Mércores 24 Abril 2024

Só quedan unhas 20 parellas de escribenta das canaveiras en Galicia

Un novo censo publicado na revista "Braña" recomenda unha aplicación "completa e eficaz" do plan de recuperación da especie en Galicia

A priori, a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) debería empezar a dar sinais de recuperación en Galicia. A pesar da súa vulnerable situación, é unha das escasísimas especies ameazadas que conta cun plan de recuperación aprobado pola Xunta (só son 3 de 198, segundo teñen denunciado repetidamente varias entidades ecoloxistas). Mais os resultados dun novo censo, publicado na revista Braña, que edita a Sociedade Galega de Historia Natural, volven advertir da necesidade de medidas efectivas. “Segundo os datos dispoñibles, quedarían unhas 20 parellas reprodutoras en Galicia fronte ás case 70 censadas en 2005, o que supón unha redución de arredor do 70% en tan só 13 anos“, advirte o traballo, realizado por Emilio Martínez Sabarís, Xabier Prieto Espiñeira, José Ramón Castro Gómez, José Luis Rabuñal Patiño, Cosme Damián Romay Cousido, Álvaro Rodríguez Pomares e Francisco Rosende Maneiro.

No traballo, o equipo investigador subliña tamén que “a falta de recursos materiais e humanos” provocou que a metodoloxía neste último censo, “fose algo máis sinxela” que a dos anteriores, realizados en 2005 e 2015. Deste xeito, “censáronse as zonas húmidas con presenza antiga de E. schoeniclus lusitanica empregando para varias das zonas húmidas censadas reproducións de cantos de individuos deste taxón”, explican os autores.

Publicidade

Para estudar a presenza da ave, visitáronse diversas localidades como a lagoa de Traba ou o canaval do Anllóns, dous dos lugares onde se mantén a poboación da especie. No caso do río Anllóns “efectuáronse anelamentos unha vez á semana ao longo da tempada de cría” e “realizáronse transectos con paradas de escoita e observación para detectar individuos da subespecie nas diferentes zonas húmidas”.

Táboa do censo de escribenta das canaveiras. Fonte: Braña.
Táboa do censo de escribenta das canaveiras. Fonte: Braña.

Os resultados obtidos amosan que se contabilizaron “entre 17 e 20 parellas da especie en Galicia, todas elas nas provincias da Coruña e Pontevedra”. Na táboa que acompaña ao texto pode verse o reparto por zonas. Destes resultados tírase, segundo os autores, que “a pesares de contar cun plan de recuperación dende maio de 2013, a tendencia da escribenta das canaveiras segue a ser negativa en Galicia”. Aclárase ademais que “aínda que os resultados de 2018 para Galicia son mellores que os de 2015, non se poden interpretar como un aumento dos efectivos reprodutores da especie pois, ao contrario que en 2015, o censo de 2018 foi exhaustivo e realizado polos mellores coñecedores da especie e das súas localidades galegas de cría”.

O límite norte da escribenta das canaveiras

Alén do censo para Galicia, o artigo de Braña tamén analiza a situación en Portugal, onde a tendencia tamén é negativa, cunha poboación inferior a 110 parellas. Con todo, hai pequenas sinais para o optimismo. “Cómpre salientar a recuperación da lagoa de Doniños (Ferrol) coma localidade de cría confirmada, logo de vinte anos sen detectarse”, expón o texto.

Non en tanto, outros datos levan a pensar que o límite norte da escribenta das canaveiras está en retroceso. Neste último censo, a ave “non foi observada noutras zonas húmidas de reprodución histórica polo extremo norte coruñés e lucense, coma San Xurxo, Pantín, Ortigueira ou Ribadeo”. Un dato que “cobra maior relevancia se o sumamos á súa extinción na totalidade da cornixa cantábrica, que deixa o límite norte da distribución de E. schoeniclus lusitanica na localidade da Frouxeira (Valdoviño).

Recomendacións

Ante esta situación, os autores do traballo recomendan varias liñas de actuación: “unha xestión conxunta do taxón entre Galicia e Portugal, a dotación dos recursos humanos e materiais precisos para unha implementación completa e eficaz do plan de recuperación da especie aprobado en Galicia, a restauración do hábitat das súas localidades de cría coñecidas a unha situación o máis parecida posible á existente na segunda metade do século XX, e ter en conta a experiencia de aneladores, ornitólogos e naturalistas coñecedores do taxón dentro do plan de recuperación”.

Referencia: Censo de Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus lusitanica en Galicia 2018 (Publicado na revista Braña o 23 de abril de 2019, ligazón en PDF).

1 comentario

  1. Parabéns por compartir esta información, publicada pola SGHN. A escribenta das canaveiras é sén dúvida unha das especies orníticas máis ameazadas en Galiza, aínda que non semella ter o suficiente “glamour” para destacarse nos medios xeneralistas.
    Esperemos que esta publicación no Braña consiga despertar a quen ten responsabilidade para lograr unha moi necesaria inversión se queremos conservar realmente a especie. Máis aló do papel mollado que acaban por ser todos os planos de conservación da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Braña” (1977), a primeira revista científica en galego

A finais dos anos 70 aparecía esta publicación impulsada por Francisco Díaz Fierros e a Sociedade Galega de Historia Natural

Citan por primeira vez en Galicia unha serpe propia do noreste da península ibérica

A revista "Braña" publica a observación dun exemplar da serpe de escolapio "Zamenis longissimus" en Nogueira de Ramuín, á beira do Sil