A borrasca Óscar pode converterse en tormenta tropical na súa viaxe a Galicia

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos vixía este sistema ante a probabilidade de que adquira características subtropicais

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (NHC, polas súas siglas en inglés) está facendo seguimento da borrasca Óscar, situada entre as Azores e as illas Canarias. Segundo as súas estimacións, hai un 10% de probabilidades de que se converta en tormenta tropical, o que se traduciría en ventos moi intensos e chuvias torrenciais. Os meteorólogos aseguran que é unha porcentaxe moi baixa, pero real, de que Óscar adquira características subtropicais mentres se achega a Galicia. De momento, o maior impacto estará en Azores, Madeira e Canarias, onde se esperan chuvias intensas e ventos fortes. A súa influencia comzará a notarse este martes en Galicia, que experimentará unha subida de temperaturas que se traducirá en precipitacións a partir do mércores.

Se en algo coinciden os diferentes servizos de meteoroloxía é en cualificar a borrasca Óscar como un fenómeno anómalo para esta época do ano. Sen ir máis lonxe, o investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) Juan Jesús González Alemán, a través da súa canle de Twitter, expresa o seguinte: “Nunha imaxinei ver unha imaxe de satélite así en xuño: o Atlántico subtropical asistindo á chegada dun río atmosférico e a formación dunha profunda borrasca”. Tamén se sorprende de que o NHC poña o foco en Óscar, malia que subliña que existe unha “baixa probabilidade” de que se converta en tormenta tropical. O meteorólogo cre que, se chega a acontecer, este cambio estaría motivado polas “temperaturas oceánicas superiores ao normal”.

Publicidade

Imaxe do Centro Nacional de Furacáns de Estados Unidos. O círculo e a cruz amarelos indican a zona na que está situada a borrasca Óscar, cun 10% de probabilidades de converterse en tormenta tropical. Foto: NHC
Imaxe do Centro Nacional de Furacáns de Estados Unidos. O círculo e a cruz amarelos indican a zona na que está situada a borrasca Óscar, cun 10% de probabilidades de converterse en tormenta tropical. Foto: NHC

De feito, dende Meteored cualifican a Óscar como “un sistema raro e atípico para o mes de xuño ao oeste de Canarias”. E aseguran que “aínda é máis raro” que o NHC vixíe esta borrasca no Atlántico nororiental a tan só un par de semanas do verán. Segundo explican dende o servizo meteorolóxico, o centro de Óscar tenderá a desprazarse cara ao norte, en augas “máis frescas”, situadas ao oeste de Galicia. Isto impediría, en teoría, que se formase a tormenta tropical da que advirte o NHC. Non obstante, estas augas están máis cálidas do habitual, con anomalías de temperatura que oscilan entre os 2º e os 4ºC. “Son valores que poucas veces se alcanzaron nesta época do ano, e tenden a favorecer o desenvolvemento ciclónico”, indican dende Meteored.

Como afectará a Galicia?

As probabilidades de converterse en tormenta tropical son baixas e pese ás anomalías de temperatura do mar, a AEMET non cre que Óscar continúe o seu desenvolvemento. O maior impacto estará nas illas, sobre todo en Canarias, e as chuvias chegarán con menos intensidade a Galicia. A partir deste mércores, a borrasca irá avanzando ata situarse ao oeste da península, con chuvias que serán localmente fortes pola noite. O xoves, o centro da borrasca poderá estar aínda máis próximo a Galicia,no oeste de Portugal, polo que as precipitacións continuarán sendo as protagonistas da xornada. De feito, Meteogalicia prognostica chuvias xeneralizadas na meirande parte do territorio, locamente fortes e acompañadas de tormenta. De cara á fin de semana hai máis incerteza, pero as previsións manteñen unhas probabilidades de chuvia do 90% para Galicia, malia que Óscar xa comezará a perder forza.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense