Crean un mapa con 192 abellarizas do Courel

O proxecto Life para protexer ao oso pardo nas montañas de Lugo difunde por primeira vez un visor con datos das abellarizas da zona

As abellarizas forman parte da historia de moitos lugares de Galicia. Estas construcións de pedra, tamén coñecidas como alvarizas, facíanse para protexer as colmeas. No caso do Courel, a presenza secular do oso pardo obrigaba a instalar as abellarizas (chamadas cortines en Asturias e León).

Mais co paso do tempo, caeron en desuso por situarse en zonas de difícil acceso e cambios no manexo das mesmas, pero consevan, a pesar do deterioro dalgunhas, un indubidable valor etnográfico, como reflexo do hábitat do oso en moitos territorios. Ademais, foron erixidas mediante a técnica da pedra seca, sen morteiro ou argamasa, unha técnica incluída o ano pasado pola Unesco como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

Publicidade

Agora, no marco do proxecto Life Oso Courel, que arrancou en 2017 para promover a expansión do oso pardo cara ao suroccidente da cordilleira Cantábrica e favorecer a convivencia entre o Ursus arctos e a actividade humana, acaba de publicarse por primeira vez un visor cartográfico que recolle 192 abellarizas espalladas pola serra. Un inventario coordinado por Martiño Cabana, Roberto Hermida e Israel Ferrero, coa participación da Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Asociación Galega de Apicultura e a Fundación Oso Pardo.

As abellarizas, situadas en zonas de difícil acceso, protexen as colmeas da presenza do oso pardo. Fonte: Fundación Oso Pardo.
As abellarizas, situadas en zonas de difícil acceso, protexen as colmeas da presenza do oso pardo. Fonte: Fundación Oso Pardo.

Co fin de contribuír ao coñecemento e conservación do patrimonio das abellarizas, o mapa amosa a localización xeográfica das alvarizas inventariadas xunto cunha ficha de información básica de cada un deles recollida durante o traballo de campo. Inclúese, por exemplo, a parroquia e concello na que está, a tipoloxía, o tamaño, a situación da estrutura ou as posibilidades de acceso.

Publicidade

As abellarizas están en maior medida, segundo explican desde a Fundación Oso Pardo, nas ladeiras máis térmicas da zona sur, debido ás mellores características para a produción apícola. Son, na súa maioría, estruturas de muro completo e forma redonda, aínda que se detectaron algúns de forma ovalada, en ferradura ou de muros incompletos asociados a un saínte rochoso ou noiro.

Os elementos comúns que favorecen a protección das abellarizas fronte ao oso son muros moi grosos (máis de 70 centímetros), laxes que forman un saínte na parte superior dos muros e porta baixa e estreita. A maior parte delas xa non están en uso, aínda que algunhas seguen funcionando, ou ben con función didáctica. Nalgúns casos a utilización destas estruturas de pedra para protexer apiarios é unha opción interesante na actualidade. Dentro das accións do proxecto LIFE Oso Courel, ademais do reparto de pastores eléctricos modernos aos apicultores para a protección das súas colmeas, contémplase o acondicionamento e restauración dalgunhas abellarizas coa intención de que poidan ser utilizados por apicultores da zona ou para o seu uso divulgativo ou turístico.

O proxecto Life Oso Courel desenvolverase ata decembro de 2020, coa coordinación da Fundación Oso Pardo e a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Custodia do Territorio como beneficiarios asociados. Está financiado polo programa LIFE da Unión Europea, e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e por Naturgy.

Podes ver o visor cartográfico das abellarizas do Courel nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas