Aviso de Sanidade: risco de pancreatite en dous fármacos para a tiroide

A Axencia Española do Medicamento advirte de casos desta doenza e posibles efectos adversos no embarazo, polo que recomenda extremar precaucións

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) emitiu a semana pasada unha nota informativa na que dá conta da aparición de casos de pancreatite aguda tras o consumo dos medicamentos con carbimazol (nome comercial: Neo-tomizol), e tiamazol (Tirodril), fármacos utilizados para situacións nas que é precisa unha redución da función da glándula tiroide, ao inhibir a síntese de hormonas tiroideas. Ante estes casos, a axencia recomenda suspender inmediatamente o tratamento e non volver utilizalo nos afectados. E do mesmo xeito, aconséllase evitalo, no posible, durante o embarazo.

Segundo a nota da AEMPS, despois de terse notificados casos de pancreatite tras o consumo destes fármacos, suspendeuse o tratamento. E na maioría dos afectados, a situación clínica mellorou. Do mesmo xeito, nalgúns dos pacientes nos que se reanudou o tratamento, apareceu de novo un episodio de pancreatite.

Publicidade

Neste senso, segundo a axencia, “aínda que non se coñece exactamente o mecanismo polo que se produce a pancreatite, o menor tempo de latencia tras a nova exposición ao fármaco suxire un mecanismo inmunolóxico”. Así, recomenda “suspender inmediatamente o tratamento” e que os pacientes non sexan tratados de novo con ditos medicamentos.

No embarazo

A información dirixida a profesionais sanitarios tamén inclúe novas recomendacións respecto ao uso de carbimazol e tiamazol  durante o embarazo. “Aínda que os resultados dos estudos epidemiolóxicos non son homoxéneos, os resultados de aqueles de maior tamaño poboacional indican un incremento de risco de malformacións conxénitas” no consumo destes dous fármacos respecto ao non uso. “A exposición durante o primeiro trimestre do embarazo e a adminstración de doses máis elevadas considéranse factores de risco”.

Publicidade

Non en tanto, a AEMPS apunta que, “considerando que o hipertiroidismo en mulleres embarazadas debe tratarse de forma axeitada para evitar complicacións maternas e fetais graves, o uso de carbimazol e tiamazol debería reservarse para aquelas situacións nas que un tratamento definitivo (tiroidectomía ou tratamento con iodo radiactivo) non sexa posible antes do embarazo e para casos de nova aparición ou ocorrencia durante o mesmo”.

Ante isto, e se tras unha avaliación estrita dos beneficios e riscos do tratamento, “considérase necesario” utilizar estes dous fármacos, informarase á paciente e utilizarase a dose mínima efectiva, realizando unha estrita vixilancia”, recomenda a AEMPS.

Do mesmo xeito, recoméndase ás mulleres con capacidade de xestación que estean tratándose con estes dous medicamentos a utiliziación de métodos anticonceptivos, e a consulta co médico no caso de que queiran planificar un embarazo.

Que é a pancreatite?

A pancreatite é unha inflamación do páncreas. Esta glándula situada a carón do estómago produce hormonas, como a insulina, e fluídos que participan na dixestión dos alimentos. Estes líquidos están inactivos no páncreas, e ao comezar a dixestión, libéranse ao intestino para actuar sobre os alimentos. Mais nos casos de pancreatite, estes fluídos actívanse no interior do páncreas, causando unha especie de “autodixestión” do tecido desta glándula, o que produce inflamación e moita dor”. Pode producirse en episodios agudos (causando a morte nunha pequena porcentaxe de casos) ou converterse en crónica, habitualmente causada polo consumo excesivo de alcol ou de graxas, entre outros factores.

Máis información: Nota da AEMPS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día

O Ministerio de Sanidade conclúe que non hai evidencia científica que avale a homeopatía

O Ministerio publica un informe que analiza 64 estudos sobre a homeopatía e conclúe que non hai evidencia da súa eficacia en tratamentos para a saúde

A loita contra o cancro de páncreas: “Un modelo que funciona en animais pode non funcionar en humanos”

Enrique de Madaria, un dos maiores expertos mundiais en pancreatoloxía, asegura que só o 20% dos pacientes se diagnostican en fase temperá

Hai desigualdades no acceso a fármacos contra a obesidade?

A semaglutida ten propiedades que axudan ás persoas a perder peso ou controlar a diabetes, pero non todas poden permitirse este medicamento debido ao seu elevado custo