Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Covid-19: como evitar contaxios nunha habitación pechada?

* Un artigo de

Chegou o frío e, con el, a segunda onda da Covid-19. Non temos vacina e non se espera a curto prazo. Nun intento por frear os contaxios do coronavirus, entre outras medidas implantáronse restricións á mobilidade, tanto de forma perimetral (municipios e autonomías) como nos horarios, con toques de queda nocturnos que disuaden do lecer e celebracións. Será suficiente? Hai que evitar volver ao confinamento domiciliario da pasada primavera.

Publicidade

O coro de Washington

Un exemplo claro do risco que supoñen os interiores ocorreu no ensaio dun coro durante o mes de marzo no estado de Washington, nos Estados Unidos.

Un total de 61 membros do coro estiveron reunidos e cantando nunha sala pechada durante dúas horas e media. Un deles tiña síntomas (tose e febre) e días despois foi confirmado como caso positivo de Covid-19. Un total de 52 (87 %) infectáronse, tres requiriron hospitalización e dúas faleceron. Só se libraron nove coristas.

Publicidade

Figura 1. Achegada polo autor.
Figura 1. Achegada polo autor.

A casa de relixiosas de Madrid

No outro extremo, subliñando a eficacia das medidas de distanciamento social e as máscaras, está a experiencia vivida nunha ampla casa de relixiosas situada nos arredores de Madrid.

Durante o mes de marzo, as 25 mulleres conviventes esforzáronse por ventilar a casa, evitar aglomeracións en salas e no comedor, así como realizar actividades no amplo xardín da casa. Aínda que se infectaron 21 (84%), ningunha requiriu hospitalización nin houbo falecementos, a pesar de que a metade tiñan máis de 65 anos e algunhas máis de 80.

Figura 2. Achegada polo autor.
Figura 2. Achegada polo autor.

A experiencia da recente apertura de colexios vai na mesma liña. Os centros educativos que implantaron medidas de distanciamento social e uso de máscaras apenas tiveron contaxios no colexio. Pola contra, moitas evidencias suxiren que os casos positivos diagnosticados nos colexios déronse en alumnos que acudiran a reunións extraescolares sen suficientes medidas de precaución.

Cinco medidas para reducir o risco de contaxio en espazos pechados

Agora que chega o frío e ineludiblemente imos pasar a realizar actividades en espazos pechados, que medidas podemos tomar para reducir os contaxios?

  1. Utilizar espazos amplos mellor que salas pequenas. É o caso de naves, aulas magnas, etc. Canto maior é unha estancia, menor é a concentración de partículas víricas que se atopan no aire que respiramos.
  2. Ventilar as habitacións con frecuencia. A circulación de aire dilúe a densidade viral e o risco de exposición a inóculos elevados.
  3. Utilizar máscara en todo momento e retirala só de modo transitorio se hai que comer ou beber. Hai que levala ben posta, cubrindo nariz e boca, que é onde están os receptores que utiliza o coronavirus para infectar o corpo humano.
  4. Manter distancias entre persoas. Evitar estar moi próximos dificulta que os aerosois emitidos ao falar vehiculicen pingas respiratorias con virións á cara do interlocutor.
  5. Reducir o tempo das reunións de grupos. Canto menor é a duración dunha actividade grupal nun espazo pechado, menor é o risco de inhalar virións circulantes no aire da habitación.

Utilizar tests rápidos de antíxeno antes da reunión

Ademais das medidas mencionadas que perseguen reducir a exposición ao coronavirus, nas últimas semanas apareceu unha nova ferramenta para reducir a transmisión do coronavirus. Trátase dos test rápidos de antíxeno. A súa utilidade é extraordinaria se se utilizan de forma adecuada. Trátase de identificar a todos aqueles que, con síntomas ou sen eles, poderían ser contaxiosos nese momento. A súa exclusión dun evento nun espazo pechado reduciría drasticamente o risco de transmitir a infección aos asistentes.

Os test rápidos de antíxeno foron aprobados polas axencias reguladoras, de modo que teñen unha sensibilidade e especificidade suficientes. Serven para substituír ás PCR como probas de cribado. Teñen varias vantaxes respecto a as PCR:

  1. Son máis baratos. Mentres que as PCR teñen un prezo superior a 100 euros, as probas rápidas de antíxeno valen menos de 5 euros.
  2. Non precisan laboratorios sofisticados para a súa realización. Fanse en calquera lugar. Na farmacia, na consulta do médico, no domicilio, etc.
  3. O resultado está dispoñible en menos de 15 minutos, mentres que a PCR precisa varias horas e, moi a miúdo, o resultado non se dá ata o día ou os días seguintes.
  4. Son fáciles de interpretar e non requiren persoal especializado, como o que debe informar a PCR. O resultado do antíxeno do Covid-19 recoñécese cunha banda nunha tira de plástico, como un test de embarazo.
  5. Reflicten mellor a fase de contaxiosidade, porque o antíxeno recoñece replicación viral activa, mentres que a PCR identifica fragmentos do xenoma do coronavirus, mesmo cando este xa deixou de ser contaxioso. De feito, a PCR pode manterse positiva durante ata cinco semanas despois de resolverse a infección. Para entón xa non hai risco de contaxio, un período que non dura máis de 7-10 días.

Para maximizar a eficacia das probas rápidas de antíxeno, son necesarias varias melloras:

  1. Deben poder realizarse con saliva en lugar de precisar unha mostra recollida na orofarinxe. Aínda que isto último é menos molesto cá toma de exsudado nasal das PCR, unha toma de saliva é moito máis sinxela.
  2. Deben estar dispoñibles en paquetes de 25 a 100 tests para a venda ao público xeral en farmacias, como as probas de embarazo. Por suposto, haberá que recomendar que se consulte ao médico en caso de positividade.

Con todo o anterior, a perspectiva dunhas festas do Nadal coa familia albíscase como posible, sen risco de coronavirus. Pero é necesaria a responsabilidade de todos para vivir as medidas comentadas.


* Vicente Soriano é profesor na Facultade de Ciencias da Saúde e o Centro Médico da UNIR-Universidad Internacional de La Rioja.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se esgotou (outra vez) o papel hixiénico o día do apagamento?

O comportamento colectivo de compra compulsiva é un patrón habitual das crises, e así aconteceu durante a pandemia de 2020

“A ‘enfermidade X’ pode chegar a ser unha ameaza para a nosa forma de vida”

A doutora María Eugenia Puentes alerta da necesidade de mellorar protocolos e prepararse ante futuros desafíos epidemiolóxicos

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid