A probable formación dun ciclón tropical no Atlántico leste nos vindeiros días

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos advirte dun 60% de probabilidades da xénese dun temporal que pode dirixirse a Canarias e a Penísula Ibérica

Despois dunha fin de semana de precipitacións constantes en Galicia, as predicións para os vindeiros sete días (aínda que cun alto grao de incerteza por agora) amosan a probable chegada á costa oeste da Península Ibérica dunha profunda borrasca con orixe nun ciclón tropical que xa se está formando ao oeste das Illas Canarias. O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (NHC), encargado de rastrexar a xénese dos ciclóns no océano, incrementou nas últimas horas ata o 60% a probabilidade de que se formase un ciclón ao oeste de Canarias e as Azores.

“A actividade dos chubascos asociados a un sistema de baixas presións situado varios centos de millas ao suroeste das Azores está amosando algúns sinais de organización. O sistema irá adquirindo características subtropicais ou tropicais esta semana, e podería desenvolverse unha tormenta tropical ou subtropical dentro de poucos días a medida que o sistema se mova cara o este ou nordeste”, advirte o NHC.

Publicidade

Por agora, os modelos teñen aínda un alto grao de incerteza, pero a xénese desta tormenta está xa espertando un importante interese nos foros de meteoroloxía. Juan Jesús González Alemán, investigador da Universidade Complutense de Madrid, experto en ciclóns, dinámica atmosférica e cambio climático, está a compartir a través das redes a evolución do sistema. Na mañá do luns apuntou que o ciclón (que de acabar xerándose será nomeada como Theta), ten unha alta probabilidade de formación, aínda que é difícil saber por agora que traxectoria e intensidade exacta terá.

Por tanto, descoñécese se finalmente poderá golpear con forza a costa peninsular. Si parece máis probable que os arquipélagos de Madeira e as Illas Canarias resulten afectados. Algúns modelos apuntan a que Theta podería chegar preto de Canarias como furacán de categoría 1.

Publicidade

Desde MeteoGalicia tamén advertiron esta mañá á formación da borrasca, aínda que advirten que é preciso agardar para coñecer a posible traxectoria e intensidade.

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1325411752599810048

Con todo, hai moitos ollos postos neste posible ciclón. Fenómenos semellantes deixaron nos últimos anos un notable impacto na Península. É o caso de Ophelia, cuxos fortes ventos impulsaron os grandes incendios forestais de outubro de 2017, Leslie, que causou graves danos en Portugal, ou Lorenzo, que aínda que ao final non xerou moitos danos en terra, converteuse no furacán de categoría 5 que máis ao leste se situou desde que hai rexistros.

Estes e outros fenómenos atmosféricos expoñen a posibilidade de que a chegada de tormentas tropicais e mesmo furacáns se vaian facendo máis habituais nos vindeiros anos no Atlántico leste, chegando a golpear as costas galegas.

Furacáns en Galicia: serán más habituais a partir de agora?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación

O ex furacán Franklin pode converterse en ciclón tropical na súa viaxe a Galicia

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos cre que hai un 20% de probabilidades de que ocorra nos próximos sete días

A borrasca Óscar pode converterse en tormenta tropical na súa viaxe a Galicia

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos vixía este sistema ante a probabilidade de que adquira características subtropicais

Furacáns preto de Galicia nas vindeiras semanas? O quecemento do Atlántico faino posible

A incerteza é moi grande polo momento, pero as condicións no océano xa están a provocar os primeiros seguimentos do Centro Nacional de Furacáns