Un gran abano de enfoques para contar a ciencia: así son os gañadores dos Prismas 2020

Os galardóns dos Museos Científicos Coruñeses, que se outorgan este sábado, recoñeceron diversos traballos en sete categorías distintas

O Concello da Coruña acolle este sábado 14 de novembro unha entrega dos Premios Prismas que será moi diferente á dos anos anteriores. As limitacións establecidas para conter a Covid-19 mudarán en gran medida o acto, nun ano no que o valor da comunicación científica como servizo público é máis patente ca nunca. Os galardóns, que alcanzan xa a súa 33ª edición, recoñeceron propostas de sete categorías, ademais de deixar deserto o Prisma Especial do Xurado en recordo de Francisco Javier Novelle Secades, presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, falecido o pasado verán.

Así son os proxectos galardoados:

Maldita Ciencia

O proxecto Maldita Ciencia é unha das seccións de Maldita.es, un portal dedicado á verificación de feitos que botou a andar en 2014. A sección de ciencia naceu en 2018, co obxectivo de abordar os problemas de desinformación vinculados coa ciencia, pero tamén comunicando os últimos avances na investigación.

Durante a pandemia da Covid-19 está a realizar un relevante traballo para compartir consellos de prevención, preguntas e respostas para diversos asuntos e analizando todo tipo de bulos e noticias falsas que circulan arredor do coronavirus. Por este motivo, o xurado dos Prismas recoñeceuna como mellor novo medio, definíndoa como unha “web que proporciona información responsable, rigorosa e áxil sobre temas científicos da máxima actualidade”.

Ciencia sin ficción

Na categoría de mellor libro editado, o galardón recaeu en Ciencia sin ficción. O libro, escrito por cinco recoñecidos xornalistas, divulgadores e escritores, recolle outras tantas historias sobre as orixes da tecnoloxía CRISPR, unha conversa co astronautra e ministro Pedro Duque sobre a súa primeira viaxe espacial, un alegato contra as irracionalidades das pseudociencias, unha viaxe desde as orixes da física cuántica ata Instagram, e unha conversación de ficción sobre a intelixencia artificial, os algoritmos e as súas consecuencias.

Detrás de Ciencia sin ficción, editado por Debate, están catro xornalistas; Jesús Méndez (tamén médico e científico), Pere Estupinyà (bioquímico e divulgador), Sergio C. Fanjul (tamén astrofísico e poeta), Javier Salas (xornalista en Materia, a sección de ciencia de El País), e a escritora Belén Gopegui, que ademais é filla de Luis Ruiz de Gopegui, responsable durante anos dos programas da NASA en España. O xurado valorouno como “un libro que abre fronteiras para narrar historias de ciencia con artes literarias e facer literatura marcada pola ciencia sen necesidade de inventar outros mundos”.

Nesta categoría tamén se outorgou a mención honorífica a Orgas(mitos), de Laura Morán Fernández, editado por Next Door Publishers

Expedición al volcán de sal

O Prisma ao mellor texto inédito, que ademais do trofeo e os 4.000 euros facilita ás persoas autoras da obra gañadora a edición do seu traballo, recaeu nesta edición en Silbia López de Lacalle pola súa obra “Expedición al volcán de sal”. O traballo narra unha viaxe ao volcán Dallol, no val do Rift, en Etiopía, no que se desenvolve un peculiar sistema hidrotermal con abraiantes cores e formas.

Silbia López, responsable da Unidade de Cultura Científica do Instituto de Astronomía de Andalucía (IAA-CSIC), acompañou a obra con ilustracións e textos que consiguen aunar, en palabras do xurado, “as perspectivas da xeoloxía e da arte para narrar unha expedición ao volcán Dallol, que alberga un sistema hidrotermal único”.

Silbia López de Lacalle, no volcán de Dallol, en Etiopía. Fonte: sea-astronomia.es.
Silbia López de Lacalle, no volcán de Dallol, en Etiopía. Fonte: sea-astronomia.es.

La vida secreta de los árbores

O mellor artigo xornalístico que escolleu o xurado foi o traballo La vida secreta de los árboles, de Laura González de Rivera, publicado por Muy Interesante. O texto aborda as recentes investigacións que ofrecen unha perspectiva moi pouco exposta sobre o comportamento das especies que habitan os bosques: as plantas e os fungos forman case un único entre que vive dunha red subterránea coa que se intercambian nutrientes e beneficios mutuos.

