Unha DINA provocará treboadas e baixada das temperaturas na recta final da semana

O aire frío nas capas altas da atmofera e a entrada dunha fronte débil o martes aumentarán a inestabilidade en Galicia

O verán adoita ser sinónimo de tempo estable, solleiro e caloroso. Con todo, os primeiros días da estación máis longa do ano non se corresponden nin en temperaturas nin en condicións atmosféricas co esperable para esta época. Malia que Galicia comezará a semana con influencia anticiclónica, e acadará este luns os 34 graos en puntos da provincia de Ourense, o martes entrará unha fronte débil que deixará ceos moi nubrados e precipitacións, máis probables no interior. A inestabilidade continuará na segunda metade da semana pola influencia dunha Depresión Illada en Niveis Altos (DINA) situada no suroeste da península, que provocará treboadas e un notable descenso térmico, sobre todo nas máximas, que non superarán os 22 graos.

Segundo explican dende Meteogalicia, o luns será un día especialmente caloroso, sobre todo na metade sur, pola entrada de aire cálido en superficie. Isto provocará máximas que roldarán os 30 graos en todas as cidades galegas agás en Ourense, que se chegará aos 34 graos, e na Coruña, que non superarán os 23. Con todo, o tempo experimentará un cambio drástico coa chegada do martes, cando unha masa de aire frío en altura e a formación dunha DINA ao oeste de Portugal aumenten a inestabilidade atmosférica. Así é que os ceos estarán moi nubrados, sobre todo no oeste; prevense treboadas, que serán máis probables no interior de Lugo; e as máximas experimentarán un notable descenso, sobre todo no litoral atlántico, onde non se superarán os 22 graos.

Publicidade

A partir do mércores, máis inestabilidade

A situación de inestabilidade continuará durante o mércores, cun predominio do aire frío nas capas altas da atmosfera, ceos nubrados e chuvascos que poden ser treboentos, sobre todo no interior. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), será durante o xoves cando a DINA se posicione sobre o golfo de Cádiz para ir ascendendo nos días seguintes. “Irase desprazando cara ao norte deixando inestabilidade atmosférica para finais de semana, polo que a probabilidade de chuvascos treboentos seguirá sendo alta, especialmente no interior”, sinalan dende Meteogalicia. As temperaturas tamén se manterán en valores baixos, dado que a previsión non apunta a máis de 22 graos para a fin de semana en ningunha cidade galega.

Con todo, o meteorólogo Francisco Martín León apunta nun artigo publicado en Meteored que a DINA é moi difícil de predicir e é probable que se produzan cambios no prognóstico de cara aos vindeiros días. Malia a incerteza na previsión meteorolóxica, todo apunta a que “será moi activa en canto a precipitacións e tormentas”. Dende o portal eltiempo.es, o tamén meteorólogo Mario Picazo coincide no prognóstico con Meteogalicia e Martín León. Incide, ademais, no difícil que é predicir o movemento da DINA, e da súa traxectoria exacta dependerá canto pode afectar a Galicia.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tapar o cheiro dos peregrinos? Non, este é o verdadeiro propósito do botafumeiro da Catedral de Santiago

O divulgador de historia da arte El Barroquista desmonta unha crenza estendida e sinala que a súa función estaba ligada á solemnidade do templo

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

A USC lidera a creación do primeiro protocolo de vixilancia da saúde dos traballadores expostos a radon

O documento, elaborado por encargo do Ministerio de Sanidade, é pioneiro en Europa con recomendacións para o seguimento sanitario

Penso, despois leo

O último informe PISA advirte da drástica caída da comprensión lectora en Galicia (e no resto do mundo). Por Laura Filloy