Unha revisión científica avisa: achégase outra extinción masiva

O investigador Francisco Sánchez Bayo lidera unha análise que expón o risco de extinción do 40% das especies de insectos debido a varias ameazas

Non é a primeira vez que os científicos avisan sobre o risco que corren numerosas especies de insectos. Factores como o cambio climático, as especies invasoras, a alteración do hábitat e outras actividades humanas están comprometendo seriamente este alicerce no ecosistema. Unha nova revisión científica liderada polo entomólogo español Francisco Sánchez Bayo, da universidade de Sydney, na que se analizaron 73 informes sobre as poboacións de insectos en todo o mundo, lanzou outra voz de alerta: preto do 40% das especies de insectos están en perigo de extinción, e poderían desaparecer en cuestión de décadas.

Os datos que recolle esta revisión, presentada en Biological Conservation, son preocupantes: a taxa de extinción é ata oito veces máis rápida nos insectos ca noutros grupos, como os mamíferos, as aves ou os réptiles. E hai algunhas ordes terrestres que corren especial perigo, como os lepidópteros, himenópteros ou coleópteros. Porén, nos ecosistemas acuáticos, os danos tamén son notables nos odonatos, plecópteros, tricópteros ou efemerópteros.

Publicidade

O papel crucial dos insectos na cadea trófica podería espallar os problemas nos ecosistemas, debido á súa importancia non só na alimentación, senón tamén na polinización e a reciclaxe de nutrientes no medio ambiente.

A vacaloura, unha icona galega en perigo

Na súa revisión, os investigadores aluden, nesta orde, a catro causas principais na desaparición dos insectos: a perda ou alteración de hábitat debido á agricultura intensiva e urbanización; a contaminación, sobre todo por pesticidas sintéticos e fertilizantes; os factores biolóxicos, como os patóxenos e as especies invasoras; e o cambio climático.

Publicidade

Neste senso, os autores do traballo recomendan “repensar” as actuais prácticas agrícolas para orientalas cara a un uso menor de pesticidas e actuacións máis sustentables, para “deter ou revertir as tendencias actuais”, do xeito que se poida acadar “a recuperación das menguantes poboacións de insectos e protexer os servizos vitais que ofrecen aos ecosistemas”, así como solucións tecnolóxicas para a xestión das augas contaminadas e os residuos.

E conclúen cunha mensaxe de aviso: “Como non cambiemos as nosas formas de producir alimentos, os insectos, en xeral, irán polo camiño da extinción en poucas décadas”; e conclúen que “as repercusións disto para os ecosistemas do planeta serán, como pouco, catastróficas.

Referencias: Worldwide decline of the entomofauna: A review of its drivers (Publicado no número 232 de Biological Conservation).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

A recuperación da avea moura, o cultivo de orixe galega que desapareceu dos campos

Un proxecto de Misión Biolóxica de Galicia explora o potencial da especie tradicional con enfoque comercial para usos gastronómicos e cosméticos

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"