As palabras non calman a dor e as imaxes retratan con dura viveza unha realidade recorrente en Galicia: o lume. Os números xeran arrepíos. A última actualización da Consellería de Medio Rural cifra en 19.000 as hectáreas queimadas, sobre todo no interior de Ourense e Lugo. A meirande parte da destrución concéntrase na área protexida do Courel, onde o lume xa arrasou con preto de 14.000 hectáreas, segundo as estimacións do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS). Os lumes están a deixar paisaxes devastadas, familias desaloxadas e núcleos de poboación cercados. Así como fauna e flora en perigo, porque o lume non entende de espazos protexidos. “Os incendios puideron arrasar con preto dunha terceira parte desta zona do Courel”, aproximan dende a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
O valor desta zona, profundamente estragada polos lumes forestais, é incalculable. No que respecta á serra, Patrimonio Natural asegura que, dende o punto de vista xeolóxico, “é a máis completa” de todo o territorio galego. Ten unha ampla e rica biodiversidade. Entre a fauna salientan varias especies de morcegos, lagartos e peixes, así como o oso, as nutrias, os caracois e un longo etcétera de animais, algúns deles en perigo de extinción. Pero tamén a flora, con importantes soutos e carballeiras, humidais, praderías e turbeiras. Por suposto, un dos grandes protagonistas é o río Sil, principal curso fluvial da zona. Por tanto, esta área ten unha grandísima riqueza natural, pero tamén cultural. O lume non entende de fronteiras, e á mercé dos incendios tamén están numerosos castros e covas ruprestres, ruínas de fortalezas medievais, pero tamén fontes, templos e incluso abellarizas.
As superficies naturais, devastadas
Máis polo miúdo, nos Ancares-Courel, que así se denomina a Zona de Especial Conservación (ZEC), xa se queimaron 13.879 hectáreas, segundo as estimacións de EFFIS. Só un 0,9% da área arrasada foron superficies artificiais. Todo o demais foron bosques de frondosas, coníferas e matogueiras. Unha pequena porcentaxe, o 1,6%, tamén afectou a zonas agrícolas. Seguindo os datos do sistema europeo, que forma parte do Programa Copernicus da Unión Europea, a data de inicio dos lumes foi o 14 de xullo e a zona máis afectada foi o municipio da Pobra de Brollón. Unha destrución que continúa esta tarde nos Ancares-Courel, un espazo protexido e unha área de altísimo valor medioambiental con máis de 100.000 hectáreas de extensión.

O segundo incendio forestal que máis preocupa, e o segundo que deixa máis superficie queimada en Galicia nos últimos días, é o do parque natural do Invernadeiro. Segundo EFFIS, o incendio comezou o venres 15 e esta tarde seguía activo e sen control. A área arrasada, seguindo de novo as estimacións do sistema europeo, ascende a 2.880 hectáreas, sen que ningún tipo de superficie artificial se vira afectada. É dicir, arrasou coa natureza que atopou ao seu paso, incluídas as áreas agrícolas. O parque natural do Invernadeiro, que ten preto de 6.000 hectáreas, está situado en pleno Macizo Central ourensán e salienta pola diversidade da súa fauna, vítima directa dos incendios que arrasan a rexión.
Os raios, principal causa
Malia que Galicia xa desactivou a alerta por onda de calor, as noticias non son boas. Os lumes descontrolados, segundo declarou onte o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, están relacionados cun fenómeno tormentoso “inusual” que sacudiu o país a noite do xoves. O episodio foi de tal intensidade, que Meteogalicia rexistrou máis de 6.000 raios en cuestión de horas. Ao parecer, e seguindo as confirmacións de Rueda, a tormenta e os lóstregos derivaron na aparición “de máis de 50 incendios” dende o xoves 14, día en que EFFIS estima que comezou o lume dos Ancares-Courel. A unha situación xa de por si complicada, durante a tarde do domingo e a madrugada do luns, o vento dificultou a situación “incluso naquelas zonas que xa estaban contornadas”.
A investigadora Cristina Santín, do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade, declara no Science Media Centre (SMC España) que a fonte de ignición natural son os raios e que, nalgunhas zonas do país, “é unha causa bastante frecuente”. Con todo, ela recorda que a meirande parte dos lumes son de orixe humana e que as condicións meteorolóxicas dos últimos días tan só propician que os incendios sexan “máis virulentos, máis rápidos, máis intensos e, por tanto, máis perigosos e difíciles de controlar”. Unha descrición que se axusta á que está a vivir Galicia estes días.
Os lumes forestais xa arrasaron con 19.000 hectáreas
A estas declaracións súmase o investigador do Centro Tecnolóxico e Forestal de Catalunya Adrián Regos, que pon o foco noutro gran problema: o abandono rural. Unha situación que se leva producindo dende mediados do século pasado e que non só deriva “nun maior risco de incendio, senón na perda progresiva do gran valor cultural asociado”, “ademais dunha perda irreparable de biodiversidade”. Amais disto, engade: “As políticas actuais de extinción están centradas na supresión inmediata de calquera tipo de incendio”. E continúa: “A acumulación progresiva de vexetación sen xestionar, baixo as condicións de seca e estrés hídrico á que están expostas, crea as condicións ideais para a xeración de eventos extremos antes os que as brigadas de extinción teñen pouco que facer, máis alá de arriscar as súas vidas”.














