Exemplo de erosión na costa de Galicia. Unha estrada (pode verse a varanda de metal no cantil) que o mar devorou en Razo (Carballo). Foto: R. Pan.
Exemplo de erosión na costa de Galicia. Unha estrada (pode verse a varanda de metal no cantil) que o mar devorou en Razo (Carballo). Foto: R. Pan.

O mar está comendo a cachos a costa de Galicia

A subida do nivel do mar e os cambios na frecuencia e intensidade dos temporais deixa pegada no litoral cunha erosión que se acelera

Hai miles de anos que está pasando. Mais nos últimos decenios fíxose moito máis evidente, sobre todo pola intensa ocupación humana dos espazos litorais, pero tamén porque a aceleración do cambio global é patente. O mar bate con forza e sen descanso contra a costa galega; e paseniño, pero sen pausa, está comendo a bocados a primeira terra coa que toca. Non acontece ao mesmo ritmo nos máis de dous mil quilómetros do recortado litoral, pero hai varios puntos nos que o fenómeno xa é evidente, non parece ter retorno e está obrigando xa a tomar medidas, moitas veces, pola falta de consideración coa natureza do “ti vai facendo” á hora de botar ladrillo e cemento.

Á beira da praia de Razo, en Carballo, un dos areais máis extensos do país, había unha estrada que nos días de verán, ata hai poucos anos, enchíase de coches que buscaban un oco para aparcar preto da area. Un tramo discorre no alto dun cantil, e parecía haber marxe fronte ao bordo. Porén, un día apareceu unha fenda no asfalto. Outro día derrubouse un anaco de estrada, e hoxe apenas existe ese tramo. Houbo que desviar o tráfico cara a aldea de Santa Mariña por unha vía interior, e o mar gañou definitivamente o partido. O retroceso tamén é visible noutros lugares, como o caso da praia de Ponzos en Ferrol, a contorna do porto de Cariño, as dunas de Corrubedo, ou cos constantes desprendementos na Praia das Catedrais.

Toda a costa galega está nunha fase de erosión, e leva moito tempo así. Mais coa humanización do litoral, o problema chega a porta da casa”, explica Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física ad honorem da Universidade de Santiago, que xunto ao doutorando Alejandro Gómez Pazo está a traballar na análise da vulnerabilidade das costas de Galicia á acción do mar.

Exemplo do índice elaborado por Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez Pazo. Fonte: Vulnerabilidade das costas de Galicia ante temporais mariños no contexto do cambio global.
Exemplo do índice elaborado por Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez Pazo. Fonte: Vulnerabilidade das costas de Galicia ante temporais mariños no contexto do cambio global.

Segundo Pérez Alberti, están confluíndo varios factores que poden acelerar o proceso e, sobre todo, facelo máis visible: “O litoral pasou de ser un elemento natural a unha zona onde se montan chiringuitos, complexos turísticos, urbanizacións, constrúense portos deportivos e diques sen ter en conta a deriva sedimentaria, alén doutras prácticas invasivas co territorio. E hai outro detalle: desde os anos 50 comézanse a facer encoros na bacía do Ulla, o Tambre ou o Miño. Ao topar con presas, os sedimentos non chegan aos esteiros, e empezan a verse déficits de area nalgunhas destas desembocaduras”.

O cambio global tamén pon a súa parte: o nivel do mar sobe máis rápido polo desxeo, e os temporais intensos golpean con máis forza o litoral: “Estamos vendo que algúns episodios dos últimos anos avanzan con máis forza”, subliña Alberti. Subscribe esta idea Ramón Blanco Chao, investigador do mesmo departamento, que estuda as dinámicas da erosión na costa de Galicia. “Percíbese un cambio no réxime de oleaxe, con efectos máis graves no litoral cun probable incremento dos eventos de tormenta máis intensos, caracterizadas por ondaxe longa que favorece os rebasamentos e desbordamentos “, explica Blanco.

O mar bate nun litoral moi amplo e complexo

Porén, non toda a costa galega está na mesma situación. As dinámicas poden provocar incluso que nalgúns lugares se acumulen sedimentos e a liña de costa experimente un avance cara o mar. “Hai que entender que a costa galega é un sistema moi amplo e complexo, con cambios en áreas moi pequenas: pasamos de praias, a costas rochosas chas e a cantís, cada un co seu réxime de ondas, ventos e dispoñibilidade de sedimentos “, engade Ramón Blanco. E non todos os sistemas costeiros respostan de igual xeito ante cambios no ambiente enerxético ou ante ascensos do nivel do mar.

Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez Pazo propuxeron un índice de vulnerabilidade costeira para toda a costa de Galicia

O traballo para estudar a situación é, por tanto inxente para cartografar a erosión que afecta a todo o perfil costeiro de Galicia. Unha primeira achega foi a de Alejandro Gómez e Pérez Alberti, que publicaron recentemente un artigo no que propoñen un índice de vulnerabilidade costeira (CVI), con valores de 1 a 5, tendo en conta a pendiente, altitude, orientación, tipo de costa, litoloxía, cambios no nivel do mar, altura media de ola e distancia á liña batimétrica dos 20 metros.

