Pescan na Coruña un sollo extinguido en Galicia desde hai 55 anos

O sollo foi capturado a unha milla da costa da Coruña. Foto: Casa dos Peixes
O sollo foi capturado a unha milla da costa da Coruña. Foto: Casa dos Peixes

O barco “O Ariño”, con base no porto do Grove, atopouse hai uns días cunha gran sorpresa mentres pescaba a unha milla da costa da Coruña. Os mariñeiros capturaron un exemplar de sollo (Acipenser sturio), unha especie que levaba extinguida en Galicia desde comezos dos anos 60.

O patrón do barco, Francisco José Padín, informou da captura á Casa dos Peixes, que agora deu a coñecer o achado, unha vez realizadas as análises oportunas. Científicos do propio Aquarium e da Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con”, da USC, están estudando ao esturión, que pode aportar datos moi valiosos para o coñecemento da especie. A partir desta análise, puideron constatar que o exemplar foi criado nas dependencias do IRSTEA (Institut National de Recherche en Sciences et Technologies pour l’environnement et l’agriculture) de Burdeos. O sollo fora liberado no ano 2010 no esteiro da Gironda, preto da citada cidade francesa.

O exemplar fora liberado en augas francesas no 2010

O sollo ou esturión europeo, que varios decenios atrás era abundante no río Miño, é unha das especies de peixes migradoras máis ameazadas de Europa. O seu ciclo vital comprende unha fase fluvial de un a dous anos de duración e unha fase mariña de 7 a 15 anos na que pode alcanzar 2.5 m de lonxitude e pesar ata 100 kg. Terminada a fase mariña, na primavera volven ao río para reproducirse.

A súa situación é “moi crítica” segundo a lista da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). O seu hábitat foi destruído, en gran parte, polos encoros, a sobrepesca e o furtivismo, xa que das súas ovas se extrae o caviar.

Nas vindeiras datas, investigadores da USC desprazaranse a Francia para continuar coa análise das mostras. Segundo fontes do Aquarium, amósanse “moi optimistas” ante un a posibilidade dun futuro programa de recuperación da especie nas augas galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.