Martes 23 Abril 2024

Visitas virtuais, entrada gratuíta… Así se adapta a Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses

A pandemia obriga a reformular a programación nestes días, con distintas actividades dirixidas ao público escolar e a poboación en xeral

Numerosas institucións científicas e educativas conmemoran desde este luns 9 e ata o domingo 15 a Semana da Ciencia, nunhas circunstancias marcadas pola pandemia da Covid-19. As restricións decretadas en toda Europa limitan, por tanto, a celebración de actividades presenciais, o que obriga a reformular moitos programas. Nesta situación, os Museos Científicos Coruñeses adaptáronse a este escenario coa organización de visitas virtuais para escolares e a entrada gratuíta para as actividades que se poden realizar no Planetario da Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae e a Domus. Ademais, este sábado celebrarase a entrega dos Premios Prismas no Concello da Coruña. E desde este mesmo luns está aberto o prazo para participar no concurso fotográfico Imaxes de Ciencia para o Futuro, que organiza GCiencia en colaboración cos museos herculinos.

Visitas virtuais

Ante as medidas de limitación de capacidade e de prevención por mor da transmisión do coronavirus, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrrae desenvolveron un conxunto de actividades para os grupos escolares que desexen visitalos, gozando das súas experiencias sen saír da aula. As visitas virtuais, que se realizarán a través dunha aplicación de videoconferencia, permitirán ademais interactuar coa aula a través do vídeo ou do chat.

Publicidade

Diseccións en directo, xogos interactivos, observación de peixes ou experimentos de Física son algunhas das actividades das visitas virtuais

A Domus ofrece un completo programa de talleres que inclúen diseccións en directo de corazón, de ollo e de flores, así como visitas virtuais á exposición sobre nutrición, acompañadas de xogos interactivos e experimentos.

No Aquarium Finisterrae haberá visitas guiadas á sala Maremagnum, deténdose nos ecosistemas mariños dos grandes acuarios, e na vida intermareal da Charca das Caricias. Tamén haberá unha visita á sala Nautilus, onde se poderá coñecer aos peixes de maior tamaño que nadan alí, como as quenllas, corvinas, douradas, robalizas e meros, así como os bancos de caballas e xurelos.

Os grupos que elixan a Casa das Ciencias poderán descubrir, realizando unha conexión en liña desde a exposición Puro Swing, os experimentos con péndulos de Galileo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia. Unha oportunidade para comprender o segredo do botafumeiro, mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a facer maxia con varios péndulos axustados.

As visitas virtuais serán gratuítas para todos os grupos escolares que as soliciten, e estarán dispoñibles para todos os niveis educativos

Como solicitalas? No web dos Museos poden descargarse as follas de reserva, nesta ligazón.

Visitas presenciais gratuítas

A actividade presencial nos tres museos está limitada por mor da pandemia. Porén, esta semana é unha oportunidade para visitalos gratuitamente. As condicións serán as mesmas que se aplican desde a reapertura do verán. Para acceder é imprescindible reservar a entrada con antelación nos enderezos web de cada un dos museos:

No Aquarium Finisterrae está permitida a visita nas salas de exposicións (onde non están habilitados os elementos interactivos), a sala Nautilus e as piscinas exteriores onde viven as focas.

Na Casa das Ciencias o acceso está limitado á asistencia a sesións do Planetario; e a visita libre ás salas de exposicións non está dispoñible.

E o acceso á Domus está limitado á fin de semana do 14 e 15 de novembro, en que se poderá acceder unicamente a un programa de actividades na sala maker@domus e o Laboratorio Aberto.

Todas as persoas que visiten os Museos Científicos deberán gardan unhas normas de seguridade, como usar de forma obrigatoria a máscara, sen válvula exhalatoria, durante toda a visita e manter a distancia de dous metros entre persoas que non convivan, evitando ademais tocar calquera obxecto ou superficie.

Premios Prismas

O sábado 14, o Concello da Coruña, na Praza de María Pita, acollerá a entrega dos Premios Prismas Casa das Ciencias á divulgación, que desde 1988 recoñecen aos mellores traballos de difusión da cultura científica, apoiando aos profesionais que traballan neste campo. Aquí podes consultar a lista de galardoados.

Estes son os gañadores dos premios Prismas Casa das Ciencias 2020

Imaxes de Ciencia para o futuro

E desde este luns 9, e ata o día 15 de novembro, está aberto o prazo para participar no concurso fotográfico Imaxes de Ciencia para o futuro. Para participar no certame, que conta con dúas categorías (menores de 16 e maiores de 16 anos), deberase subir ás redes sociais de Twitter, Facebook ou Instagram unha imaxe co cancelo #SemanadaCienciaMC2, acompañada dun título, que describa a experiencia vivida nalgún dos Museos Científicos Coruñeses. O concurso está organizado por GCiencia, e a persoa gañadora en cada categoría poderá participar, xunto a un acompañante, na actividade de alimentación das focas do Aquarium Finisterrae, e recibirá unha colección de libros de divulgación científica, editados polos Museos Científicos Coruñeses. Tes máis detalles aquí:

Imaxes de ciencia para o futuro: un concurso para espertar a curiosidade e o coñecemento

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías