Sábado 27 Abril 2024

“O mexillón é un modelo para aprender a combater enfermidades”

Os científicos galegos Antonio Figueras e David Posada lideran o equipo que publicou o panxenoma do molusco, o primeiro nun animal

Xa pasaron case 10 anos desde que Antonio Figueras e David Posada se marcaron un reto: obter o xenoma completo dun animal sen o cal hoxe Galicia sería bastante distinta. O mexillón (Mytilus galloprovincialis) mudou a paisaxe das rías, deu traballo a miles de persoas e levou polo mundo o nome do país. O proxecto foi intermitente, polas limitacións no financiamento, pero finalmente viu a luz esta semana na revista Genome Biology. En cada individuo estudado atopáronse arredor de 65.000 xenes, o dobre dos que posúe o xenoma humano. Pero destes 65.000, entre 15.000 e 20.000 eran “accesorios”.

Uns dos froitos máis relevantes do traballo é a sorprendente variabilidade que amosa o xenoma nos distintos exemplares estudados. Ata o 20% dos xenes cambian en función do individuo. “Ao principio non podiamos crer o que estabamos vendo”, lembra David Posada, catedrático de Xenética na UVigo e científico no Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da mesma universidade.

Publicidade

Esta diferenza pode darse, segundo Figueras e Posada, mesmo dentro de individuos que comparten unha mesma rocha. “Poderiamos pensar que son os mesmos, case irmáns, pero se analizásemos o xenoma, veriamos grandes diferenzas nese 20% de xenes; cada mexillón que se fixa nunha rocha ten unha historia previa distinta, desde a fecundación; é algo moi chamativo”, explica Antonio Figueras.

“Todos os individuos dunha especie animal adoitan ter o mesmo xenoma. Sabemos que nalgunhas bacterias, como a E. coli, non era así, pero non esperabamos atopar isto no mexillón”, continúa Posada. O catedrático explica que nesta peculiaridade xenética pode estar parte da explicación á enorme adaptación do molusco. “Eu diría que é unha especie cosmopolita,  polivalente, cunha gran capacidade de resistir a todo tipo de patóxenos e ambientes adversos. E é probable que estes 20.000 xenes que varían dun individuo a outro sexan produto dunha estratexia evolutiva coa que poden adaptarse a todo tipo de circunstancias”.

Un “marciano”

Antonio Figueras opta polo cualificativo de “marciano” á hora de referirse a este bivalvo. “É o máis resistente que te podes atopar, e por iso resulta tan interesante”, apunta o científico do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, adscrito ao CSIC. “Ten algo especial, porque comparte ecosistemas con outros moluscos, pero é moito máis potente, non rexistra mortalidades masivas, e pode medrar en contornas cunha elevada contaminación e exposición a patóxenos, como os portos”.

Estas características, evidenciadas na gran variación do xenoma entre individuos, son para Figueras un feito para a reflexión.  “Toparnos con animais tan peculiares e tan resistentes debería facernos pensar no noso papel no planeta, e máis agora, coa pandemia que estamos vivindo. Pode servir como unha lección de humildade, de ver o moito que podemos aprender de outras especies; como é posible que o mexillón, puido desenvolver unha resposta inmune tan potente?”, expón o investigador do IIM-CSIC.

Galicia lidera un novo fito científico: revélase o sorprendente xenoma do mexillón

Estes rasgos poderían levar, co panxenoma como punto de partida, a poñer en marcha traballos aplicados en distintas disciplinas, na procura de compostos cos que se poidan combater diversas doenzas. “Está claro que o mexillón é un modelo para aprender a combater enfermidades; ten péptidos con capacidade antiviral, antimicrobiana, de cicatrización, etc. que hai que estudar máis en profundidade. Isto ao final explica a transversalidade da ciencia; nós dedicámonos á investigación mariña, pero ao final os nosos avances axudan á investigación no seu conxunto, porque con isto contribuímos á investigación contra virus, contra bacterias resistentes, ou contra o cancro”, reflexiona Antonio Figueras.

David Posada advirte, pola súa parte, da necesidade de estar preparados ante a chegada dun posible patóxeno que xere un importante dano aos mexillóns. “Estámolo vendo moi ben co coronavirus. E cos mexillóns pode pasar o mesmo; xa pasou con especies como a ostra, o berberecho ou a ameixa, quen nos asegura que non poida acontecer unha pandemia que afecte ao mexillón? Iso vai afectar a moita xente, e hai que estar preparados da mellor maneira posible”, explica o catedrático da UVigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os mariscos cultivados polo home son máis resistentes á extinción

Os moluscos bivalvos como as ostras, as vieiras e os mexillóns filtraron auga e alimentaron os humanos durante milenios

Os mexillóns liberan células inmunes fóra do seu corpo en resposta a lesións e infeccións

Os hemocitos libres poden constituír a primeira liña de defensa e estender o sistema de alerta inmunolóxica do molusco

A microalga tóxica das rías galegas adapta o seu ciclo vital aos afloramentos das mareas

'Dinophysis acuminata' resiste en augas exteriores e medra rapidamente na costa cando se dan as condicións óptimas

As luces e sombras dos eólicos mariños en Galicia: “É un escenario complexo e incerto”

Os expertos demandan máis estudos para analizar o impacto sobre as aves, os cetáceos, as correntes e a actividade pesqueira