O ceo por fin ten nomes galegos: este é o dicionario das 88 constelacións

A Real Academia Galega aproba a listaxe, froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e un equipo de expertos en Astronomía

Da Aguia á Xirafa, pasando polo Forno, a Pomba ou a Raposiña. A Real Academia Galega presentou este xoves na Coruña a listaxe dos nomes en galego das 88 constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional, coa que se achega unha proposta “normalizada e oficial” para as agrupacións de estrelas que se espallan no ceo. A Casa das Ciencias acolleu o acto de presentación da listaxe, que supón un novo paso na incorporación de termos científicos e técnicos ao dicionario galego.

A relación de nomes das constelacións aprobada pola RAG inclúe xunto a cada forma galega o seu equivalente latino, o empregado a nivel internacional pola comunidade científica, e a abreviatura correspondente.

Publicidade

“Esta iniciativa paréceme importante polo que significa de seguir a profundar nos traballos que a RAG realiza a prol da incorporación da lingua galega ao ámbito científico, mesmo colaborando con especialistas e institucións que achegan os seus coñecementos, e aos que agradecemos especialmente o seu traballo”, valorou Víctor F. Freixanes, presidente da Academia. “A lingua é un patrimonio que enriquecemos entre todos, cadaquén dende a súa especialización”, engadiu.

Tal e como explican desde a entidade, a humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas hai moitos séculos co propósito de se orientar ollando o ceo. Ptolomeo describiu no século II a. C. no tratado Hè megalè syntaxis un total de 48. Doce delas son as zodiacais, que figuran entre as máis coñecidas: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. Entre as outras 36 abondan as que levan nomes de seres mitolóxicos como Perseo, Andrómeda, Hércules, Orión, Dragón ou Boieiro; e doutros animais (Lobo, Lebre, Serpe…) cuxas siluetas tamén serían evocadas pola unión das estrelas que as compoñen mediante liñas imaxinarias.

Publicidade

As designadas con nomes de animais exóticos, como Grou, Tucano, Peixe Voador, Camaleón ou Dourado, constitúen outro grupo de constelacións identificadas na súa maior parte no século XVI por navegantes. No século XVIII, o astrónomo francés Nicolas Louis de Lacaille albiscou as 14 últimas constelacións, para as que escolleu nomes de instrumentos científicos como Escuadro, Telescopio, Microscopio, Octante ou Retículo. A delimitación definitiva foi realizada fundamentalmente polo belga Eugène Joseph Delporte e aprobada pola Unión Astronómica Internacional en 1930.

O traballo é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía, coordinado por Manuel González, e un grupo de expertos conformado por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos.

Manuel González salienta tamén o valor normalizador deste traballo. Desde que a delimitación definitiva das constelacións foi aprobada pola Unión Astronómica Internacional bebendo dos nomes latinos son moitas as linguas que incorporaron unha versión propia ao seu vocabulario técnico. “Para o galego existían, desde hai certo tempo, distintas propostas, pero careciamos dunha normalizada e oficial. E iso é o que ofrecemos agora, despois dun traballo rigoroso de todas as partes”, indica González.

Salvador Bará, Martin Pawley e Dosi Veiga presentaron unha proposta global cos oitenta e oito nomes á Real Academia Galega, que estudou a través do Seminario de Terminoloxía denominación por denominación. “A maioría dos nomes foron ratificados tal como figuraban na proposta. Só nuns poucos casos foron modificados segundo o criterio da RAG. O resultado final foi consensuado e aceptado por todos os participantes no traballo, e consideramos que constitúe un avance de cara á normalización e estandarización terminolóxica galega do ámbito da astronomía”, conclúe Manuel González.

“Tratamos de consolidar unha listaxe de nomes para as constelacións claramente asociados tanto á súa orixe etimolóxica como ao debuxo que definen no ceo”, detalla Martin Pawley, que incide igualmente no valor normalizador de traballos coma este. “É fundamental a normalización do uso do galego na comunicación e na divulgación da ciencia”, considera. O léxico das constelacións súmase á revisión das entradas do dicionario en liña da RAG relacionadas coa astronomía realizada en 2017 contando tamén coa colaboración de Salvador Bará e Martin Pawley; e a outras actualizacións como a do vocabulario matemático ou dos nomes dos elementos químicos, desenvolvidas igualmente con expertos nestes eidos científicos.

A presentación finalizou cunha sesión de observación no planetario a cargo de Martin Pawley. Tamén participaron no encontro o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto un sistema planetario ‘ao revés’ que desafía as teorías da formación astronómica

O achado dun mundo rochoso na periferia da estrela LHS 1903 suxire que os planetas tamén poden formarse de forma secuencial en contornas sen gas

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos

Astronomía de multimensaxeiro: o Universo contado en luz, ondas e partículas

O IGFAE participa en grandes colaboracións internacionais para combinar múltiples sinais cósmicos co obxectivo de comprender mellor os fenómenos máis extremos e invisibles do cosmos

A primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín Moreiras, dá nome a un asteroide

A Unión Astronómica Internacional homenaxea a primeira doutora da disciplina en España