Humidade do 15%, raios e abandono rural: as causas do desastre incendiario de Galicia

Os lumes arrasan máis de 30.000 hectáreas entre O Courel e o Macizo Central, nunha situación sen predentes no país

Así se ven este mércores os incendios do Courel e do Macizo central dende o espazo. Crédito: Sistema de Observación da NASA
Así se ven este mércores os incendios do Courel e do Macizo central dende o espazo. Crédito: Sistema de Observación da NASA

Con pesar, suor e bágoas, Galicia está a escribir un novo capítulo da súa historia. Un que ninguén quere ler. O lume volve devorar os montes sen piedade, arrasando con todo o que atopa ao seu paso, incluídos os núcleos de poboación espallados e dispersos tan característicos do país. Unha realidade que reforzan as cifras: máis de 30.000 hectáreas queimadas entre o Courel e o Macizo Central. “Eu nunca vin nada semellante. Polo menos, nunca atopei documentada unha situación coma esta”, asegura Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. “É un evento singular respecto ao que estamos acostumados en Galicia”, engade o investigador, un dos maiores estudosos dos incendios galegos. E recorda que os lumes devastadores da última semana tiveron unha orixe natural, derivados dos milleiros de raios que caeron a noite do xoves 14 de xullo, e estiveron alimentados por unha situación meteorolóxica “razoablemente anómala”.

“En Galicia hai moitísimos incendios que teñen certa compoñente humana. Ben por accidentes, chispas, porque hai unha intencionalidade… Pero eu non me lembro dun número tan grande e simultáneo de incendios producidos por raios”, analiza Picos. Unha situación sen precedentes, polo menos dende que hai rexistros, derivada da tormenta explosiva que sorprendeu os galegos a semana pasada. Sen que os prognósticos fosen capaces de predicir algo semellante, caeron máis de 6.000 raios en apenas unhas horas, segundo os rexistros de Meteogalicia. “O tamaño da tormenta foi moi grande. Orixináronse 50 ou 60 incendios en zonas afastadas, porque os raios adoitan caer en cumios e espazos rochosos aos que non é fácil acceder”, continúa debullando o experto. Unhas circunstancias que, máis que favorecer os labores de extinción, prexudicáronos aínda máis.

Publicidade

“Non lembro un número tan grande e simultáneo de incendios producidos por raios”

JUAN PICOS, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra

Outra das causas principais deste conxunto de incendios tan virulentos foi a situación meteorolóxica previa “razoablemente anómala”. “Non só a seca primaveral e as altas temperaturas, senón especialmente os baixos niveis de humidade que, dende o punto de vista dos incendios, é o peor”, apunta Picos. De feito, o investigador explica que a estación de Folgoso do Courel rexistrara, nos días previos aos incendios, uns niveis de humidade ambiental do 15%. “É algo absolutamente anómalo nestas áreas. Non só é que teñas varios incendios á vez, senón as características do material vexetal e as condicións de gran estrés hídrico“, explica Picos. Polo tanto, a situación desencadeouse rapidamente debido a unha ampla nómina de factores, entre os que o experto tamén salienta o abandono rural. “A maiores podemos falar da situación que viven as aldeas, da baixada de poboación, a dispersión, o relevo complicado, cinco ou seis incendios moi grandes, un tránsito difícil… Un evento singular e pouco frecuente en Galicia”, engade o director da Escola de Enxeñaría de Pontevedra.

Un lume convectivo

Amais das causas que desencadearon o desastre incendiario que aínda está a sufrir Galicia, os lumes que asolan o Macizo Central e O Courel tiveron unhas características moi específicas. Segundo a hipótese que defende Picos, non se debe falar de incendios illados, senón dun “complexo de lumes entre os que houbo interacción“. “Foron incendios convectivos, os máis complexos que hai. Non son fáciles de predicir e están manexados polo combustible. Cando hai moito, chegan a altas intensidades”, explica o investigador. Tal e como continúa debullando, despois da intensa treboada do xoves, o vento era practicamente inexistente, unha circunstancia que favorece enormemente os incendios convectivos. Isto propiciou, ademais, que se proxectase unha columna de milleiros de metros de altitude con vapor de auga, cinza e fume derivados da combustión. “Esta convección é capaz de xerar un efecto meteorolóxico. Se chega a capas moi altas da atmosfera forma o pirocúmulo, unha nube de chuvia”, analiza Picos.

