Venres 26 Abril 2024

Imaxes de ciencia para o futuro: un concurso para espertar a curiosidade e o coñecemento

GCiencia organiza, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, un certame fotográfico aberto a todos os públicos; así podes participar

Que se pode aprender nun museo de ciencia? Como pode mudar a túa forma de ver o planeta, e os seres vivos que habitan nel, despois dunha visita á Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae ou a Domus? A actual situación causada pola pandemia da Covid-19 está a limitar en parte a actividade nos Museos Científicos Coruñeses. Porén, e co gallo da Semana da Ciencia, GCiencia quere achegar unha nova motivación á cidadanía para visitar os museos científicos ou, en caso de non poder, traer ao presente a lembranza das anteriores visitas, coa esperanza de que no futuro, unha vez superados estes complicados momentos, os museos se poidan encher de novo, e a cidadanía se empape de curiosidade e coñecemento. Co gallo da Semana da Ciencia, que se celebra do 9 ao 15 de novembro, os tres Museos estarán abertos con entrada gratuíta para algunhas actividades (podes ver o programa e as limitacións nesta ligazón).

A ciencia dótanos hoxe en día das ferramentas precisas para o progreso da sociedade, procurando que todas as persoas no planeta poidan ter unha vida mellor. E nesta ocasión, unha vez superados os obstáculos que un patóxeno microscópico puxo no noso camiño, volveremos conseguilo. Con este concurso queremos poñer de manifesto a relevancia da divulgación e, en concreto, dos Museos Científicos Coruñeses no fomento da cultura científica e o impulso das vocacións investigadoras entre a cidadanía.

Publicidade

Para isto, o portal organiza o concurso Imaxes de Ciencia para o Futuro, un certame fotográfico no que os participantes poderán enviar as instantáneas tomadas nalgún dos Museos Científicos Coruñeses, tanto na actualidade como en visitas pasadas. Este concurso terá dúas categorías, a xuvenil (para menores de 16 anos) e adulto (maiores de 16).

As persoas participantes deberán reflectir nas imaxes a experiencia da súa visita aos Museos Científicos Coruñeses. Foto: MC2.
As persoas participantes deberán reflectir nas imaxes a experiencia da súa visita aos Museos Científicos Coruñeses. Foto: MC2.

Como podo participar?

Cal foi a experiencia na Casa das Ciencias que che deixou coa boca aberta? Que astros descubriches no Planetario? Que cousas, que non coñecías, aprendeches sobre a historia do ser humano na Domus? Que sensación tiveches ao mergullarte na sala Nautilus do Aquarium Finisterrae?

Deberás subir unha fotografía que reflicta a experiencia da túa visita a calquera dos museos acompañada dun título que resuma a imaxe, o teu nome e a túa idade. As publicacións poderán realizarse en Twitter, Facebook ou Instagram co cancelo #SemanadaCienciaMC2.
IMPORTANTE: As fotografías deberán estar con visibilidade pública para que poidan ser vistas polo xurado.

Valoración, prazos e criterios

O xurado estará composto por profesionais da museística, fotografía, divulgación científica e xornalismo científico. O ditame terá en conta a calidade fotográfica e a narrativa da imaxe e a súa adecuación á mensaxe de divulgación que achegan os Museos Científicos Coruñeses, entre outros criterios.

A publicación das imaxes deberá realizarse entre as 00.01 horas do 9 de novembro e as 23.59 do 15 de novembro.

A autoría da imaxe deberá estar debidamente xustificada. O xurado contactará coas persoas participantes que resulten gañadoras para verificar este punto.

Premio

A persoa gañadora poderá participar, xunto a un acompañante, na actividade de alimentación das focas do Aquarium Finisterrae, e recibirá unha colección de libros de divulgación científica, editados polos Museos Científicos Coruñeses.


Máis información:

Para calquera dúbida ou consulta, podes contactar co enderezo redaccion@gciencia.com ou co teléfono 644 844 303.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Así varía a posición do Sol ao longo dun ano

As fotografías de David Couce permiten observar como o astro muda o lugar polo que se oculta en función do mes no que observemos o atardecer

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar