Xoves 28 Marzo 2024

Galicia lidera un novo fito científico: revélase o sorprendente xenoma do mexillón

Investigadores da UVigo e o IIM-CSIC publican, despois de case 10 anos de traballo, un artigo que podería explicar a gran resistencia deste molusco

É probablemente un dos animais máis importantes para Galicia pola súa relevancia económica. E aquí foi onde a ciencia desenvolveu durante a última década un amplo traballo, coa achega de investigadores e investigadoras de diversas disciplinas, que acaba de obter os seus froitos. Un equipo liderado por David Posada, da Universidade de Vigo, e Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), con base na mesma cidade, publica en Genome Biology a descrición do panxenoma do mexillón Mytilus galloprovincialis, composto por 65.000 xenes, máis do dobre dos que ten o Homo sapiens, e que á súa vez amosa unha gran variabilidade entre individuos. Este achado podería abrir o camiño para acabar atopando as claves da gran capacidade de resistencia do molusco, cun sistema inmune que desde hai moito tempo chama á atención dos científicos pola súa fortaleza.

Un 20% de xenes “prescindibles”

O artigo fala do “panxenoma”, é dicir, a colección completa de xenes presente en todos os individuos da especie, obtida a partir do estudo dun xenoma de referencia dunha femia de mexillón bautizada como Lola, recollido da ría de Vigo, e 14 individuos de poboacións de Galicia e Italia. Os investigadores conseguiron así ensamblar un xenoma de referencia do Mytilus galloprovincialis de 1,28 xigabites de tamaño (o do ser humano é de 3,3 xigabites)

Publicidade

Os resultados expoñen unha variabilidade entre cada individuo que é máis frecuente en organismos como as bacterias, pero moi pouco habitual en seres vivos máis complexos. Así, calcúlase que aproximadamente o 20% de todo o xenoma está composto por “xenes prescindibles” ou “accesorios”, que un individuo posúe, e outro non, e que podería estar relacionado coa capacidade adaptativa do molusco a diferentes contornas.

Tal e como explican Figueras e Posada, os mexillóns están constantemente expostos a todo tipo de patóxenos e contaminantes, máis se cabe porque se alimentan mediante a filtración de nutrientes nas contornas nas que viven. Pero a pesar disto, son capaces de resistir sen presentar as grandes mortalidades que, de cando en vez, padecen outros bivalvos como a ostra, a ameixa ou o berberecho. Do mesmo xeito, conteñen unha gran cantidade de péptidos cun probado efecto antiviral, antibiótico e rexenerador, que poderían utilizarse en tratamentos fronte a diversas doenzas.

Trátase, por tanto, dun panxenoma suxeito “a variacións de presenza ou ausencia de xenes, o que significa que poden faltar por completo nalgúns individuos”, explica ao CSIC Antonio Figueras.

Pola súa banda, o outro coautor, David Posada, sinala que “este tipo de arquitectura xenómica é un fenómeno novo en animais”. “Que un animal teña un 20% distinto o seu xenoma que outro do seu mesma especie é realmente inaudito. Ao principio pensamos que era un erro, pero ao final puidemos comprobar que era certo”, precisa.

Adaptación e inmunidade

Un dos achados dos científicos galegos expón que estes xenes prescindibles adoitan pertencer a familias de xenes “novos” expandidas recentemente, que se especializaron en funcións de supervivencia, o que podería ser a clave para explicar a capacidade de recuperación e invasión do mexillón.

Esta resistencia a condicións ambientais adversas, que mesmo chega a conferirlle ao mexillón a denominación de especie invasora, poderíase explicar polas características que descubrimos no xenoma. “É posible que a arquitectura panxenómica do xenoma do mexillón proporcione unha vantaxe selectiva para a súa poboación”, subliña Figueras.

“Cremos, tras analizar as funcións deses xenes, que é unha estratexia evolutiva que lles permite adaptarse a todo tipo de circunstancias. Os mexillóns son uns bechos durísimos; practicamente non hai ningún sitio con clima temperado onde non haxa mexillóns”, indica Posada.

A secuenciación do xenoma do mexillón tamén permitiu aos científicos afondar máis na elevada variabilidade das secuencias das moléculas antimicrobianas que conteñen. A nivel práctico, este coñecemento permitirá aos científicos entender como funcionan estas moléculas e a súa diversidade, o que repercutirá en estratexias de mellora para a súa produción e a súa calidade.

O primeiro panxenoma en animais

Esta investigación supón a primeira descrición dun panxenoma nun animal, así como a existencia dun fenómeno masivo de ausencia e presenza de xenes neste reino, algo que só se descubriu en microorganismos e de forma ocasional en plantas, microalgas e fungos. Nas bacterias, os xenes prescindibles proporcionan vantaxes evolutivas que melloran a capacidade de migrar a novos nichos ecolóxicos e proporcionan unha contribución significativa á variación fenotípica das plantas, expón o CSIC.

Galicia é na actualidade o terceiro produtor mundial de mexillón, despois da China e Chile, e o máis importante de Europa, con arredor de 250.000 toneladas anuais. O cultivo con bateas iniciado nas rías galegas supón unha referencia internacional para a produción da especie.

Ademais dos equipos do IIM-CSIC e a UVigo, o traballo contou coa achega de científicos da Universidade de Trieste, con Marco Gerdol como primeiro autor, a Universidade de Padua; o Instituto de Bioloxía Evolutiva (CSIC-UPF), e o Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG-CRG), cuxos científicos, con Tyler Allioto e Marta Gut á fronte, coordinaron a ensamblaxe e a secuenciación do xenoma.


Referencia: Massive gene presence-absence variation shapes an open pan-genome in the Mediterranean mussel (Publicado en Genome Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde