Medidas de contención e novos casos: está freándose a Covid-19 en Galicia?

Os concellos con maiores restricións amosan unha tendencia de freo de positivos, ao tempo que noutros municipios medra a incidencia

O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia acordou este venres a ampliación das novas medidas á comarca de Bergantiños e o municipio de Ribadavia. Con isto, o mapa de limitacións de mobilidade e peche de actividades non esenciais, afecta xa a 68 concellos. Nos municipios nos que estas restricións estaban xa vixentes, en principio ata o vindeiro 4 de decembro, estase observando un freo no aumento de novos positivos, cando non unha redución.

O pasado martes, a reunión dos expertos clínicos terminou sen novidades. Foi o primeiro encontro desde a entrada en vigor, na medianoite do 6 ao 7 de novembro, dunhas limitacións que seguen o camiño das decretadas na comarca do Carballiño. O propio presidente da Xunta recoñeceu, amosando o gráfico da evolución da pandemia nesta área, que o peche das actividades non esenciais e o anel perimetral para limitar as entradas e saídas foi efectivo para reducir a incidencia na comarca, que chegou a superar, segundo recoñeceu a propia Xunta, os 1.000 casos/100.000 habitantes. Falouse do “modelo O Carballiño” como exemplo para aplicalo ao resto de Galicia.

Publicidade

O peche perimetral e da hostalaría esténdese a Bergantiños e Ribadavia

Como está a situación en Galicia?

Non hai un único indicador que abonde por si mesmo para abordar a evolución da pandemia. Desde o comezo da crise, a Consellería de Sanidade destaca no parte diario o número de casos activos; esto é, as persoas ás que se lle diagnosticou a infección do SARS-CoV-2 e que están nese momento baixo seguimento, ben nos hospitais ou na súa casa. Esta cifra está marcada polos novos positivos, pero tamén polas curacións e os falecementos. Así, nos últimos días, e despois de acadar un máximo de 10.276 casos activos o pasado sábado, a cifra baixa este xoves ata os 9.554. Esta é a evolución desde o 11 de maio, cando o Ministerio de Sanidad estableceu unha nova estratexia de diagnóstico e vixilancia. Non se ofrecen os datos anteriores xa que durante as semanas do confinamento na primeira onda os casos activos supoñían menos dun 15% dos casos reais.

Pola súa parte, o Ministerio de Sanidad, que achega os detalles sobre a incidencia acumulada nos últimos sete e 14 días a partir das cifras que lle achegan as comunidades autónomas. O 4 de novembro, Galicia tiña unha incidencia de 320,17 casos/100.000 habitantes a 14 días e de 165,07 na última semana. Este mércores 11, a cifra baixara respectivamente a 318,39 e 148,62, na liña dun descenso xeral no territorio estatal. No conxunto de España as cifras son superiores (514,25 a 14 días e 233,12 a 7).

Publicidade

E como vai cada área?

Os datos concretos dos concellos seguen sen coñecerse, xa que Sanidade só difunde na súa páxina un mapa cos niveis de alerta, máis non coas cifras de novos positivos. Si o notifican, nalgúns casos, os concellos que son informados pola Consellería da súa situación. O que si se pode observar é a tendencia en cada área sanitaria. Así vai desde outubro.

A tendencia xeral é estable, pero con diferenzas entre áreas. A Coruña e Vigo, as zonas máis poboadas, rexistran aumentos nas últimas semanas. Tamén en Pontevedra e Lugo se amosan incrementos, algo menores. En Ourense, onde rexen medidas máis restrititivas desde comezos de outubro, segue a tendencia á baixa, que tamén se albisca en Santiago e Ferrol.

Cantos casos novos diarios hai?

Só a partir de comezos de outubro, coa publicación dos datos do novo web do Sergas, puido observarse cantos casos novos se estaban detectando en cada área sanitaria. Esta serie está suxeita a unha continua revisión, xa que os protocolos de seguimento e notificación individual se revisan constantemente. Sanidade ofrece no seu web esta gráfica:

Despois de achegarse aos 800 novos casos a finais de outubro e comezos de novembro, parece haber un certo freo desde a pasada semana. A cifra dos últimos días é maior cá que aparece na imaxe, xa que ás veces hai un retraso na notificación que, nos días seguintes, se engade á serie. Por exemplo, a gráfica expón 406 casos diagnosticados mediante PCR con data do 11 de novembro, pero na mesma páxina fálase de 523 confirmados nas 24 horas anteriores (entre as 18h do 10-11 e do 11-11). Parte destes 523, por tanto, sumaranse a outros días anteriores.

E a positividade?

Outro dos indicadores para ter en conta á hora de observar a evolución é o da positividade das probas realizadas. A OMS recomenda que, para manter baixo control a transmisión, cómpre que a cifra non sexa superior ao 5%. Galicia está na actualidade por riba dese limiar, entre o 8 e o 9%. Nesta segunda onda, os incrementos na positividade coincidiron co aumento de casos e hospitalizacións, mentres que na segunda quincena de setembro, cando parecía frearse a transmisión, baixou do 5%. Así o amosa Sanidade.

A situación varía lixeiramente en cada área sanitaria, e no caso dalgunhas xornadas onde se detectou unha importante transmisión, como en Ferrol ou Ourense, esta positividade medra ata máis do 15%. Nos días nos que os casos chegaron aos 800 diarios, aproximouse ao 10%, mesmo superándoo, en todas as áreas sanitarias. Pero nos últimos días parece baixar.

E as PCR?

A positividade amosa termos relativos, pero o número de probas diagnósticas repercute directamente na cifra absoluta de novos casos detectados. Despois de chegar a superar as 10.000 probas diarias a finais de outubro, coincidindo coa maior incidencia detectada nalgunhas zonas, a cifra baixou lixeiramente nos últimos días. Desde o comezo da pandemia, as fins de semana supoñen sempre unha baixada no número de análises, polo que cómpre tamén observar as tendencias da semana anterior. Así está sendo:

Como están os hospitais?

O aumento nos ingresos hospitalarios e en coidados intensivos adoita representar o incremento da transmisión do SARS-CoV-2 cuns días de atraso. Así, se están a detectarse máis positivos, é probable que o agravamento de parte deles reflicta días despois un aumento na ocupación hospitalaria. Así foi a comezos de outubro: días despois do incremento da positividade e os casos activos, e tras un mes de setembro cunha certa estabilidade, comezou a aumentar a ocupación.

Porén, parece que este aumento se está a frear nos últimos días, aínda que haberá que agardar para confirmalo. E en cada área sanitaria a evolución é distinta. En Ourense, despois de afrontar semanas complicadas en outubro, a ocupación está a baixar. Tamén se reduce en Santiago. Mais, ao mesmo tempo, a ocupación hospitalaria é bastante máis alta na área da Coruña-Cee, en Ferrol ou nas UCI de Vigo.

Falecementos

A cifra máis preocupante é, porén, a das persoas que falecen por mor da infección. Nos últimos días está a medrar o número diario de óbitos, superando a decena diaria:

Está medrando a incidencia nalgúns concellos?

Si. Aínda que a tendencia nas zonas con limitacións é estable, e mesmo descendente, sobre todo nas áreas onde está vixente o peche perimetral, a prohibición de reunión de persoas non conviventes e o peche de sectores como a hostelería, outros municipios galegos amosan unha evolución preocupante. Así se observou en Bergantiños e Ribadavia, e de aí que se tomaran estas limitacións novas.

Outras vilas nas que aínda non están vixentes as maiores restricións, como Chantada, A Rúa, Sanxenxo, Ribeira ou Vilalba, amosan tamén unha importante incidencia con máis de 42 casos detectados nos últimos 14 días. Do mesmo xeito, Sanidade está desenvolvendo cribados en concellos como Ribeira, así como os xa desenvolvidos en centros sociosanitarios ou académicos para conter os posibles brotes.

Este é o mapa que achega a Xunta:

Mapa de casos confirmados nos últimos 7 e 14 días, actualizado ás 18 horas do 11 de novembro. Fonte: sergas.
Mapa de casos confirmados nos últimos 7 e 14 días, actualizado ás 18 horas do 11 de novembro. Fonte: sergas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Manchas solares no ceo da Coruña entre a nube de fume procedente de Portugal

O transporte de partículas ocasionado polos incendios do país veciño deixan uns ceos vermellos en Galicia

▪️ Copernicus revela un récord de emisións polos incendios forestais en Portugal

Os lumes deste mes liberaron ata 1,9 megatoneladas de partículas e compostos daniños á atmósfera

▪️ Como afecta ao corpo humano a exposición ao fume dos incendios

O transporte masivo de partículas tóxicas activa en Galicia alertas pola mala calidade do aire nos concellos de Vigo e de Cee

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz