Non sei se a vostedes lles acontece algunha vez, pero eu teño unha pantalla de TV que ás veces fica un pouco preguizosa e ás veces non acende. Tamén pode ser controlada por un mando a distancia, como é habitual. O caso é que como esta TV ten o seu ritmo, sempre que non acende dubido de se é a pantalla ou son as pilas que se acaban.
Ata que pensei nesta idea. O mando da TV emite ondas electromagnéticas no espectro do infravermello e nós non podemos ver se está a emitir ou non xa que o ollo humano é insensible a elas. Mais as cámaras do noso smartphone non incorporan filtro para esas ondas. Polo que a nosa cámara pode detectar emisións que nós non vemos. Desde que descubrín este pequeno truco, deixei de andar ofuscada buscando o erro no mando e xa só me centro en acender e apagar a pantalla, e xa funciona, aforrando tempo e de andar con pilas de máis. Fagan a proba vostedes mesmos e comproben como existen cousas que non vemos! É, simplemente ciencia.

É tamén un exemplo divertido para ensinar ás crianzas, que, dependendo da idade ficarán simplmente abraiadas e divertidas ou se xa aprenderon algo de ondas electromagnéticas poden ver unha aplicación práctica :).