Formación de pirocúmulo no Courel, o 17 de xullo. Crédito: Jose M. Botana

De feito, e segundo o estudo que está a levar a cabo, “nos momentos de máxima actividade, choveu”. “Rexistrouse en varias estacións. Caeu auga por minutos debido a eses nubes de cúmulo xeradas polo propio incendio. Digamos que o lume foi capaz de xerar, el mesmo, unha pequena tormenta“, continúa analizando o experto. Unhas circunstancias que, de novo, volven complicar a extinción. Este tipo de lumes teñen un comportamento caótico e errante e, de feito, “son os máis perigosos para o operativo de incendios”. Segundo Picos, pouco máis se pode facer que apartar da zona máis perigosa e agardar a que a situación mude, posto que é imposible traballar en condicións seguras cun incendio que non se pode predicir. “E non só iso. Non tivemos un único incendio convectivo, senón un grupo deles. O fluxo de aire estivo interaccionando entre uns e outros. De todas formas isto é, de momento, unha hipótese”, declara con prudencia o director da Escola de Enxeñaría de Pontevedra.

As columnas de fume, cinza e vapor que levantaron os incendios galegos recordan ao terrible incendio de Pedrógão Grande (Portugal), que deixou máis de 60 falecidos a mediados de xuño de 2017. “Alí produciuse unha columna moitísimo máis grande. De repente caeu, como se se apagara o incendio de golpe. Imaxina o peso da precipitación, a expansión lateral… De igual maneira que aconteceu coa caída das Torres Xemelgas, os escombros voando polas rúas de Nova York”, relata o investigador, dando conta do terriblemente perigosos que son este tipo de incendios. Por fortuna, isto non foi o aconteceu no Courel, malia que as posibilidades de que ocorrera estaban aí. “Foron un conxunto de pirocúmulos, non tan grandes como os de Pedrógão Grande”, matiza. De todas formas, advirte: “É posible que empecen a desencadearse situacións fóra do habitual. A que se comporten de maneiras moi extremas e complicadas”. Esta é unha mostra.

Posibilidades de reactivación

Malia que as circunstancias seguen a ser complicadas, a situación convectiva que describe Picos xa cesou. “Pouco a pouco vai entrando no rango de control. Volvemos ter anticiclón, pero as humidades seguen a ser baixas. Preséntasenos un verán longo porque quedan días de moita calor e sequidade e algúns deses puntos vanse reactivar”, asegura o investigador. Segundo explica, non é posible rastrexar as decenas de quilómetros que arrasou o lume, sobre todo porque moitas delas son espazos “absolutamente inaccesibles”. Como exemplo, pon o material incandescente que puido quedar atrapado entre dúas pedras. “Cando levante un pouco o vento pode renacer”, alerta o experto. E insiste en que quedan aínda días difíciles. “A situación é grave, a probabilidade de que volva suceder é alta porque a tendencia meteorolóxica é desfavorable. Hai acumulación de combustible, pouco aproveitamento… É un cóctel complicado”, admite Picos.

Porén, deixa un trato de esperanza e optimismo, tan necesario nos tempos que corren. Pon confianza cega na ciencia, a única capaz de entender este tipo de fenómenos e, sobre todo, de frealos. “Teremos éxito, antes ou despois”, asegura, dando conta do coñecemento científico que xera a investigación, clave para previr situacións coma esta ou, no peor dos escenarios, ser capaz de responder de maneira máis pronta e eficiente ás circunstancias adversas. “Intentaremos achegar o que sabemos. Non estamos en primeira liña, pero tentaremos ofrecer un bo servizo para entender que pasou e atopar as claves para que non volva pasar”, asegura. “Estudar este tipo de fenómenos non nos dá capacidade para elixir que sucedan ou non, pero si para decidir como queremos que arda. Por exemplo, baixar a intensidade, unha recuperación máis rápida e un menor perigo”, asegura o experto, inmerso, xunto ao seu equipo, no proxecto Firepoctep, centrado na prevención e extinción de incendios forestais.

“Preséntasenos un verán longo. Quedan días de moita calor e sequidade e algúns deses puntos vanse reactivar”

JUAN PICOS, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra

O escenario devastador que deixan O Courel, Valdeorras e O Invernadeiro fai que, inevitablemente, pensemos noutros episodios igual de desoladores. “Despois dos incendios das Neves en outubro de 2017 fixemos un estudo. Falamos cos nenos. O que máis medo lles dera fora ver os seus pais superados, sen saber que facer. Tiñan unha sensación de angustia porque estaban a enfrontarse a un monstro que non podían ver, nin entender e que era absolutamente inexplicable”, lembra Picos. Porén, unha vez que os investigadores lles daban as claves do desastre, os nenos sentíanse aliviados porque o monstro xa tiña rostro. “Dígolle á sociedade galega que temos a capacidade de entender, mediante a ciencia, que pasou. Non é un suceso aleatorio nin un castigo divino. Se algo gañamos coa investigación é que somos capaces de explicar as cousas e propoñer como atallalas”, conclúe o experto. Talvez así, as bágoas non estean escurecidas polo suor e o pesar, senón pola felicidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.