Luns 29 Abril 2024

Furacáns preto de Galicia nas vindeiras semanas? O quecemento do Atlántico faino posible

A incerteza é moi grande polo momento, pero as condicións no océano xa están a provocar os primeiros seguimentos do Centro Nacional de Furacáns

O final do verán e o comezo do outono son momentos intensos para os servizos meteorolóxicos que analizan a posible formación de furacáns no Atlántico. Na meirande parte dos casos, estes fenómenos afectan ao bordo occidental do océano, pero nos últimos anos estase a incrementar a súa presenza na outra beira. Aconteceu no ano 2017 con Ophelia, cuxos ventos provocaron unha voraz vaga de incendios en dous días de outubro en Galicia e Portugal, e a situación repetiuse en 2018 con Leslie e en 2019 con Lorenzo, o furacán de categoría 5 que máis preto estivo de Europa desde que existen rexistros e medicións.

Tal e como contaba o ano pasado a GCiencia o investigador Juan Jesús González Alemán, a probabilidade de que estes fenómenos se acheguen a Europa é maior na medida en que os ciclóns, que se forman en latitudes subtropicais, dispoñan de máis ‘enerxía’ na auga do Atlántico, isto é, que a temperatura do océano sexa máis quente. E son varios os estudos que nos últimos anos constatan que o Atlántico se está a quentar, o que incrementa o risco de que se dean as condicións precisas para a formación de ciclóns tropicais que poden transformarse, nalgún caso, en furacáns.

Publicidade

Furacáns en Galicia: serán más habituais a partir de agora?

O primeiro aviso do Centro Nacional de Furacáns

Nos últimos días, o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (NHC) puxo o foco na evolución de dúas zonas de baixas presións no Atlántico leste pola posibilidade de que adquiran tintes ciclónicos. Unha delas está en latitudes moi baixas, fronte á costa africana, pero outra sitúase a medio camiño entre o arquipélago dos Azores e a costa portuguesa. Con todo, a probabilidade de que esta borrasca acabe converténdose en tropical é do 0%, e a media mañá do luns, o NHC xa desactivara o seguimento da mesma no seu web.

Aínda que non adquira características de ciclón, a forza desta borrasca será suficiente para deixar tormentas notorias en Galicia: entre as 15 e as 21 horas do luns está activado un aviso amarelo en todo o interior do país por mor de precipitacións de ata 15 litros por metro cadrado nunha hora, que poderían traer tamén saraibadas e lóstregos. A inestabilidade continuará o martes, con aire frío nas capas altas da atmosfera e quente en superficie.

A parte final da semana semella que vai ser máis estable, mesmo con predominancia do anticiclón. Pero, aínda que pouco se pode aventurar por agora cara ás vindeiras semanas, a situación no Atlántico pode causar novas sorpresas. Así o advertiu este domingo Juan Jesús González Alemán, que destacaba na súa conta de Twitter o quecemento da auga no Atlántico e as súas posibles consecuencias.

González Alemán poñía o acento na intensidade potencial, “unha magnitude que mide a máxima enerxía que un ciclón tropical podería obter da atmosfera e o oceáno”, isto é, “a máxima intensidade que podería acadar un ciclón tropical no caso de desenvolverse na zona“.

Así, no caso de que se desenvolva un ciclón nestas latitudes, a temperatura do océano, xunto a outros factores, fará que este fenómeno “non vaia ter tan difícil chegar en boas condicións ata a nosa rexión”. Neste escenario, destaca o investigador, “o ambiente atmosférico da península ibérica e Canarias podería soportar (teoricamente) un furacán de ata categoría 4“.

A incerteza, con todo, é moi grande por agora. “Non temos nin idea do que pode pasar. A formación de borrascas como a destes días é moi habitual nesta época do ano, e facer unha predición máis alá de tres ou catro días vista é moi aventurado”, apunta Alberto Romero desde MeteoGalicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica