Di a lenda que Manuel Fraga matou á derradeira pita do monte de Galicia. Pero non é certo. Cazou moitas e axudou á súa extinción. Pero cando abateu a que pechaba a súa conta particular aínda quedaban no país medio cento de exemplares de ‘Tetrao Urogallus‘.

No albergue de Campa de Fieiró, nos Ancares, conservan disecado un exemplar atribuido á puntería de Fraga. O que fora ministro de Franco e presidente da Xunta presumía de ser un gran cazador de pita do monte, antes da súa veda, en 1979, e da súa declaración de especie protexida, en 1986. Pero xa era tarde para conservar a especie. Entre as razóns da súa desaparición os científicos apuntan o cambio do clima, con invernos máis cálidos, e a proliferación da marta (Martes Martes), que se alimentaba dos ovos do Urogallus. Os escopeteiros tamén axudaron.
A extinción continúa en todo o Norte da península Ibérica, segundo denunciaron este ano SEO-Birdlife e WWF. Na Coordilleira Cantábrica xa non quedan nin 300 machos. E no Pireneo a poboación baixou á metade na última década.
O xornal ABC xa advertía en 1971 de que o Urogallus estaba en extinción
Pero estes datos non semellaban de interese para Don Manuel. En 1972, en entrevista coa revista Trofeo, presumía de cazar pitas do monte: “Recuérdese lo que dice del urogallo la Enciclopedia Larrousse de la Caza: El tiro más prestigioso, que justifica todos los desplazamientos”. Na biografía de Fraga, os Ancares aparecen case como un coto persoal. E poden demostralo as moitas anécdotas.
A de máis sona foi en maio de 1971, aínda na dictadura de Franco. Un grupo ecoloxista foi facerlle un ‘escrache’ (aínda non se chamaba así) e desbaratarlle a Fraga a cacería preto do cumio dos Tres Bispos.

O colectivo conservacionista chamábase Asociación Española para la Ordenación del Medio Ambiente (AEORMA). E fora fundada polo catedrático de Economía Ramón Tamames, daquela membro na clandestinidade do Partido Comunista de España (PCE). Podemos deducir que, ademais da defensa do Urogallus, os activistas tamén disfrutaban molestando ao ex ministro de Información da dictadura e, no ano 1971, procurador en Cortes e Consejero Nacional del Movimiento.
Voluntarios de AEORMA dixeron estar nos Ancares facendo un estudo da pita do monte. O xornal ABC mesmo informaba: “Los pocos urogallos que aún quedan en dicha reserva [Os Ancares] pertenecen a la subespecie cantábrica, a punto de extinguirse“. Pero Fraga poseía “uno de los diecisiete permisos para practicar el deporte de la caza del urogallo“.
A tensión entre os ecoloxistas e a partida de caza de Fraga rematou coa intervención da Garda Civil. Días máis tarde, o secretario da AEORMA recibía na súa casa unha multa por espantar a caza do señor Ministro. Los cargos: “espantar la caza en el paraje de Acevedo de Donis, lugar de Fervencia, de la Reserva Nacional de Ancares, cuando se hallaba practicando la misma el cazador don Manuel Fraga Iribarne, debidamente autorizado para ello”.
A pita do monte está oficialmente extinguida en Galicia dende o ano 2005
Como vemos, o ex presidente da Xunta non ignoraba que estaba a cazar unha especie en vías de extinción. E mesmo chamaba a Garda Civil para defender os seus dereitos cinexéticos.
Fraga volvería moitas veces aos Ancares. Unha das últimas foi en 1997, xa no terceiro mandato de maiorías absolutas abraiantes. Desa volta, provocou unha liorta no albergue dos Ancares, cando se impediu aos clientes aloxarse ata que chegase “un personaxe moi importante”, que resultou ser o presidente da Xunta. Ao día seguinte, Fraga cazaría un corzo de 35 quilos, unha das súas últimas cornamentas en decorar o chalé de Perbes.

Da pita do monte non houbo máis novas de caza por parte do político vilalbés. Dende o ano 2005, o Urogallus está oficialmente extinguido en Galicia. A derradeira foto dun exemplar nos Ancares data do 2003. E constitúe unha sorpresa científica a enorme velocidade da súa desaparición, en menos de tres décadas. Poida que a martaraña fixera a súa parte. Pero outra foi de cazadores como Manuel Fraga Iribarne, defendido dos destemidos ecoloxistas durante o franquismo, multados pola Garda Civil por espantar a caza do señor ministro.
Noraboa polo artigo que tan ben constata os perniciosos efectos da soberbia na competencia dos seres humanos con responsabilidades políticas. Porén, entendo que é preciso facer algún comentario sobre as causas de extinción da pita do monte en Galicia. En 1998 entregamos á Consellería que nolo encargara o Plan de conservación da Pita do Monte en Galicia, e xa daquela estimábamos que a poboación en Galicia era de nada máis 3 femias. Despois de dous anos de estudo a nosa concusión foi que a principal causa do declive da especie fora a morte de machos adultos pola caza furtiva. Seguramente outros factores tamén influíron, entre eles a degradación e redución do hábitat. Mais resulta altamente improbable que o cambio climático ou a “proliferación” de martas depredadoras de ovos (sic) influísen na desaparición desa poboación. Cando menos, que a desaparición dunha especie sirva para aprendermos a establecer diagnósticos baseados en evidencias, e máis para deixar de lado os prexuízos e as especulacións infundadas.