Martes 19 Marzo 2024

Oito especies que xa desapareceron en Galicia

As listaxes de taxóns extintos constatan a desaparición do lince ibérico, a pita do monte, a cabra montesa galega ou o esturión

Nos meses previos a que a pandemia da Covid-19 opacara boa parte dos principais debates da sociedade, a alerta sobre a crise climática, o impacto do quecemento global e a perda de biodiversidade ocupaban numerosas portadas. O problema, con todo, non desapareceu. Como ten advertido nos últimos anos a comunidade científica, hai un risco de que teña lugar nas vindeiras décadas unha nova extinción masiva de especies no mundo. A pegada humana está detrás da meirande parte destas ameazas. En Galicia, 200 nomes están incluídos no Catálogo de Especies Ameazadas. Porén, outras, segundo recolle a Consellería de Medio Ambiente, xa non están presentes en Galicia despois de desaparecer nos últimos decenios. Aclara a institución que “se ben na actualidade non se dispón de información recente da súa presencia, para descartar que queden individuos no medio natural fanse necesarias prospeccións realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo e formas de vida da especie”, que poidan amosar a reaparición das mesmas.

Neste sentido, en 2018 o Goberno español actualizou pola súa banda a Listaxe de especies extintas no territorio estatal, cun total de 32. Algúns deles inclúense tamén na listaxe galega. Aquí poden verse algúns exemplos:

Publicidade

Rhynchospora

Dúas das especies do xénero Rynchospora (que abrangue a preto de 400 especies), están consideradas extintas en Galicia A R. fusca, propia do litoral cantábrico, e asociado sobre todo a turbeiras e mananciais, atópase en franca regresión. Medio Ambiente expón que “non se volveron encontrar 3 dos seus 6 núcleos ibéricos coñecidos, concretamente os de Galicia, Asturias e Gipuzkoa”. Como noutros casos, a principal causa do seu declive é a alteración e destrución do seu hábitat. Esta especie é moi sensible á alteración do medio (drenaxe, pisaduras, eutrofización, etc.), xa que selecciona lugares especialmente encharcados dentro da zona húmida, o que reflicte unha grande especificidade e baixa plasticidade ecolóxica.

Rynchospora fusca. Fonte: Nehemie Meslage.
Rynchospora fusca. Fonte: Nehemie Meslage.

Por outra banda, a Rhynchospora modesti-lucennoi, que se distribúe polo suroeste da península Ibérica (Cádiz e Huelva) e noroeste de África (Alxeria e Marrocos), e atopábase ata hai uns anos nas Gándaras de Budiño (O Porriño). Porén, o desecamento da turbeira na que vivía provocou a súa desaparición. Esta clase de planta vive en solos higroturbosos pertencentes á asociación Caricetum pseudocypero-lusitanicae. A maior ameaza para esta especie é, como para todas as das zonas húmidas, o desecamento do seu hábitat, ben por descenso da capa freática, ben polo cambio do curso de auga. Neste sentido, a proliferación doutras plantas, como Molinia caerulea, tamén propia de zonas húmidas, non favorece o desenvolvemento da R. modesti-lucennoi.

Christella dentata

C. dentata. Foto: Y. Gil/Miteco.
C. dentata. Foto: Y. Gil/Miteco.

É un tipo de fieito tropical e subtropical que na península Ibérica se encontra en franca regresión e corre o risco de extinguirse pronto. Coñecíase a súa presenza na provincia de Ourense, na serra do Xurés, asoociada a un muro de granito próximo a unha fonte de augas termais, pero a alteración do hábitat provocou a súa desaparición. Tamén se prevé na península ibérica a extinción a curto prazo da poboación andaluza (Cádiz). Pola súa parte, as Illas Canarias contan con oito poboacións, algunha delas máis ou menos viables para o seu mantemento. A principal ameaza con que se enfronta esta especie é a transformación do seu hábitat por drenaxe, pisaduras, utilización de herbicidas, gandaría, ou introdución de especies invasoras.

Lince

Trátase dunha especie que desapareceu de Galicia, se ben nunca foi abundante na rexión. Porén, a recuperación que viviu nos últimos anos na península permitiu que algúns exemplares, como o coñecido Kentaro, percorresen nalgún momento o territorio galego. Con todo, existen rexistros da súa presenza, así como do seu ‘curmán maior’, o lince boreal (Lynx lynx).

