Debate sobre o eucalipto nas Regueifas de Ciencia.
Debate sobre o eucalipto nas Regueifas de Ciencia.

Unha regueifa para amosar os matices do eucalipto

O debate sobre a árbore acaba con acordo na necesidade de regular as plantacións, pero con discrepancias sobre o seu efecto no ecosistema

Está xustificada a mala sona do eucalipto? Era a pregunta da que partía o debate celebrado este luns nas Regueifas de Ciencia. Catro bos coñecedores do asunto desde diversas perspectivas confrontaron en dous bandos as súas posturas. Houbo discrepancias, sobre todo no que respecta ao comportamento do eucalipto (sobre todo a especie E. globulus, a máis habitual en Galicia) nos ecosistemas e sobre o seu carácter invasor; mais houbo tamén puntos de acordo: os catro poñentes coincidiron na necesidade de controlar a súa expansión e regularizar todas as plantacións existentes.

E a pregunta asumía, por tanto, que a árbore nativa de Australia ten mala sona en Galicia. Mais polo bando do debate que negaba este punto, conformado polo catedrático emérito de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros e o catedrático de Proxectos Forestais e profesor no Campus de Lugo, Manuel Marey, tentaron rebater aspectos como o carácter invasor ou o dano que causa na biodiversidade, ao que engadiron os beneficios económicos que xera en moitas comunidades rurais.

Fronte a eles, o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, e o profesor da UVigo e director do grupo EcoEvo, Adolfo Cordero, enumeraron argumentos para xustificar a mala sona do eucalipto en Galicia. O debate xirou arredor de catro cuestións:

Fomenta o eucalipto os lumes?

Neste aspecto, tomou a palabra para o seu bando Serafín González, experto no estudo de áreas queimadas. E subliñou que os escenarios estudados din que si: a velocidade de propagación é maior nos eucaliptais e piñeirais ca nas carballeiras ou soutos, dixo, e increméntase o risco de lumes secundarios, alén dun maior risco de mortalidade: “En Pontevedra, nos últimos anos, incrementouse o risco debido á área ocupada por eucaliptos e á proximidade de vivendas”, dixo.

Replicou Manuel Marey dicindo que a árbore por si mesma non era unha xeradora de incendios. Falou do 80% de lumes que son provocados, ou de que dentro das parroquias rexistradas polos plans contra incendios como de alta actividade incendiaria, a área de eucaliptos nelas é pequena: “Os incendios non se explican só pola presenza dun tipo de arborado”, deixou dito o profesor do Campus Terra.

E respondeu González co clima: “Non se pode xustificar que o eucalipto non fomenta os lumes falando do norte da provincia da Coruña e Lugo: hai que ter en conta que alí está a única autopista da Península que pecha de forma sistemática por néboa“.

Afecta á biodiversidade?

Comezou tomando a palabra Francisco Díaz-Fierros, mencionando unha serie de estudos sobre os efectos dos eucaliptais sobre o solo e a auga que, segundo sostivo, eran pouco concluíntes para poder establecer que esta árbore era daniña para a riqueza do ecosistema. “Todas as árbores modifican o entorno no que medran, e os datos reflicten que os eucaliptais producen efectos semellantes aos das carballeiras; pode que varíen lixeiramente, pero dentro duns límites asumibles e non significativos”.

Mais Adolfo Cordero sostivo que as características da árbore, “é incomestible, e en Galicia ningún animal, agás os gonipteros, poden alimentarse del”, impiden a transferencia de enerxía e con ela o establecemento dunha cadea trófica arredor da árbore. E Díaz-Fierros, neste punto, respondeu que era preferible falar de “servizos ecosistémicos“, alén da biodiversidade, na que se tiveran tamén en conta outros aspectos que producen as plantacións de eucalipto, como o seu papel económico e social.

É unha especie invasora?

Tomou de novo a palabra Cordero, que participou no Comité Científico desautorizado por un contrainforme encargado polo Goberno despois de que o declararan especie exótica invasora. Lembrou, neste punto, a eliminación dun capítulo sobre o eucalipto nun libro sobre especies invasoras editado pola Xunta, co que se sementaron, segundo el, dúbidas sobre a influencia dalgúns grupos de presión neste tipo de decisións. E reiterou Cordero, como xa deixara claro noutras intervencións, que si consideraba ao eucalipto como especie invasora.

Díaz-Fierros contestou cunha emenda ao termo. “Non me gusta a palabra ‘invasor‘, porque ten connotacións bélicas”. No canto disto, o catedrático de Edafoloxía avogou por empregar outros termos que definiran mellor a capacidade das especies para causar efectos nos xa citados “servizos ecosistémicos”. E aquí, Díaz-Fierros apuntou que “neste aspecto, o papel do eucalipto aínda está en dúbida”.

Na contrarréplica, Adolfo Cordero lembrou algúns dos datos que levaron ao comité no que participou a tomar a decisión: “Que o eucalipto produza beneficios económicos non elimina o seu carácter invasor”.

Produce riqueza económica?

Manuel Marey centrou esta intervención na relevancia do eucalipto no sector forestal: “Os sectores produtivas non se improvisan, non xorden dun día para outro, e o eucalipto no sector forestal de Galicia ten as condicións axeitadas para desenvolverse porque os propietarios así o perciben; é un tractor da economía do país, cunha enorme produción de madeira e sectores asociados: fábricas de maquinaria, escolas forestais líderes en España, etc. E ademais complementa rendas baixas, co que axuda a saír adiante a moita xente”, resumiu.

Non en tanto, desde o outro bando insistiuse en que a rendibilidade non sae á conta. Cordero incidiu no tema cunha comparación coa banca: “hai unha privatización dos beneficios e unha socialización dos custos, con gastos en materia de prevención e extinción de lumes e no control das pragas dos eucaliptais, que pagamos todos”.

Na quenda do público despois do debate, preguntouse sobre a posibilidade de plantar máis hectáreas de eucalipto, así como da consulta á cidadanía á hora de desenvolver as políticas de públicas que favoreceron a expansión da arbore.

Nas conclusións amosouse, con todo, un mínimo común sobre a controvertida árbore. Tanto os partidarios como os detractores da mala sona avogaron por un maior control das plantacións, mais as medidas para implementalo varían. Serafín González avogou, por exemplo, por unha moratoria de novas plantacións, así como a súa erradicación en espazos como os parques naturais a Rede Natura, así como unha reconversión doutros espazos unha vez se fagan as cortas.

Con todo, o público tívoo claro. Ao final do debate, un 79% das persoas que votaron dixeron que a mala sona estaba xustificada, fronte a un 15% que votou “non” e un 6% de “non sei”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.