GCiencia lanza un proxecto multimedia para recuperar a memoria das mulleres medievais galegas

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais

GCiencia inicia o vindeiro martes 16 de setembro Raíñas de Galicia, un proxecto multimedia para recuperar a memoria das mulleres galegas da Idade Media. A iniciativa percorrerá ao longo de 15 capítulos a biografía de personaxes tan apaixonantes como dona Urraca, a primeira raíña de pleno dereito de toda Europa, e de Ilduara Eiriz, a grande aristócrata que viviu a cabalo dos séculos IX e X e foi fundadora de numerosos mosteiros, amais de posuír un inxente patrimonio. O obxectivo é abordar a vida destas mulleres dende a perspectiva de xénero e romper cos prexuízos que aínda existen sobre o período medieval.

Raíñas de Galicia, a través do asesoramento de expertos e expertas na materia, apostará por formato escrito, pódcast e vídeo —difundido a través de Instagram, TikTok e Youtube Shorts— para achegarse á biografía das mulleres que construíron a historia de Galicia e que, na meirande parte dos casos, foron silenciadas ou a súa vida foi deturpada pola historiografía. O proxecto está enfocado a todos os públicos, pero con especial atención á xente nova, para que coñezan máis de preto a historia feminina de Galicia no medievo, moitas veces ocultada. Os capítulos estrearanse todos os martes e venres ás 8:30 horas en todas as plataformas de GCiencia.

Publicidade

Raíñas de Galicia foi unha das iniciativas seleccionadas polo xurado do III Certame ‘Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia’, creado polo departamento de Cultura da institución provincial. O obxectivo é por en valor o pasado medieval de Galicia a través da súa divulgación en diferentes formatos.

Unha serie, 15 capítulos

A iniciativa de GCiencia será unha serie composta por 15 capítulos nos que, a través das personaxes seleccionadas, se recrearán as súas biografías e os contextos nos que viviron, pero sempre dende unha linguaxe coloquial que a aproxime ao público obxectivo, e co apoio de infografías, creatividades e textos sobreimpresionados. O pódcast durará entre 15 e 20 minutos e en TikTok partirase dunha narrativa adaptada a esta rede social.

Publicidade

Os temas terán un enfoque social que subliñe a mirada galega cara á súa historia pero, sobre todo, o papel das mulleres na mesma, dada a súa ausencia no relato oficial. Cada un dos contidos audiovisuais estará acompañado dunha reportaxe que se publicará en GCiencia. Toda a oferta de Raíñas de Galicia estará tamén dispoñible nas distintas redes sociais do medio, que suman mais de 120.000 seguidores, así como no boletín diario do portal da ciencia galega, que supera os 2.300 subscritores.

A serie de reportaxes escritas, que será elaboradas polo equipo de xornalistas de GCiencia, respectarán o estilo divulgativo característico deste medio, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. Con ata 5,5 millóns de visitas mensuais, GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns como o Premio da Crítica de Galicia ou o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

A Deputación da Coruña recibe en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico

O galardón recoñece a aposta da institución provincial por un modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sostibilidade

Os chefs Iria Espinosa e Luís Veira representan ‘A paisaxe que sabe’ no Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca o "momento extraordinario" da cociña coruñesa polo seu produto, identidade e creatividade