O índice expón que o 4,52% da costa galega, sobre todo en praias, presenta un índice alto ou moi alto, mentres que o resto da costa (57,96%), sobre todo a rochosa, presenta valores baixos ou moi baixos. As zonas máis vulnerables están, segundo subliña o mapa do traballo, en sistemas dunares activos, afectados pola extracción de area a gran escala realizada para a construción. Estes sistemas “desapareceron ou están cubertos de vexetación polo cambio de dinámicas”, subliña o catedrático da USC.

O patrimonio en risco

A arqueóloga Patricia Mañana Borrazás dirixiu os últimos traballos arqueolóxicos no Guidoiro Areoso, un illote da ría de Arousa con valiosos xacementos megalíticos que nos últimos anos agoniza contra a erosión, con taxas de retroceso moito máis elevadas que as dos sectores costeiros próximos. Unha actuación urxente e de rescate que foi promovida e financiada pola Xunta de Galicia, que rematou no 2017 e na que tamén colaborou o equipo de Ramón Blanco Chao. Os estudos realizados polo xeógrafo e o seu equipo evidenciaron que un cambio na cantidade de area que achega o mar estaba condenando ao xacemento á destrución. “A sensación que temos desde que comezamos a traballar alí é que o proceso estase acelerando; ao principio apenas viamos pasar a auga dun lado a outro na praia que une as dúas partes do illote, pero cada vez é máis frecuente”, lembra a arqueóloga.

A morte anunciada das xoias megalíticas do Guidoiro Areoso

Elías López, un dos investigadores que traballou no Guidoiro Areoso xunto a Mañana Borrazás, foi un dos editores do libro Public Archaelogy and Climate Change, un libro con achegas de numerosos países, no que se aborda a necesidade de actuar no patrimonio ante o impacto do cambio global. A foto de portada é demoledora: a silueta dunha mámoa que xa foi comida en parte polo mar.

E mentres noutros países do litoral atlántico, como Francia, Escocia ou Irlanda, xa se están elaborando plans para actuar, poucos sinais hai de compromiso para actuar en Galicia. Alén do Guidoiro, o castro de Fazouro, en Foz, é outro dos exemplos da costa que está sendo devorada. Construído no alto dun cantil, xa se perdeu parte da súa superficie cos embates milenarios do mar. E non é descartable que outros castros costeiros, como a célebre fortificación de Baroña, no Barbanza, se poidan ver afectados a medio prazo. De feito, segundo expón Patricia Mañana Borrazás, “xa están parcialmente afectados; dá a sensación de que están intactos, pero xa perderon parte da súa superficie”.

Imaxe de portada de "Public Archaelogy and Climate Change", que aborda o problema da suba do nivel do mar nos xacementos.
Imaxe de portada de “Public Archaelogy and Climate Change”, que aborda o problema da suba do nivel do mar nos xacementos.

Neste senso, a investigadora expón que casos como o de Areoso expoñen que “agora estamos sendo testemuñas da destrución de depósitos e xacementos que levaban alí aguantando os últimos 4.000 anos, e incluso 6.000 anos; e eu creo que a arqueoloxía ten moito que achegar nestes estudos da evolución da erosión do litoral, porque aporta a escala humana a estes procesos que son tan longos e complexos”.

A ordenación do litoral

Aínda que o avance da natureza poida ser difícil de conter, os expertos si coinciden en que está na man do home paliar, en parte, esta erosión. “É complicado, porque en parte o dano xa está feito. Hai moita xente que ten o seu fogar en lugares de risco, porque non se tomaron as medidas precisas no momento no que se fixeron moitas desas construcións, sobre todo na segunda metade do século XX, cando moitas aldeas que estaban afastadas das praias e dos lugares máis golpeados comezan a achegarse á costa”, expón Pérez Alberti.

Non hai unha planificación estratéxica definida“, lamenta Ramón Blanco, Engade o xéografo que “a Lei de Costas é do ano 1988, e hai que ter en conta que ata entón, en anos onde o nivel de novas edificacións foi moi importante, ninguén fixo previsión de como podía afectar a erosión a quen construía nestes lugares”. No Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL) aparece a nomeada Área de Dinámica Litoral (ADL), unha liña que sinala o límite de risco, que non se debe traspasar, “pero dubido que se teña moito en conta” sinala Pérez Alberti.

Vista aérea do castro de Fazouro, en Foz. Fonte: PNOA/IGN.
Vista aérea do castro de Fazouro, en Foz. Fonte: PNOA/IGN.

Unhas eivas que se estenden non só a pequenas obras particulares, senón tamén a infraestruturas financiadas con diñeiro público. “Hai moitos exemplos de portos deportivos e diques que se fixeron sen ter en conta como se move o mar e a deriva sedimentaria, e alteraron o sistema no que se enmarcaban”, conta Augusto Pérez Alberti.

Ante tal panorama, os investigadores coinciden en que cómpre ter un plan. “Non podemos facer unha foto fixa, pensando en como cambian as cousas dun ano para outro, hai que comprender cada sistema e as súas interaccións” opina Ramón Blanco. “O lóxico sería facer un estudo a gran escala, que requiriría dun traballo inxente, pero que podería axudarnos a ver como estamos e que podemos facer“, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.