Galicia supera os 40.000 positivos desde o comezo da pandemia do coronavirus

O ritmo de novos casos diarios sobe a arredor de 700 na última semana, e tamén aumenta o ritmo de mortes e hospitalizacións

No día que entran en vigor as restricións (en principio ata o 4 de decembro) en 60 concellos galegos, nos que vive arredor do 60% da poboación, a pandemia da Covid-19 segue amosando unha tendencia ascendente. Este venres as cifras achegadas polo Sergas dan conta da superación de dous limiares: os 10.000 casos activos (10.196), con polo menos 1.000 persoas en seguimento en todas as áreas sanitarias, e unha suma de 40.000 positivos detectados (40.540) desde o comezo da pandemia a finais do mes de febreiro e principios de marzo. Isto supón que 1,5 de cada 100 habitantes de Galicia recibiu a notificación de que dera positivo nas probas para diagnosticar o SARS-CoV-2. A cifra total de afectados, á espera dos resultados de novos estudos epidemiolóxicos que o confirmen, será notablemente maior, debido a que na primeira onda só se detectaron unha pequena parte das infeccións reais.

Polo menos o 1,5% da poboación infectada

Estes dous limiares superáronse despois de que o Sergas confirmara nas últimas 24 horas 685 casos diagnosticados mediante proba PCR, cun ritmo diario que nestes días está xa arredor dos 700 novos positivos. Porén, o dato total de infeccións está suxeito a continua revisión, xa que o Sergas inclúe no total de infeccións a persoas nas que se detectou a infección mediante probas serolóxicas (anticorpos) e engade a posteriori na serie histórica casos notificados con atraso.

Publicidade

Ademais, cómpre salientar que non todas as persoas diagnosticadas tiveron os síntomas da Covid-19, xa que parte dos casos foron asintomáticos ou, nalgunha situación, a infección polo SARS-CoV-2 detectouse unha vez superada mediante os anticorpos desenvolvidos polo organismo.

Por áreas sanitarias a da Coruña é, en termos absolutos, a que rexistrou máis infeccións, con 9.457, seguida de Vigo (6.884), Ourense (6.711), Santiago de Compostela (6.322), Lugo-A Mariña-Monforte (4.761), Pontevedra-O Salnés (3.918) e Ferrol (2.487).

Publicidade

Con todo, a situación actual en cada área alberga distintos matices. A que rexistra máis casos activos (pacientes baixo seguimento na actualidade) é Vigo. Porén, Ferrol, que cuadruplicou este indicador en dúas semanas, ten na actualidade a maior incidencia acumulada de casos/100.000 habitantes.

Novos casos

Con todo, a cifra de casos activos amosa unha parte da situación, xa que se ve influída polos novos positivos, pero tamén polas persoas que reciben a alta e os falecementos. Desde o 7 de outubro, a Consellería de Sanidade ofrece publicamente na rede os novos casos confirmados por PCR nas 24 horas anteriores, o que permite ver a evolución actual nas distintas áreas.

Así, obsérvase como Ourense rexistra un descenso nos últimos días, despois da elevada incidencia acadada a comezos de outubro. Santiago tamén amosa unha tendencia estable e mesmo descendente, despois das restricións aplicadas nestas semanas. Porén, o resto das áreas sanitarias presentan un incremento sostido dos novos casos diarios.

Hospitalizacións

Este incremento de novos casos farase patente nas vindeiras semanas nun incremento nas hospitalizacións, que na actualidade en Galicia xa amosan unha tendencia preocupante. Hai case 600 persoas ingresadas que son casos activos de Covid-19 (85 delas na UCI).

Aínda que a ocupación nos hospitais galegos é unha das menores de España (onde a saturación é xa notable nalgunhas rexións), algúns centros rexistran xa unha importante carga asistencial. O envellecemento da poboación provoca que haxa unha maior probabilidade de agravamento da infección polo coronavirus e, ao tempo, o sistema precisa atender outras patoloxías asociadas á idade que se seguen producindo, e que no outono e inverno se incrementan. O obxectivo das restricións establecidas en Galicia para as vindeiras semanas, segundo Sanidade, é que o aumento da incidencia da pandemia xere unha situación de sobrecarga asistencial neste sentido.

Así foi a evolución hospitalaria desde o comezo da pandemia.

Falecementos

O aumento da incidencia e, en boa medida, os brotes activos en varias residencias de maiores, incrementan tamén as cifras de mortes. Desde agosto, co comezo da segunda onda, faleceron 350 persoas por mor da Covid-19. A cifra total desde marzo é de 669. Nos últimos días (aínda que a notificación das mortes non se corresponde exactamente coa data na que se produciron por mor dos criterios requiridos polo Ministerio de Sanidad), a media diaria de persoas que falecen achégase á decena.

Por concellos

O mapa de alertas que achega diariamente a Xunta, en función dos casos detectados nos últimos 7 e 14 días, amosa tamén esta tendencia desfavorable.

Na fotografía da última semana, 50 concellos están no nivel 3, con máis de 21 casos nos últimos sete días ou, no caso das sete cidades, tamén en nivel vermello, cunha incidencia superior aos 112 casos/100.000 habitantes.

No seguinte chanzo, con entre 14 e 21 casos, están 24 municipios. Outros 46, en nivel 1, contabilizan na súa poboación entre 7 e 14 casos. Finalmente, 193 municipios rexistran menos de sete casos na última semana.

Fonte: Sergas.
Fonte: Sergas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia