Gañarás O Gordo? Un estatístico galego explica por que é tan difícil que che toque a lotería

O profesor Manuel Febrero sinala que o primeiro premio ten só un 0,001% de posibilidades de tocar, sen patróns que poidan aumentar a probabilidade

Quedan poucos días para unha das citas máis esperadas do Nadal: o sorteo da Lotería. O luns 22 de decembro comezarán a soar dende a televisión as voces dos nenos de San Ildefonso, cantando os números que se extraen do bombo no Teatro Real de Madrid. Pero, cal é a probabilidade de gañar o primeiro premio? Segundo Manuel Febrero Bande, profesor de estatística na Universidade de Santiago (USC), a posibilidade de gañar O Gordo, valorado en catro millóns de euros, é de 1 entre 100.000, é dicir, un 0,001%. “É un xogo de azar puro: non existen patróns que aumenten a probabilidade”, sinala o investigador.

Con todo, non é a aposta máis difícil. Por exemplo, o Euromillón ten unha probabilidade de 1 entre 17 millóns, mentres que na Primitiva é de 1 entre case 14 millóns. Así, aínda que as probabilidades na Primitiva son mellores que no Euromillón, seguen a ser moi baixas. Segundo Febrero Bande, os premios reflicten a dificultade: “Canto máis difícil sexa o sorteo, maior será o premio; senón ninguén xogaría”.

Publicidade

Con 100.000 números en xogo, a Lotería de Nadal é efectivamente unha lotería: todos os números teñen a mesma probabilidade de saír. Aínda así, historicamente O Gordo adoita asociarse á terminación en cinco, e con moi poucas posibilidades de gañar cun número rematado en un.

O propio Manuel Febrero analizou todos os números que saen no sorteo de Nadal, non só as terminacións do primeiro premio, e chegou á mesma conclusión de que todos os números poden tocar. “O emparellamento do Gordo co cinco só pode ser unha casualidade”, comenta. Así, o próximo luns todos buscarán o seu número entre as bolas.

Publicidade

Pedreas, reintegros e premios

A Lotería de Nadal é moito máis que O Gordo. Tamén inclúe pedreas, reintegros e segundos e terceiros premios, polo que a probabilidade de gañar varía segundo a dificultade de conseguilo.

Por exemplo, o máis fácil é obter un reintegro ou algo mellor cun único número: hai un 15,3% de posibilidades de que devolvan polo menos o que pagaches.

Conseguir a pedrea ou algo mellor, normalmente cun premio de cinco euros por euro xogado, ten unha probabilidade do 5,3%. Por último, obter un premio estritamente superior á pedrea ten unha probabilidade do 0,019%.

4.000.000 de euros e un 70% en premios

“Inténtase que o primeiro premio sexa substancioso para que a xente non deixe de xogar”, explica o estatístico da USC, referíndose aos catro millóns en xogo. Con todo, incluso comprando cen números distintos, a probabilidade de gañar O Gordo é do 0,1%. Aínda así, cantos máis números se compren, maior será a probabilidade de recuperar o investimento, xa que o 70% do diñeiro xogado distribúese en premios. “Mercar máis números aumenta a probabilidade de tocar O Gordo; outra cousa é que compense facelo”, sinala Febrero.

O investigador compara a Lotería de Nadal con outro sorteo típico da época, o do Neno, moito menos popular. Isto débese a que, aínda que a porcentaxe en cartos sexa similar á da Lotería, reparte máis números, polo que o primeiro premio é de menor contía. “Como o 70% en premios se distribúe entre máis números, dá a sensación de que toca máis, pero en realidade toca menos“, explica Febrero.

A Lotería de Nadal convértese nun dos sorteos que máis reparte. A Primitiva, por exemplo, destina só o 55% en premios, e o Euromillón arredor do 50%. O 30% restante vai para as arcas do Estado, de aí que Manuel Febrero defina a participación como un “imposto voluntario”.

Onde mercar a lotería aumenta as probabilidades?

Un estudo da Universidade de Oviedo amosa unha das maiores irracionalidades do Gordo da Lotería: nas provincias onde cae o primeiro premio un ano, nos cinco seguintes véndese un 17% máis de lotería, a pesar de que os sucesos son independentes. Con todo, segundo Manuel Febrero, que toque ou non depende da cantidade de números distintos que se venden en cada administración.

Por exemplo, exemplos como Doña Manolita en Madrid, famosa polas colas interminables, teñen un “truco”: “En vez de vender un só número, intentan vender moitos para aumentar a probabilidade de que O Gordo toque alí”. Este é o efecto chamada que este tipo de fenómenos.

Unha tradición chea de supersticións

Cando se achega a data do sorteo, as supersticións arredor da Lotería volven. Hai quen cre nos números “bonitos”, nas datas especiais ou nos gañadores de anos anteriores. Outros pensan que un número que nunca saíu ten máis posibilidades de tocar, ou quen compra cada ano o mesmo boleto, esperando escoitar aos escolares cantalo alto e claro co primeiro premio.

Con todo, Manuel Febrero trae malas noticias: “O azar é tan perfecto que é completamente indescifrable”. Por iso, nunca lembra datas nin segue costumes. A Lotería non é un xogo competitivo: se o número non sae, non se gaña nada.

A orixe destas crenzas pode remontarse ao Imperio romano, segundo explica o investigador da USC, cando se cría en deuses do azar que movían a roda da fortuna. Hoxe en día, non existe ningún factor lóxico que inflúa na Lotería de Nadal.

Outros xogos, como a Primitiva, teñen un matiz diferente: pode haber interese nos números “feos”, que ninguén escolle, porque o premio se reparte entre todos os que acertan a combinación gañadora. Así, con menos persoas xogando o mesmo número, cada gañador cobra máis diñeiro.

É rendible ou só un evento social?

Non existen patróns nin fórmulas para descubrir a combinación do Gordo. “Non podes modelar cantas voltas dá o bombo de números nin como se coordina co de premios para que saian xusto á vez”, explica o estatístico. Se isto fose posible, os matemáticos terían todas as respostas.

Un caso distinto, por exemplo, son os partidos de fútbol: aínda que tamén intervén o azar no terreo de xogo, existe información previa sobre plantillas e resultados que pode orientar as conclusións. Con todo, a lotería “escapa de calquera lóxica”. Nin sequera ChatGPT pode adiviñar o número do Gordo.

Entón, é rendible? “Ningunha lotería é boa para gañar diñeiro”, sinala Manuel Febrero. Trátase dun imposto voluntario, un mecanismo co que Facenda recada aproximadamente 1.200 millóns de euros, dependendo de cantos números se compren.

Así, Manuel Febrero, como estatístico, ten claro: “É un gasto máis do Nadal”. A súa recomendación é non gastar en exceso, tomalo como un evento social e, se non toca, sempre se poderá brindar pola saúde na cea de Noiteboa.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento