que os restos da tumba son dun home?

Si, ao 100%. Diso si que non hai dúbida.

—A identidade, con todo, non se pode confirmar ao 100%. Cales son as probabilidades de que eses restos pertenzan a Teodomiro?

Depende a quen lle preguntes [risas]. Eu son o máis optimista de todo o grupo de investigación. Eu xa fixera a miña tese na necrópole da catedral, sobre o Camiño de Santiago, e xa teño un coñecemento bastante amplo sobre o tema. Persoalmente creo que as probabilidades son moi, moi altas. É unha zona reservada para a elite, estaba a súa lauda enriba, vese intencionadamente como se enterra o individuo xusto debaixo… Non é azar. Soben a lauda de nivel para que se poida ver máis elevada cando fan o novo chan.

Vendo todos os datos, estamos falando do individuo por datación de radiocarbono máis antigo de toda a necrópole. Coincidiría a datación co momento da morte que indica a lauda, temos ADN que nos di que era home e que por mestura de ADN si que parece que tiña aspectos visigodos, hispanorromanos e norteafricanos. É dicir, estanos dicindo que era unha elite e que viña do sur. E sabemos que o bispo que restaura a sede de Lugo era norteafricano e, por tanto, houbo migración no século IX cara ao noroeste peninsular. Todo coincide. É como un quebracabezas que vas encaixando. Hai tantas cousas que che din que pode ser, que é máis difícil rebaterme que non é que defender que o é.

As mostras óseas carecían de pelve e case todos os ósos estaban fracturados

—A única forma de sabelo ao 100%, por tanto, sería a través de familiares. E é ben difícil, cando non imposible, sendo alguén que viviu hai doce séculos.

Claro, ter familiares ou descendentes. Pero iso é imposible. Iso non se puido nin conseguir con Cervantes, non se vai poder conseguir con Teodomiro. Ao mellor o día de mañá si e agora estou equivocado. Oxalá avance a ciencia e poidamos atopar outra forma. Do que estou seguro é de que poderemos sacar máis información sobre Teodomiro a través da xenética e doutras análises pero por agora todo apunta, tanto o contexto histórico como arqueolóxico, así como as análises biomoleculares e osteolóxicas que se fixeron, a que é Teodomiro.

—As análises revelaron que tiña ascendencia norteafricana. Era algo habitual entre a elite da época?

Temos un problema. Estamos falando do primeiro individuo desta cronoloxía que se analiza de todo o noroeste peninsular. Respecto á elite, creo que tamén sería o primeiro, polo que non hai moito material de comparación. Nós o que facemos é basearnos nos estudos que eu fixen na necrópole e intentar vertebralo dentro do contexto histórico. O que estamos observando é que ese compoñente norteafricano non é directo, é dicir, nin o pai nin a nai proceden de alí. Poderiamos incluso retrotraernos a catro xeracións atrás.

Ese momento xusto coincide coa chegada dos Califato Omeya á península ibérica ou xusto antes. É dicir, no tempo hispano-visigodo. O que non sabemos é se é unha mestura das elites musulmás que acababan de chegar. Tamén podería ser unha opción, que eu creo que é a que máis conxenia co contexto histórico, que serían poboacións hispano-visigodas que van migrando e saltan dende o sur ao norte peninsular. Podería haber esas dúas opcións que coinciden cos estudos actuais de Carracedo e o seu equipo, que demostraron que existe un gran compoñente norteafricano no noroeste da península e máis especificamente en Galicia.

As análises revelaron que os restos pertencen a unha persoa que non traballou fisicamente e que comía carne

—Coas técnicas que empregaron descubriron que os restos pertenceron a un varón de máis de 45 anos. Que outra información lograron extraer?

Si, de máis de 45 anos pero eu creo que tranquilamente poderiamos dicir que tiña máis de 50. Pero o que máis me chamou a atención é que era moi grácil, é dicir, que tiña os ósos pouco desenvoltos. Non era unha persoa que traballara fisicamente e isto coincide co perfil dun bispo e seguramente relacionado con algunha orde monástica onde o que facían era principalmente orar. El comía carne e comía ben pero en termos comparativos con outros individuos que se atoparon posteriormente na catedral ou ao longo de todo o norte peninsular comía menos. Era unha dieta máis humilde. Isto quere dicir que realmente comía mellor que un campesiño pero pode reflectir a realidade do século IX, cando a situación no norte peninsular podería ser moi precaria e non se tiña acceso a tantos recursos. E tampouco nos podemos esquecer que el marcha de Iria Flavia a Santiago, onde non había nada.

—Toda esta información coincide coa vida que puido levar un alto cargo eclesiástico naquela época.

Si, si que coincide. Analizando outros individuos da catedral, sobre todo na que eu autodenominei como “zona común”, onde se enterraba a xente que non tiña unha relevancia económica ou social, si que se observaban máis marcas produtos do traballo. Teodomiro non ten nin a primeira [risas].

Levantamento da lauda que identifica a tumba de Teodomiro. Foto: Patxi Pérez-Ramallo

—A lápida non se abriu ata 2019.

Si, finais de novembro, pola noite. Aproveitaron a restauración para mover a lauda e abriron o sartego. De feito, a investigación promoveuna a Fundación Catedral de Santiago, é dicir, foron os primeiros interesados en saber se era ou non era Teodomiro.

—De todos modos os restos estaban incompletos. Por que?

O solo galego é, polo xeral, granítico, chove moito e iso altera o pH, o que provoca que se degraden os restos con maior rapidez. Ao atoparse restos de Teodomiro nunha caixa permitiu conservar o ADN porque, ata o momento, o problema principal é que non dabamos sacado ADN antigo da necrópole por culpa da deterioración. Este é o primeiro caso do que o obtemos.

—É dicir, os outros restos non estaban en caixas.

Había algúns en sartegos pero unha vez escavados fóronse alterando e deteriorándose a súa conservación. E claro, iso non o sabían en 1950. É moi fácil dicilo dende un presentismo. Pero si, a Teodomiro gardárono e iso axudou a que se conservase ben e parasen a súa deterioración.

Todo o proxecto está pagado por institucións estranxeiras

—Poderían facerse estas análises aos restos de Santiago O Maior? Ata que punto se podería afinar a súa identidade?

Dúbidoo moito porque depende do Papa de Roma. Ao ser unha reliquia dá igual quen estea enterrado aí porque o fenómeno xa está feito. Pode pasar como a saba santa de Turín. Fixeron unha datación por radiocarbono e dixeron que era unha falsificación medieval. Eu animo a calquera que se aburra a ler a cantidade de bibliografía científica que sae todos os anos intentando demostrar a súa autenticidade ou a súa falsidade. Chegar a ese punto nunca vai desfacer o debate porque imos acabar chegando ao mesmo punto. Podemos rastrexar o ADN, demostrar que é un varón, pero os ósos están mesturados e alí hai tres individuos. Con que o comparo? Eu creo que se chegaría a un debate sen fin, que é o que acontece cando mesturas a fe e a ciencia.

—Esa dicotomía sempre xera polémica. Talvez este tamén sexa o caso.

Cientificamente tes que ser produnte e non hai nada seguro ao 100%. Pero a non ser que alguén presente e rebata as probas, eses restos teñen unha probabilidade moi alta de ser Teodomiro. Estou recibindo ataques persoais por dicir isto cando, en realidade, estamos a falar dun dos personaxes máis destacados da historia de Galicia. Que a lenda sexa certa ou non dáme igual: este home xerou un fenómeno que deu paso ao Camiño de Santiago e a forxar moitos aspectos da identidade galega. Podes ser relixioso ou non pero tes que aceptar o que se acaba de demostrar con métodos científicos. E tamén chama bastante a atención que todo este proxecto estea pagado por institucións estranxeiras. Estamos tendo entrevistas con medios internacionais como o New York Times, que están valorando o noso traballo. Creo que isto reflicte o valor internacional do proxecto e do noso patrimonio.


Referencia: Unveiling Bishop Teodomiro of Iria Flavia? An attempt to identify the discoverer of St James’s tomb through osteological and biomolecular analyses (Santiago de Compostela, Galicia, Spain) (Publicado en Antiquity)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Das élites do califato omeya vai ser que non era, eh, que eran de Siria, non do norte de áfrica. Que fora descendente dunha comborza norteafricana ten moito máis sentido histórico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De Islandia a Santiago: os 300 camiños para peregrinar a Compostela que aínda non coñeces

O Instituto Xeográfico Nacional recompila nun mapa interactivo 286 rutas a pé e 31 itinerarios marítimos tradicionais

Quen era Teodomiro? O ADN identifica os restos do fundador do Camiño de Santiago

Un estudo internacional liderado polo galego Patxi Pérez-Ramallo confirma que a tumba da catedral pertence ao bispo de Iria Flavia

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións
00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea