Cemiterio de vítimas da gripe de 1918 na illa ártica de Svalbard. Foto: Visit Svalbard.
Cemiterio de vítimas da gripe de 1918 na illa ártica de Svalbard. Foto: Visit Svalbard.

Quince virus que cambiaron a historia da Humanidade

* Un artigo de

O toque real era un procedemento de imposición de mans practicado por reis franceses e ingleses durante a Idade Media e o Renacemento. O seu obxectivo era sandar as fatídicas doenzas dos seus súbditos. Aínda que se utilizaba especialmente contra a tuberculose, durante unha época a súa práctica estendeuse a outro tipo de enfermidades, tanto de orixe bacteriana como vírica.

Durante o reinado de Isabel I o costume volveu quedar restrinxido ao ámbito da escrófula, un proceso infeccioso que afecta aos ganglios linfáticos.

Isabel I foi unha raíña audaz, rotunda, poderosa e a última monarca da dinastía Tudor que gobernou Inglaterra e Irlanda. Tanto o seu aspecto físico como os seus hábitos cosméticos eran moi característicos. Naquela época, maquillarse era sinal de distinción e a raíña facíao profusamente con cerusa de Venecia, un pigmento branco tamén coñecido como albaialde.

A maquillaxe outorgáballe un aspecto branco inmaculado, case virxinal e combinaba co seu apelativo, “a Raíña Virxe”. É esa estampa de pel esbrancuxada a que pasou á posteridade e chegou ata os nosos días.

Retrato de Isabel I (de autor anónimo, cara a 1589), conmemorando a derrota da armada española. Fonte: Wikimedia Commons.
Retrato de Isabel I (de autor anónimo, cara a 1589), conmemorando a derrota da armada española. Fonte: Wikimedia Commons.

O motivo polo cal Isabel I usaba tanta cantidade de maquillaxe era ocultar as acentuadas e numerosas marcas faciais que lle causou unha enfermidade mortal que contraeu con 29 anos: a varíola. Conseguiu sobrevivir, pero as cicatrices que o virus deixou no seu corpo acompañárona toda a vida.

Do mesmo xeito que o da varíola, moitos outros virus desempeñaron un papel esencial en importantes episodios da historia, sexa en literatura, arte, ciencia, política ou noutras moitas facetas terreais que conforman as arestas da nosa existencia como especie. Estes son só algúns exemplos.

A varíola e a primeira campaña de vacinación masiva

A varíola é a enfermidade que causa o virus variola, un Orthopoxvirus moi contaxioso que acabou coa vida do todopoderoso Ramsés V, cuarto faraón da dinastía XX de Exipto, e do emperador azteca Moctezuma.

A extensión da fatídica doenza durante os séculos XVIII e XIX provocou que en 1803 o médico militar español Francisco Javier de Balmis e Berenguer organizase “a Real Expedición Filantrópica da Vacina”, bautizada como Expedición Balmis. O seu obxectivo era vacinar contra esta enfermidade a todos os súbditos do Imperio español.

Monumento na Coruña ós nenos orfos da expedición Balmis. Foto: Wikicommons.
Monumento na Coruña ós nenos orfos da expedición Balmis. Foto: Wikicommons.

A acción estivo apoiada e sufragada polo rei Carlos IV, comprometido coa causa tras ver morrer de varíola á súa filla, a infanta María Teresa. A fazaña, que se desenvolveu entre 1803 e 1814, constituíu a primeira campaña de vacinación masiva da historia.

En 1980, a Organización Mundial da Saúde (OMS) certificou a erradicación da varíola como consecuencia dunha excepcional campaña de vacinación global capitaneada polo epidemiólogo Donald Henderson.

O virus do mosaico do tabaco e o desenvolvemento da viroloxía

En 1882, o alemán Adolf Mayer describiu por primeira vez a enfermidade do mosaico do tabaco. Ao mesmo tempo, en San Petersburgo, tamén Dmitri Ivanovsky estudaba a patoloxía. Ivanovsky demostrou que o axente que a causaba pasaba por un filtro esterilizante, sen advertir que descubrira un novo tipo de axente infeccioso: os virus.

O virus do mosaico do tabaco permitiu o desenvolvemento da viroloxía. Tamén contribuíu significativamente á comprensión da natureza xenética do ARN, o código xenético e ao avance da bioloxía molecular e ao entendemento das propiedades fisicoquímicas e antixénicas das macromoléculas.

Virus de Inmunodeficiencia Humana e SIDA: a primeira gran pandemia mediática

A finais do século XX, o virus da inmunodeficiencia humana (VIH) tivo un impacto devastador nos ámbitos social, económico, sanitario e demográfico do planeta, converténdose na primeira gran pandemia á que se enfrontou a sociedade tecnoloxicamente avanzada.

Nos seus últimos estadios é habitual que se dea algunha das máis de 20 infeccións oportunistas ou de cancros relacionados co contaxio do virus. Chegado ese momento, aplícase que a persoa sofre a síndrome da inmunodeficiencia adquirida (SIDA).

Máis de 35 millóns de persoas faleceron nas últimas décadas por causas relacionadas coa SIDA

Ata a data, estímase que faleceron máis de 35 millóns de persoas por causas relacionadas coa SIDA. Entre elas, celebridades como Freddy Mercury, Rock Hudson ou Anthony Perkins, que axudaron a visibilizar a enfermidade.

A presenza do virus cambiou o mundo, modificando os costumes, o comportamento, os hábitos sanitarios, o consumo de drogas, os métodos de prevención, as prácticas de atención médica e as relacións sexuais de millóns de persoas.

O virus do mosaico do tulipán e o “negocio do aire”

O virus do mosaico do tulipán (PDF) provoca unha redistribución dos pigmentos na flor do tulipán orixinando exemplares marabillosos e únicos. A mediados do século XVI, afectou por vez primeira ao cultivo do tulipán en Holanda, dando lugar a variedades impredicibles, irrepetibles, que acenderon a cobiza e o desexo dos compradores.

A posesión dun daqueles rechamantes tulipáns era símbolo de opulencia e poder. Así, en 1623, o prezo dun único bulbo superou en cinco veces ao salario anual dun artesán.

En 1637 a especulación polos bulbos de tulipán colapsou. As bancarrotas regaron o país, a economía holandesa rachouse e o panorama social quedou reorganizado. O fenómeno foi coñecido como windhandel (negocio de aire) e constituíu a primeira gran burbulla económica da historia.

O enterobacteriófago T4

O bacteriófago T4 ou fago T4 é un virus que infecta á bacteria Escherichia coli e un dos organismos modelos máis utilizados nos laboratorios científicos.

É fácil e seguro de cultivar, polo que o seu estudo intensificouse desde mediados do século XX. Grazas a iso, descubríronse moitos dos principios básicos e xenerais da bioloxía molecular e da evolución destes patóxenos. O pequeno virus cambiou o curso da investigación científica e da ciencia elemental a nivel mundial.

Que papel tivo o sarampelo na colonización de América?

O sarampelo é unha enfermidade vírica moi contaxiosa que pode causar complicacións graves como cegueira, encefalite, diarrea intensa, infeccións do oído ou pneumonía.

En 2018 faleceron 140.000 persoas por sarampelo no mundo

Segundo as estimacións da OMS e os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos (CDC), en 2018 máis de 140.000 persoas morreron de sarampelo en todo o mundo.

Chegou ao continente americano no século XV, xunto aos colonizadores españois. Os indíxenas non estaban inmunizados fronte á enfermidade, polo que as epidemias de sarampelo e varíola facilitaron que os conquistadores Hernán Cortés e Francisco Pizarro, apoiados por só uns centos de soldados, puidesen dobregar a poderosos exércitos ben establecidos como o azteca de Moctezuma, en México, ou o inca de Huayna Cápac, en Perú.

O SARS-CoV, un punto de inflexión na economía asiática

O SARS-CoV é un coronavirus que foi detectado por primeira vez no ano 2002 na provincia chinesa de Guangdong. É o responsable da síndrome respiratoria aguda grave (SARS). Segundo a OMS, máis de 8.000 persoas enfermaron do SARS durante o brote de 2003. 774 morreron.

A nova enfermidade provocou que o goberno chinés impuxese corentenas e illamento a gran parte da poboación, impedindo o desenvolvemento das prácticas comerciais habituais. Consecuencia diso, algunhas empresas comezaron a fomentar o comercio electrónico.

O SARS-CoV de 2002 xa impulsou importantes cambios no comercio e a economía en Asia oriental

Por exemplo, o negocio da plataforma Alibaba creceu un 50%. A compañía lanzou Taobao que en apenas dous anos superou a eBay, converténdose en líder do mercado chinés e facilitando o desenvolvemento do próspero comercio electrónico actual.

Como a febre amarela interrompeu a construción da canle de Panamá

A febre amarela é unha enfermidade vírica aguda e hemorráxica, ocasionada por arbovirus do xénero Flavivirus e transmitida por mosquitos infectados dos xéneros Aedes e Haemogogus. A finais do século XIX, a enfermidade obstaculizou as obras da canle de Panamá. Dado que os traballadores enfermaban ou abandonasen o posto por temor ao contaxio, a súa construción atrasouse 33 anos.

De feito, a febre amarela, a malaria e unha desastrosa xestión provocaron o abandono do proxecto e o final da “canle francesa”. Isto fixo que o goberno de Estados Unidos financiase o proxecto, ao obter os dereitos de explotación e construción. Finalmente, foi inaugurado o 15 de agosto de 1914, converténdose nunha das obras de enxeñería máis importantes da historia.

A peste porcina africana: un lastre para o mercado da carne de porco en 2018

A peste porcina africana (PPA) é unha enfermidade moi contaxiosa producida por un virus ADN da familia Asfarviridae. Non representa unha ameaza para a saúde humana, pero que é letal para os porcos domésticos e os xabaríns de todas as idades.

Dado que a PPA é unha enfermidade de declaración obrigatoria á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE), cando aparece un brote nunha explotación porcina, todos os porcos deben ser sacrificados e débense implementar estritas medidas sanitarias. Accións que provocan perdas económicas directas e indirectas e consecuencias sociais nas rexións afectadas.

A PPA non afecta á especie humana pero é letal para porcos e xabaríns

En agosto de 2018, un brote de PPA apareceu no nordeste de China e rapidamente estendeuse polo país. A pesar de que China é un dos maiores produtores e consumidores de carne de porco do mundo, a enfermidade acabou co 40% destes animais no país. Centos de millóns de animais morreron ou tiveron que ser sacrificados.

O resultado foi unha escaseza crónica de carne de porco e un aumento vertixinoso dos prezos. As importacións de carne de porco aumentaron pero, ao non haber suficientes exemplares porcinos no mundo para abastecer a China, os prezos en todos os países ascenderon.

Por mor da imposibilidade de criar porcos, China deu prioridade á produción de polos. Ademais, deixou de comprar cereais e soia para pensos no mercado exterior, alterando todos os mercados a nivel global.

Virus da peste porcina africana. Fonte: Wikimedia Commons.
Virus da peste porcina africana. Fonte: Wikimedia Commons.

A vacina contra a poliomielite, inspiración musical

O virus da polio transmítese de persoa a persoa, case sempre por vía fecal-oral, pero tamén pode transmitirse pola auga ou os alimentos contaminados. Durante o século XX a enfermidade alcanzou proporcións epidémicas. Combatela foi un obxectivo preferente para tentar conseguir a súa erradicación.

En 1921, Franklin Delano Roosevelt contraeu poliomielite e o virus deixouno nunha cadeira de rodas o resto da súa vida. Por iso é polo que, ao converterse en presidente de Estados Unidos en 1933, iniciase a coñecida “guerra contra a polio”. A popularidade de Roosevelt foi tan grande que lle permitiu ser o único presidente en gañar catro eleccións americanas.

En 1963, o Goberno realizou unha agresiva campaña publicitaria a favor da vacinación contra a polio coa vacina Sabin. Administrarlle esta a un dos seus fillos inspiraría ao compositor Robert Sherman na creación dunha das melodías máis famosas da historia do cinema: A Spoonful Of Sugar, de Mary Poppins.

O adenovirus humano tipo 12

Os adenovirus foron descubertos por primeira vez en 1953 por Wallace Rowe. Illáronse dun cultivo de células de tecido adenoide, de aí o apelido de Adenoviridae.

Trátase de virus de tamaño pequeno que inclúen sete especies de adenovirus humanos (da a G) e 57 serotipos inmunolóxicamente distintos. En 1962, John Trentin e os seus colegas descubriron que, en condicións de laboratorio, o virus causaba cancro en crías de hámster. Esta foi a primeira demostración de actividade oncoxénica causada por un virus humano.

Os adenovirus axudaron aos científicos no estudo das funcións dos xenes. Tamén a comprender o empalme do ARN mensaxeiro, a poliadenilación alternativa, os potenciadores e a inactivación de proteínas dos xenes supresores de tumores.

Virus da gripe H1N1, gripe española e ‘baby boom’

A gripe estacional é unha enfermidade vírica coñecida e temida. Algunhas das súas cepas provocaron terribles pandemias. A máis notable, a coñecida como gripe española en 1918, causou a morte de máis de 40 millóns de persoas.

