Diversos colectivos de investigadores e investigadoras predoutorais levan anos litigando para mellorar as condicións laborais da etapa inicial na carreira científica, na que se elabora a tese de doutoramento. Un dos avances acadados, a raíz dunha demanda presentada no 2017 contra a USC por Comisións Obreiras, era o recoñecemento do dereito á indemnización por extinción de contrato nesta etapa, e que respaldou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cunha sentenza publicada o ano pasado. Porén, a institución universitaria recorreu a decisión ante o Supremo, e esta instancia decidiu recentemente estimar o recurso de casación da USC, o que anula a sentenza do TSXG. Deste xeito, o colectivo predoutoral volve atoparse na situación previa, o que fixo que varias entidades comezasen unha campaña de mobilizacións para resolver a cuestión.
Este venres, a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que representa a membros da USC, valorou nun comunicado que a sentenza do Supremo “condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario”. Un dos puntos clave do litixio durante este tempo foi a consideración (ou non) dos contratos predoutorais como un contrato formativo. O fallo do TSXG equiparaba a etapa predoutoral cun contrato por obra ou servizo, pero o Supremo equipárao a un contrato en prácticas, de carácter formativo. “A Sala entende que o lexislador deseñou unha modalidade contractual de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización de fin de contrato no momento da súa finalización, na mesma liña seguida con outros contratos temporais do Estatuto do Traballador”.
🗞️ Aquí tendes a nosa valoración da sentenza do TS sobre a indemnización das predoutorais!
💪 Non pararemos de loitar ata acabar coas discriminacións! É o momento de que @CienciaGob e @astro_duque nos recoñezan este dereito!#SinDerechosTampocoHayCiencia https://t.co/3i5CnfEzcG
— Asemblea de Investigadoras de Compostela (@AsembleaUSC) November 13, 2020
Ante isto, a AIC considera: “Preguntámonos como é posible que o TS non entenda que a realización dunha tese de doutoramento é, efectivamente, unha tarefa de investigación con autonomía e substantividade propia que, aínda que de duración incerta, está limitada no tempo. E que non entenda que é un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento”, expoñen no comunicado.
Do mesmo xeito, cualifica a interpretación do Supremo como “un exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas”. E conclúen: “Non podemos estar en máis desacordo con esta sentenza”, ao tempo que fan un chamamento á comunidade investigadora e “aos centros e universidades que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras a seguir contemplándoos nos seus contratos”.
Recollida de sinaturas e petición ao Congreso
Coa publicación da sentenza do Supremo, e ante a perspectiva de afectar a todo o colectivo predoutoral no territorio español, xerou unha sucesión de reaccións. FPU Investiga, entidade de ámbito estatal que representa a un importante número de investigadores desta etapa, considerou a sentenza como un “atropelo” e “un paso máis na progresiva precarización dun sector clave para a nosa sociedade”.
Diante deste novo escenario, a entidade esixe ao Goberno español unha modificación lexislativa urxente da Lei de Ciencia para recoñecer expresamente este dereito ao finiquito. Para isto iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas.
Iniciamos esta campaña de recogida de firmas para dirigirnos al Congreso de los Diputados y exigir el derecho a indemnización por finalización de contrato del colectivo predoctoral 📝
#SinCienciaNoHayFuturo y #SinDerechosTAMPOCOHayCiencia 💪 Apoya aquí 👉 https://t.co/JvpuFdx0T6— FPU investiga (@FPUinvestiga) November 12, 2020
Pola súa parte, a Asemblea de Investigadoras de Compostela enviou aos grupos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados unha petición de emenda á mesma lei, co obxectivo de garantir a indemnización por fin de contrato nesta etapa da carreira científica.
📤 Acabamos de envíar a todos os grupos do @Par_Gal e do #Congreso_Es unha petición de emenda á Lei da Ciencia.
Se o problema é de interpretación do que "pretendía o lexislador", está nas vosas mans arranxalo.@CienciaGob @astro_duque @gpscongreso @PodemosCongreso pic.twitter.com/13DClAAQPS
— Asemblea de Investigadoras de Compostela (@AsembleaUSC) November 13, 2020