Entre outros exemplos, o traballo de Laura González describe fenómenos como o de dúas grandes árbores do Hoh Rainforest, un bosque húmido no estado de Washington, no noroeste dos Estados Unidos, que entrelazaron as súas raíces para crear unha rede de intercambio alimenticio.

Des-extinción

Na categoría de mellor vídeo de divulgación, o galardón recaeu no documental  protagonizado polo codirector dos traballos no xacemento de Atapuerca (Burgos), Eudald Carbonell, e a actriz e monloguista Patricia Sornosa. Des-extinción, con guion e dirección de Alfons Par e producido por Turkana Films, expón os proxectos en marcha para intentar recuperar especies hoxe desaparecidas, como os mamuts.

O documental, cun formado de road movie, percorre algúns dos lugares esenciais para estas investigacións, como o propio xacemento de Atapuerca ou o Museo do Mamut en Yakutsk (Siberia). O traballo pode verse a través de diversas plataformas, como a páxina web de RTVE.

La maravillosa química de las cosas cotidianas

Na categoría dos traballos en radio, o xurado recoñeceu o programa La maravillosa química de las cosas cotidianas, de Antonio Rivera, emitido en novembro de 2019 en A ciencia cierta, de CV Radio, emisora da Comunidade Valenciana. O programa, que contou coa participación de Daniel Torregrosa, Pedro Fresco e Aída López, explicou como a Química sae do laboratorio e está presente na nosa vida diaria.

Entre outras cuestións, explicouse por que limpa o xabón, por que o leite quente disolve mellor o azucre e o cacao, en que consiste a cloración da auga, como funcionan as pilas e as baterías dos coches e os teléfonos móbiles ou por que se bota sal nas estradas cando hai neve ou xeadas. Aquí podes escoitalo:

PDICiencia

Finalmente, a categoría de mellor proxecto singular, que recoñece ás iniciativas que promoven á participación cidadá na comunicación e divulgación da ciencia, premiou o traballo de PDICiencia, de Diego Ortega Alonso e a Asociación de Familiares y Amigos de Personas con Discapacidad Intelectual.

PDICiencia é un proxecto de divulgación que aposta por un enfoque inclusivo a prol da diversidade e a inclusión, a través dun programa audiovisual que utiliza  arte, o humor, as redes sociais e as tecnoloxías da comunicación e a información como ferramenta de divulgación. O proxecto converte en proptagonistas ás persoas con diferentes capacidades intelectuales e físicas, que impulsan a produción de diversos contidos vinculados á ciencia. Entre os seus últimos traballos, destaca un especial Covid-19 cunha entrevista á viróloga do CSIC Margarita del Val.

Na modalidade de proxecto singular, á iniciativa Estrela Rosalía, da Agrupación Astronómica Coruñesa Io, que acadou o nomeamento dunha estrela e un exoplaneta co nome da autora galega e o Río Sar.

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

O recordo para Javier Novelle

A oitava categoría dos Prismas é, case todos os anos, a do Prisma Especial do Xurado. Este ano ficará deserto, segundo se anunciou ao fallar os galardóns, por mor do falecemento de Francisco Javier Novelle Secades despois da presentación da súa candidatura.

Javier Novelle foi un dos impulsores da Asociación de Amigos de Casa das Ciencias, entidade creada no ano 1993 para apoiar as actividades arredor do primeiro museo científico impulsado na Coruña. Unha das principais iniciativas foi a celebración do Día da Ciencia na Rúa, que todos os anos reúne na Coruña a centos de persoas e, sobre todo, estudantes, usando a ciencia como motor cultural e de encontro cidadán. Novelle foi profesor de tecnoloxía no IES Calvo Sotelo da Coruña.

O xurado estivo composto por Pilar Perla Mateo, coordinadora do suplemento Tercer Milenio de Heraldo de Aragón e das Jornadas de Divulgación Innovadora D+i, como presidental, Lucas Sánchez Sampedro (director de Scienseed), Laura Chaparro Domínguez (xornalista científica), Susana Ladra González (profesora da UDC), Joana Cristina Silva Magalhaes (investigadora do INIBIC e comunicadora científica), David Ballesteros Alvarez (divulgador científico, responsable creativo en Ceo Aberto SL), e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que actuou como secretario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.