A USC recorrerá ao Supremo a sentenza sobre o finiquito dos investigadores predoutorais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emite unha sentenza a raíz dunha demanda presentada no 2017 por Comisións Obreiras

Protesta contra a precariedade da AIC este xoves diante do reitorado da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.
Protesta contra a precariedade da AIC este xoves diante do reitorado da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que fixo pública este venres a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), recoñece o dereito aos investigadores predoutorais da USC a recibiren a indemnización por extinción de contrato, segundo informou a organización estudantil. No seu fallo, ante o que cabe recurso ao Supremo, o TSXG alude en varias ocasións ao principio de non discriminación entre traballadores, que ao seu xuízo se viu vulnerado, e respalda a demanda presentada por Comisións Obreiras en 2017.

A ausencia de indemnización aos investigadores en fase predoutoral que rematan o seu contrato na universidade é unha das prinicipais reclamacións da AIC, que hai varios meses iniciou mobilizacións de protesta para poñer fin á precariedade que padecen centos de persoas que están iniciando a súa carreira investigadora na universidade compostelá. Entre outros aspectos, denuncian os investigadores, están a recibir unha atribución  por debaixo do salario mínimo que establece a propia universidade para a súa categoría laboral.

A precariedade mobiliza á mocidade investigadora da USC

A USC recorrerá a decisión por “seguridade xurídica”

Desde o equipo de goberno da USC recoñécese o problema e a necesidade de abordalo. “A situación non é a desexable”, asumiu en febreiro o reitor Antonio López. Non en tanto, subliñan tamén que a falta de recursos impide solucionar polo momento o asunto.

En declaracións a GCiencia, o xerente da universidade, Xavier Ferreira, adiantou que a USC vai presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, “por unha cuestión de seguridade xurídica“. Ferreira expón que “non imos cuestionar a sentenza, pero si nos parece unha interpretación un tanto forzada, ou polo menos non moi clara, vendo o contexto que hai, polo que queremos contar coa seguridade necesaria para proceder”.

Non en tanto, desde a xerencia aclaran que os investigadores predoutorais “están no seu lexítimo dereito” a esixir o finiquito, aínda que a propia USC subliña que, cos recursos actuais, é complicado afrontar esta e outras melloras laborais. A isto se debe, precisamente, o recurso da USC. “Queremos un pronunciamento do Tribunal Supremo, porque as súas decisións afectan a todo o Estado, e este non é un problema que afecte en particular á USC ou a Galicia. E se o pronunciamento é na mesma liña ca o do TSXG, por suposto que o acataremos, pero tamén trasladaremos isto ás administracións para que acheguen os recursos precisos”.

Desde a Asemblea de Investigadoras acolleron “con moita satisfacción o fallo do tribunal superior de xustiza, expón o seu voceiro, Fran Prieto. “É unha das cuestións clave que vimos reclamando desde o comezo das mobilizacións, e que o equipo de goberno se negou a tratar ata agora”, lamentan.

“Ten que haber diálogo xa”

A entidade subliña tamén que o TSXG nega na sentenza que o contrato predoutoral poida ser considerado un contrato formativo, pois afirma que “en modo algún pode equipararse ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación”. Así, o fallo xudicial equipara o contrato  predoutoral ao contrato por obra ou servizo. Esta foi, segundo a AIC, unha das argumentacións do equipo de goberno “para negarlle aos seus traballadores e traballadoras este e outros dereitos”.

O colectivo de investigadoras, que reúne a unha importante parte de mozas e mozos que comezan a súa carreira académica, subliña tamén que “ten que haber diálogo xa” despois desta nova decisión da xustiza. Por agora, segundo Fran Prieto, “non se nos recoñece como interlocutores válidos, xa que só se queren sentar a falar cos sindicatos”, lamentan. Do mesmo xeito, critican tamén “que a universidade pública prefira gastar os seus recursos en bufetes de avogados e litixios antes que mellorar os servizos e as condicións dos seus traballadores”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.