Hospital de campaña para a gripe en Kansas en 1918.

O axente causante foi o tipo H1N1 do virus da gripe. Este, ao desencadear unha incontrolada tormenta de citoquinas, conduciu ao descontrol do sistema inmunolóxico e a unha inflamación e dano pulmonar irreversible.

A pandemia revelou que as enfermidades infecciosas eran un problema que debía abordarse a nivel poboacional. Durante os anos posteriores moitos países cambiaron a súa estratexia de saúde pública. Por unha banda, optaron por adoptar o concepto de medicina socializada; por outro, reforzaron os sistemas de vixilancia e de atención médica.

O dramático descenso poboacional viuse compensado nos anos seguintes polo efecto baby boom. Alentado polas estratexias de gobernos de numerosos países, impulsou a natalidade e as características familias numerosas de mediados do século XX.

O virus John Cunningham

O virus John Cunningham ou virus JC é moi común. De feito, está presente entre o 50 e o 70% da poboación humana. Aínda que se contrae durante a infancia, parece que permanece latente ata que algunha circunstancia (como a supresión do sistema inmunitario) o reactiva e permite a súa proliferación, que pode producir infeccións cerebrais graves.

Hai polo menos 14 subtipos de virus asociados con diferentes poboacións humanas. Debido á súa presunta codivergencia cos humanos, o virus JC utilizouse como marcador xenético para a evolución e a migración humanas. Púidose observar que os presentes nas persoas nativas do nordeste de Asia son moi parecidos aos que posúen os nativos norteamericanos. Esta situación apoiaría a hipótese dunha migración arcaica desde Asia a América do Norte a través da ponte de terra de Bering.

Que relación hai entre o personaxe de Brancaneves e a varicela?

A varicela é unha infección sistémica aguda provocada polo virus varicela-zóster que adoita aparecer na infancia. As súas epidemias prodúcense tanto no inverno como ao comezo da primavera e repítense en ciclos de 3 ou 4 anos.

Segundo parece, a infección mantén certa relación co personaxe de Brancaneves: a súa historia está inspirada na figura de Maria Sophia Margaretha Catharina von Erthal, unha princesa alemá orfa de nai, que durante a súa infancia sufriu unha cegueira parcial ao contraer a varicela. A bondade de Catharina unida á minusvalía que padecía valeulle o aprecio e o afecto incondicional do pobo.

Anos máis tarde, a historia chegou a oídos dos irmáns Grimm que construíron un magnífico relato ao redor dela. Así, sen querelo, a varicela orixinou un marabilloso conto que nos acompañou desde a infancia.

Representación do coronavirus SARS-CoV-2. Fonte:Center for Disease Control and Prevention.
Representación do coronavirus SARS-CoV-2. Fonte:Center for Disease Control and Prevention.

A actual pandemia por SARS- CoV-2 e a industria holandesa do visón

O actual brote da enfermidade Covid-19 causada polo coronavirus SARS-CoV-2 notificouse por primeira vez en Wuhan (China) o 31 de decembro de 2019. Desde entón, o virus matou a máis de 1.200.000 persoas e acelerou cambios profundos na nosa sociedade como o comportamento habitual, a forma en que nos relacionamos e mesmo as liñas de negocio de diferentes países.

Moitos animais son susceptibles á infección por SARS- CoV-2. En especial os visóns, que manifestan problemas respiratorios similares aos humanos.

Países Baixos é o cuarto país do mundo en produción de visóns (uns seis millóns de animais ao ano). Aínda que en 2012 o senado holandés votou a favor da prohibición da súa cría por motivos éticos e permitiu un período de transición de 12 anos, a situación cambiou radicalmente: a rápida propagación do SARS-CoV-2 infectou a máis dun terzo de todas as granxas de visóns holandesas, demostrando a evidencia da transmisión do SARS-CoV-2 do animal a humano dentro das granxas de visóns.

Por iso, o goberno holandés viuse obrigado a adiantar o fin dos programas de cría de visóns do 1 de xaneiro de 2024 a finais de marzo de 2021.

En fin, son moitos os virus que modificaron a nosa historia. Teñamos por seguro que no futuro seguirán sendo protagonistas das nosas vidas.


* Raúl Rivas é catedrático de Microbioloxía na Universidad de Salamanca.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

1 comentario

  1. Moi interesante a relación historia, economía e ciencia. Noraboa polo artigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.