Nova gravación dun oso pardo nos montes galegos

Tras o vídeo difundido en maio no Macizo Central ourensán, estas novas imaxes confirman a progresiva recuperación da especie en Galicia

Unha nova gravación por vídeo-trampeo permitiu constatar a recuperación do oso pardo (Ursus arctos) nos montes galegos. As novas imaxes foron difundidas pola conta Lobos de Galicia, que datan o vídeo no pasado mes de outubro de 2020 nun punto xeográfico que prefiren non identificar para salvagardar a integridade destes animais.

Nos últimos anos, a recuperación do oso pardo en Galicia é unha realidade, cunha especie con presenza estable nas montañas de Lugo e mesmo Ourense. Os novos rexistros da especie, no parque natural do Invernadeiro e na fronteira entre Galicia, Castela e Portugal, apuntan a que o leste de Galicia xogará un papel clave para a recuperación dun espazo arrebatado ao úrsido no último século e medio.

Publicidade

difusión nesta primavera das imaxes gravadas polas cámaras de fototrampeo instaladas para a película Montaña ou Morte, producida por Zeitun Films e dirixida polo cineasta Pela del Álamo, constataron que o animal se vai asentando nun punto clave para a súa expansión. O Invernadeiro é un dos lugares ao que Del Álamo e o seu equipo acudiron para mergullarse na idea que queren transmitir coa obra, actualmente en fase de de desenvolvemento: a relación, ás veces violenta, entre o home e a natureza e o salvaxe. “Ademais dos valores medioambientais, a nós interésanos reflexionar sobre os valores da imaxe contemporánea. As cámaras de fototrampeo permiten filmar sen filmar. Estar sen estar. Ver o que ocorre cando o ser humano non está. Tratase de levar os preceptos do fly on the wall de Frederick Wiseman a un seguinte nivel. E para nós a vida salvaxe é o contexto ideal para situar estas reflexións. A nosa presenza sempre influe no que gravamos, e por iso son interesantes estas cámaras”, explica o cineasta.

O oso pardo volve 180 anos despois á fronteira entre Ourense e Portugal

O Invernadeiro, un parque natural de máis de 5.700 hectáreas no Macizo Central ourensán con acceso restrinxido aos visitantes, foi un lugar acaído para recrear a mensaxe do filme de Zeitun Films. Para colocar estas cámaras, o equipo contou coa colaboración dos axentes ambientais da Xunta de Galicia no parque, grandes coñecedores da zona. Segundo salientan Pela del Álamo e Felipe Lage, produtor de Montaña ou Morte, as imaxes son a primeira testemuña gráfica na comarca nos últimos 150 anos.

Publicidade

Tal e como aconteceu coas anteriores incursións, o exemplar do Invernadeiro é un macho novo, de entre 3 e 5 anos (adoitan vivir sobre 30). Fernando Ballesteros, un dos responsables do proxecto Life Oso Courel, amósase esperanzado diante das últimas novas sobre a especie. Desde a primavera de 2019, ademais do achado do oso coñecido a pasada semana, constatouse a súa volta a Portugal despois de 180 anos, obtivéronse novas evidencias de presenza estable na serra do Courel e avistouse un exemplar nos Ancares a finais de marzo. “Xa tiñamos datos anteriores da presencia de osos no Invernadeiro, sobre todo a través de excrementos, aínda que non puidemos extraer o ADN para facer un perfil do individuo”, explica Ballesteros. Ademais, os ataques a algúns apiarios dan conta de que o animal, cunha gran capacidade de desprazamento, se move polas montañas de Valdeorras e Trevinca, Sanabria ou O Bierzo ata o Parque Natural de Montesinho, xa en Portugal.

Esta localización súmase á coñecida no Courel: o 23 de abril, a Fundación Oso Pardo difundiu un vídeo no que unha cámara automática recolleu imaxes de dous exemplares distintos no mesmo lugar. Como explica a Fundación, a gravación constata a capacidade destes animais para comunicarse a través do olor.

Filman por primeira vez un oso no Macizo Central ourensán

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia