Sementan 50.000 froiteiras no Courel para mellorar o hábitat do oso pardo

A Fundación Oso Pardo impulsa a contratación de 10 persoas da zona na segunda campaña de plantación de bosquetes

A Fundación Oso Pardo, que mantén activo o proxecto europeo LIFE Oso Courel na serra lucense, comezou neste mes de novembro unha nova campaña de plantación de bosquetes con froiteiras autóctonas de mellora do hábitat do Ursus arctos no Courel. Os froitais sementáronse en parcelas e Montes Veciñais en Man Común dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Samos, previo acordo cos responsables e propietarios e a obtención das correspondentes autorizacións ambientais.

Desde o mes de outubro, a maquinaria está a preparar o terreo para garantir a boa implantación das árbores froiteiras e arbustos, sen afectar á vexetación existente. A iniciativa permitiu que en novembro comezaran a traballar 10 persoas que estaban en situación de desemprego dos concellos nos que se enmarca LIFE Oso Courel, que foron contratadas para formar dúas cuadrillas de traballo dotadas con vehículos todoterreo, remolque e ferramentas.

Publicidade

Unha das plantacións de froiteiras realizadas na campaña 2019-2020. Foto: Fundación Oso Pardo.
Unha das plantacións de froiteiras realizadas na campaña 2019-2020. Foto: Fundación Oso Pardo.

As tarefas estenderanse ata marzo de 2021. Preténdese plantar máis de 50.000 cerdeiras, sanguiños, maceiras, cancereixos e outras árbores e arbustos autóctonos produtores de froito, formando pequenos bosquetes de enriquecemento do hábitat, que se sumarán aos 55.000 xa plantados no outono e inverno anterior. As plantas proceden das sementes recollidas polos técnicos do proxecto LIFE na zona, que foron sementadas en viveiros colaboradores e unha parte das plantas foi producida no Viveiro Forestal dos Trollos (Bóveda, Lugo), pertencente á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Así se prepara O Courel para a volta do oso pardo

“Esta acción contribuirá a aumentar a dispoñibilidade de recursos para o oso e outras especies no Courel, pero ademais favorecerá a cobertura forestal, a captación de carbono e a protección do chan dos montes e a creación de emprego local” sinala Fernando Ballesteros, coordinador do proxecto LIFE, “é unha boa proba de que a presenza do oso pardo contribúe ao desenvolvemento rural”.

Publicidade

O estado de alarma e a situación provocada pola pandemia obrigan a desenvolver os traballos con todas as garantías de seguridade e saúde para os traballadores, segundo expoñen desde a Fundación. O LIFE Oso Courel, que finalizará na primavera de 2021, é un proxecto financiado pola Comisión Europea e desenvolvido pola Fundación Oso Pardo, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación Biodiversidade e a empresa Naturgy, co obxectivo de favorecer a convivencia entre osos e humanos na Serra do Courel.

 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O declive de árbores que producen froitos secos ameaza a supervivencia do oso pardo

O profesor da USC Emilio Díaz Varela asina un estudo que combina modelos de distribución de especies con proxeccións climáticas ata o ano 2100

O investigador dos últimos neandertais de Galicia: “Nin tan brutos nin tan parvos. Eran humanos, coma nós”

O autor do estudo que reconstrúe o clima das Serras Orientais de hai 40.000 anos analiza os desafíos da investigación ante a escaseza de xacementos

A rara bolboreta de orixe glacial da que só hai 900 exemplares en Galicia

A montesa grande, tamén presente nos montes de León e na cordilleira cantábrica, ten poboacións xeneticamente diferenciadas no Courel e na serra da Queixa

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións