Protesta contra a precariedade da AIC este xoves diante do reitorado da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.
Protesta contra a precariedade da AIC este xoves diante do reitorado da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.

A precariedade mobiliza á mocidade investigadora da USC

Máis dun cento de persoas secundan á Asemblea de Investigadoras na primeira concentración para reclamar o salario que lles corresponde

Os contratos FPU e FPI son unha das principais vías para comezar a carreira investigadora en Galicia. Contratos que se acadan despois de anos de esforzo, labrando desde o comezo un bo currículo e expediente, e que abren o camiño aos que serán os futuros investigadores e profesores universitarios. Hoxe en día, segundo denuncia a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), as persoas que traballan con estes contratos afrontan un panorama de precariedade. “Danse situacións tan inicuas como que, por exemplo, unha investigadora en formación contratada con financiamento do Ministerio (FPU/FPI) estea a percibir en 2019 1.006,76 € anuais menos que o salario mínimo que establece a propia Universidade para esa categoría laboral”.

Preto de 1.000 persoas, en moitos casos mozas e mozos que dan os seus primeiros pasos da súa traxectoria profesional, viven desde 2016 en desvantaxe respecto ao resto dos traballadores. Así o denuncia a AIC, que despois de anunciar mobilizacións ante a falta de resposta do equipo de goberno da USC, celebrou este xoves diante da sede do reitorado a primeira das concentracións de protesta, co lema “Por unha USC digna“, á que asistiron máis dun cento de persoas.

Aquel ano 2016, dacordo cos orzamentos da Xunta, aplicouse a suba do 1% do salario para parte do persoal contratado. Mais non para todos. “Nun primeiro momento, a USC só lle incrementou o salario ao funcionariado e ao persoal laboral. Nun acordo posterior de conciliación ao que chegou a Universidade co Comité Intercentros, conseguiuse que tamén percibise o incremento salarial o persoal contratado con cargo a proxectos”, explican desde a AIC. Porén, “a USC deixou fóra destes incrementos salariais a outra parte do persoal contratado con cargo a actividades de I+D+i, en concreto, a todas as persoas que entraban como contratadas na USC a través de convocatorias públicas”, denuncia a asemblea.

Concentración contra a precariedade dos investigadores da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.
Concentración contra a precariedade dos investigadores da USC. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Os seguintes incrementos salariais para os empregados públicos (outro 1% no 2017, un 1,75% no 2018 e un 2,25% no 2019) agravaron a fenda de precariedade entre este colectivo e o resto de persoal. Unha fenda que se extende tamén ás indemnizacións por extinción de contrato, que a USC “deixou de pagar” tamén desde 2016.

O equipo de goberno recoñece unha situación “que non é a desexable” e convoca unha reunión

Tanto na súa campaña como no seu discurso de investidura, o reitor Antonio López e o seu equipo recoñeceron o problema e a necesidade de abordalo. Mais case un ano despois da chegada do novo grupo de goberno, a AIC non ve a suficiente vontade de solución, a pesar de “reiteradas” peticións de diálogo. “Unha Universidade que avogue pola excelencia investigadora e docente non pode permitir ter empregados e empregadas que, dentro da mesma categoría laboral, cobren de maneira diferente, pois o único que se consegue é xerar unha situación de discriminación e vulnerabilidade dos dereitos dalgunhas persoas”, lamentan as investigadoras.

Hai tres semanas, nun encontro con xornalistas, o reitor Antonio López recoñeceu que “a situación non é a desexable”, mais engadiu que “os recursos son os que son“. Segundo López, as Administracións que financian estes contratos (Xunta e Estado), non están achegando os recursos suficientes para ingresarlles este incremento ao colectivo de investigadores que está cobrando por debaixo do salario mínimo que establece a propia USC. “Se poñemos este incremento, temos que quitar doutro lado”, expuxo o reitor.

Comparativa entre a situación dos investigadores afectados pola non suba do salario e o resto de persoal. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.
Comparativa entre a situación dos investigadores afectados pola ‘conxelación’ do salario e o resto de persoal. Fonte: Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Non en tanto, as mobilizacións parecen surtir algún efecto. Desde a AIC confirman que recibiron unha convocatoria para reunirse coa Xerencia da institución. Un paso que consideran “positivo”, mais engaden que “non temos aínda garantía ningunha, nin sequera indicio, de que as nosas demandas vaian ser atendidas nin de que a USC vaia terminar coa discriminación existente”.

Unhas peticións que, para a asemblea, son “algo lóxico e xusto; que todas as persoas contratadas con cargo a actividades de I+D+i, independentemente das entidades que financien ou co-financien os seus contratos, perciban como mínimo, e segundo a súa categoría laboral, as retribucións brutas mínimas anuais establecidas na propia Normativa da USC”, ademais das indemnizacións previstas por extinción de contrato.

Dificultades para investigar

A precariedade, como é lóxico, redunda no rendemento das investigacións na que participa o colectivo. “Tendo en conta que as perspectivas de estabilización das carreiras profesionais das persoas que comezan a investigar na USC son nefastas, esta situación de vulneración dos nosos dereitos laborais o único que consegue é agravar a sensación colectiva de que os nosos traballos non son valorados polo equipo de goberno”, lamentan desde a AIC.

Martes negros

Alén da protesta deste xoves, A Asemblea de Investigadoras de Compostela comezou esta semana a celebrar os Martes Negros. A través do cancelo nas redes sociais #PorUnhaUSCDigna, e con camisolas que poñen á venda entre a comunidade universitaria e outras persoas que queiran apoiar a causa e denunciar a discriminación e precariedade pola que protesta a AIC, lembrarán todos os martes as súas demandas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.