Cando o ‘tigre’ campaba por Galicia

Gaivina negra

Gaivina negra. Foto: Andrej Chudý / CC BY-SA 2.0.
Gaivina negra. Foto: Andrej Chudý / CC BY-SA 2.0.

Tamén coñecido como carrán mouro (Chlidonias niger). Adoita vivir en augas continentais de Europa e Norteamérica. Os efectivos reprodutores desta especie en todo o territorio español diminuíron acusadamente durante os últimos anos. En Galicia existiu unha poboación nidificante na desecada lagoa de Antela (A Limia), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas en época de cría causaron a súa desaparición. De forma puntual aparecen en Galicia algúns exemplares errantes, pero non se asentaron ata o momento na comunidade.

Pita do monte

A pita do monte cantábrica nidificaba tradicionalmente na montaña oriental de Lugo, sobre todo nos Ancares. Pero desde hai dous decenios non se ten constancia de exemplares na zona. A transformación e fragmentación do seu hábitat, así como o furtivismo, foron clave na desaparición do Tetrao urogallus cantabricus. Con todo, houbo algún avistamento próximo, como o que tivo lugar en 2019 en Candín, nos Ancares leoneses.

A extinción sen remedio da pita do monte en Galicia

Cabra montés galega-portuguesa

Un dos últimos exemplares vivos de cabra montesa galego-portuguesa, na serra do Xurés. Fonte: Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa.
Un dos últimos exemplares vivos de cabra montesa galego-portuguesa, na serra do Xurés. Fonte: Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa.

A Capra pyrenaica lusitanica era unha subespecie de cabra montés autóctona de Galicia, norte de Portugal, Asturias e Cantabria occidental, e extinguiuse a finais do século XIX. A súa desaparición debeuse, ao parecer, á destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada. A comezos do século XXI púxose en marcha un plan de reintrodución dunha subespecie semellante, a Capra pyrenaica victoriae, que vivía na Serra de Gredos. Na actualidade poden verse algúns individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.

Sollo

O Acipenser sturio, tamén coñecido como esturión, considérase extinguido en Galicia desde a segunda metade do século XX. A súa desaparición foi moi rápida, xa que, debido á súa abundancia en datas non moi afastadas, chegou a utilizarse na zona do río Miño como fertilizante, e os seus ovos como alimento para porcos. A alteración do seu hábitat por medio da alteración dos leitos dos ríos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos foron as principais causas de extinción da especie, así como as capturas accidentais e/ou pesca de individuos para a extracción dos ovos. En 2017, un pesqueiro capturou un sollo preto da Coruña, que con moita probabilidade procedía do suroeste de Francia, onde aínda quedan exemplares salvaxes.

Esturión. Fonte: Bibliothèque nationale de France.
Esturión. Fonte: Bibliothèque nationale de France.

6 COMENTÁRIOS

  1. Imaxino que a Christella dentata corresponde a un tipo moi específico de fieito, porque se non, non se entende que fique neste artigo como especie extinta. Na miña terra (A Mariña lucense) hai unha chea deles e non semellan en absoluto en peligro de extinción. Pero igual me trabuco. Deixo este dato aquí por se pode servir de axuda e a alguén lle poda interesar. Se é o caso, que contacte comigo quen o estime oportuno.

    Saúdos.

    • Eu coñezo o caso dos exemplares que existían no Xurés, concretamente en Bubaces-Río Caldo (Lobios), e pódoche asegurar que levaban alí miles de anos debido unicamente a que por ese muro saía auga quente, que fai uns anos foi drenada para aproveitamento dun hotel, momento en que o fento desapareceu. A auga saía a máis de 60°C e creou un ambiente tropical nese muro. Sen ese ambiente cálido e húmido os 365 días do ano é imposible a súa supervivencia. Un saúdo
      http://jardin-mundani.blogspot.com/2011/12/christella-dentata-nacida-para.html?m=1

  2. Quero lembrar a triste importancia na desaparición da Pita de monte da influencia dos cazadores legáis, como é testemuña o galo de monte exposto durante anos no Refuxio de Ancares. Acudían os cantadeiros aproveitando as pistas forestais , para darlles caza, ata deixalos diezmados. Moita xente da antiga AGENG o pode testificar pois protestamos diante do Vicepresidente Sr. Barreiro. Eu tamen estiven ali. Podía haberse evitado e non foi así. Mágoa.

  3. Existen novas poboacións de Rhynchospora modesti-lucennoi na provincia de Pontevedra. Polo demais, a poboación das Gándaras non debe darse por extinta.

    Un cordial saúdo.,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela