Xoves 28 Marzo 2024

O peche perimetral e da hostalaría esténdese a Bergantiños e Ribadavia

Sanidade anuncia novas limitacións en sete municipios ao constatar o aumento da incidencia, e mantén as medidas vixentes noutros 60 concellos

(en actualización) – O subcomité clínico da Xunta de Galicia, reunido este venres, acordou ampliar as restricións por mor da transmisión do coronavirus SARS-CoV-2 a seis dos sete concellos da comarca de Bergantiños (Carballo, Malpica de Bergantiños, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Laxe e Ponteceso, agás A Laracha), e a Ribadavia. Neles decrétase, por tanto, o peche na hostalaría, o peche perimetral e a prohibición de reunións de non conviventes. Unha orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia establecerá as medidas concretas que, de non haber novidades, entrarán en vigor na medianoite do venres ao sábado.

Estes municipios súmanse así aos peches xa establecidos na cidade de Lugo, e as áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra, Ferrol, as comarcas do Deza e O Salnés e outros concellos nos que se mantén vixente o peche pola súa alta incidencia. Chantada, A Rúa e Sanxenxo mantéñense en seguimento pola importante acumulación de novos casos, pero por agora non se toman novas medidas neles.

Publicidade

No caso da Costa da Morte, nas comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira, Sanidade mantivo reunións cos alcaldes e alcaldesas da zona na que se informou do aumento de casos activos na zona, pasando nunha semana de 370 a 562, e duplicándose en localidades como Carballo, con 126 positivos activos, e Vimianzo, onde xa estaba vixente o peche perimetral de da hostalaría, con 138 activos.

Así queda o mapa de limitacións:

🗺️Medidas para os 68 concellos destacados no mapa

🚧 Peche perimetral. O peche abrangue, por unha parte, a 41 municipios vinculados ás áreas das cidades de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Como no caso de Pontevedra e Vigo, os peches agrupados conflúen, as limitacións chegan ata Redondela (no caso de Vigo) e Soutomaior (no caso de Pontevedra). É dicir, a mobilidade entre os dous municipios citados queda restrinxida.

Outros doce (Lalín, A Estrada e Silleda, por unha parte, Vilagarcía, Vilanova de Arousa e Cambados, por outra, e Carballo, Malpica, Coristanco, Cabana, Ponteceso e Laxe, na comarca de Bergantiños) terán tamén un peche conxunto. Noutros 14 concellos o peche será individual. De manterse o criterio respecto ás medidas vixentes ata o venres, o tránsito por estes concellos estará permitido sen ningunha restrición, sempre que a orixe e o destino non estea dentro do mapa de limitacións. É dicir, é posible viaxar de Camariñas á Laracha, por exemplo, aínda que nos concellos do tránsito estea limitada a mobilidade.

🏠 Reunións limitadas a persoas conviventes.

☕️ 🍺 Pecharán os locais de hostalaría. Os establecementos estarán pechados, pero permítese a recollida no local e manterase o servizo a domicilio.

🏃🏽‍♀️ Práctica deportiva restrinxida á actividade individual.

🎭 Nos espazos culturais, como cines, teatros, auditorios e outros recintos, a capacidade estará limitada ao 50%, mais cun límite de 30 persoas en interior e 75 no exterior.

Situación no resto de áreas

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, analizou polo miúdo a evolución nas diferentes áreas. No caso das cidades de Ferrol e Santiago e a súa contorna, obsérvase un descenso no número de novos casos. A situación preocupa máis na área de Vigo, onde a tendencia non é aínda descendente.

Durán nomeou tamén a evolución en Bergantiños, onde se constata unha acumulación de 239 casos detectados nos últimos sete días e 371 nas últimas dúas semanas. Porén, ao amosar o concello da Laracha unha situación menos desfavorable, decidiuse manter á marxe do peche perimetral.

Este venres, o Sergas informou de 611 positivos confirmados nas últimas 24 horas mediante proba PCR. Os casos activos redúcense lixeiramente ata 9.532, e súmanse sete falecementos, que elevan o número total de persoas que perderon a vida coa infección da Covid-19 ata as 1.046.

A evolución é dispar nas distintas áreas sanitarias. Dos 611 positivos notificados, 217 rexistráronse na área de Vigo e 120 na da Coruña-Cee. Santiago-Barbanza suma 98, Pontevedra-Salnés 65, Ferrol 46 e as provincias de Lugo e Ourense, que se corresponden con cadansúa área sanitaria, rexistraron 40 novos casos.

Esta é a evolución dos casos activos:

Así está a situación nos hospitais, nos que este venres había 96 persoas na UCI e 494 noutras unidades de hospitalización:


Medidas de contención e novos casos: está freándose a Covid-19 en Galicia?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes