Pilar Perla é xornalista científica, e desde 1994 coordina o suplemento Tercer Milenio do
Pilar Perla é xornalista científica, e desde 1994 coordina o suplemento Tercer Milenio do "Heraldo de Aragón".

Pilar Perla: “Os Premios Prismas son o faro da divulgación en España”

A xornalista científica, coordinadora do suplemento "Tercer Milenio" de "Heraldo de Aragón", presidiu o xurado dos galardóns, que se entregan este sábado na Coruña

O Concello da Coruña acolle este sábado 14 de novembro a entrega dos Premios Prismas Casa das Ciencias á divulgación científica na súa 33ª edición. Desde o seu nacemento, en 1988, os galardóns foron gañando terreo ata converterse nunha das referencias para a comunicación da ciencia en España. Nun ano moi relevante para o xornalismo científico, que acadou un protagonismo con poucos precedentes por mor da pandemia da Covid-19, o xurado dos Prismas tivo un importante desafío diante da calidade e cantidade dos traballos presentados nas distintas categorías. A xornalista científica Pilar Perla Mateo (Zaragoza, 1968) foi a presidenta do grupo de persoas que escolleu os gañadores do certame. Desde 1994 coordina o suplemento Tercer Milenio de Heraldo de Aragón, unha das publicacións máis lonxevas na prensa española que aborda a ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Alén disto, puxo en marcha as Jornadas de Divulgación Innovadora D+I, que reúnen todos os anos na capital aragonesa a referentes da comunicación científica. Destaca a xornalista que, nestes meses de pandemia, “está a quedar patente” que a comunicación científica “presta un servizo público”.

– Como está a responder a divulgación e o xornalismo científico en España ante o desafío que supón a pandemia da Covid-19?

– Teñen unha oportunidade de ouro para que se lles valore por fin como algo imprescindible para entender o mundo en que vivimos. Desde hai uns meses, o xornalismo científico de calidade non descansa; vese e loce máis ca nunca, porque, cando fala da Covid-19, os temas que aborda interesan a todo o mundo. Está a quedar patente que presta un servizo público. Doutra banda, son tempos duros e as necesarias medidas e restricións impostas pola pandemia están a limitar moitas actividades divulgativas e facendo que algunhas migren a formatos ‘online’.

– Nestes meses, moitos lectores e lectoras achegáronse á ciencia, xa que centrou gran parte da axenda dos medios de comunicación. Que se pode facer para mantelos atentos cando todo isto pase?

– Espero que moita xente sacase a conclusión de que a ciencia non lle é allea, senón que lle afecta directamente; que vexa que a ciencia busca e que o coñecemento derivado desta procura rigorosa, á que non lle vale todo, senón só o que pode comprobar, demostrar, é útil para vivir, útil para tomar decisións.

Divulgar é convidar á xente para vivir cos ollos abertos, a enfocar racionalmente o que ve e a facerse preguntas sobre o que non comprende. Agora vemos con claridade que preferimos tratar de entender o que nos pasa e espero que iso dure. Influirá moito que ese terreo gañado nos espazos e tempos dos medios se logre conservar.

“Divulgar é convidar á xente para vivir cos ollos abertos, a enfocar racionalmente o que ve”

– Leva máis de 25 anos coordinando o suplemento de ciencia, tecnoloxía e innovación do Heraldo de Aragón; como cambiou o xornalismo científico neste tempo?

– O xornalismo científico en España madurou e gañou en calidade e cantidade. Pero tamén cambiaron as fontes, o público e, por suposto, os medios e formatos. Aínda que queda traballo por facer, a comunidade científica asume xa que hai que contar o que se fai para que exista publicamente e se valore. A irrupción da internet cambiou por completo á paisaxe; isto reta aos medios de comunicación tradicionais, pero tamén é unha gran oportunidade para a comunicación. Iso si, en dura competencia. Somos moitos competindo pola atención dunha cidadanía bombardeada de estímulos, tamén de desinformación, un público que se fai preguntas, que busca, descobre e comparte a través das redes sociais. Este panorama esíxenos moito, e estimúlanos. Porque diferenciarse con calidade e personalidade é obrigado para ser elixido, dentro e fóra da rede.

– E os Premios Prismas cumpren xa 33 edicións. Cal considera que é a clave para que se mantiveron neste tempo como unha referencia estatal en canto a divulgación?

– Os Premios Prismas son o faro da divulgación en España, que ilumina cada ano traballos excelentes, sinala referentes, guía e serve de estímulo a toda a profesión. Ao longo do tempo, souberon evolucionar, adaptándose aos novos medios e formatos que van xurdindo, e tamén lograron ser punto de encontro para tantos e tantos divulgadores premiados; os Prismas axudaron moito a que os divulgadores sexamos comunidade. E todo iso desde Coruña, a acolledora capital da divulgación no noso país.

Estes son os gañadores dos premios Prismas Casa das Ciencias 2020

– Que destacaría dos traballos gañadores dos Prismas 2020?

– Ser xurado duns Prismas colócate nun balcón privilexiado desde o que se aprecian moitas cousas. A calidade dos traballos presentados na categoría de Artigo xornalístico, que demostra esa boa saúde do xornalismo científico en España e que tan difícil llo pon ao xurado para elixir. A singularidade de ‘PDICiencia’, unha singularidade que consiste en incluír, xa non como público, senón tamén no papel de divulgadores, a persoas con discapacidade intelectual; ciencia inclusiva en estado puro, cun toque de alegría e humor que dá gusto velo. O libro ‘Ciencia sin ficción’ creo que abre un camiño, é unha obra que explora e que amasa ciencia e literatura, literatura e ciencia.

E alégrame que, como resultado de ser Prisma a Mellor Texto inédito, ‘Expedición ao volcán de sal’, de Silbia López de Lacalle, vaia a ser editado, porque vai ser un libro deslumbrante, que contén varias viaxes superpostas: a expedición a un volcán e a aventura de debuxalo. É tamén outro deses territorios de fronteira entre a ciencia e a arte que persoalmente me interesan.

Con pena, o xurado declarou deserto o Prisma Especial 2020 como homenaxe a alguén que xa non poderá recibilo: Javier Novelle, que dedicou a súa vida para promover a cultura científica, desde o ensino e a divulgación da ciencia. Foi unha desas persoas que son tractoras, que contaxian o movemento, que fan a outros poñerse en marcha. Unha persoa inspiradora, que colaboraba con outros e impulsaba a colaborar.

– Que consello daría a quen queira comezar a divulgar?

– Que practique a curiosidade, que se interese polas persoas que fan ciencia, que fale con elas e se poña no seu lugar, que dedique tempo a construír boas preguntas, que explore os arredores dos temas, que traballe en colaboración con outros –mellor se non se lle parecen, porque a diversidade enriquece-. Tamén que se arrisque a facer cousas novas. Que se namore do seu traballo e nunca perda de vista a quen se dirixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.