Cristina Vila e Gabriela del Valle, xunto a outras autoridades no acto de entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural. Foto: USC.
Cristina Vila e Gabriela del Valle, xunto a outras autoridades no acto de entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural. Foto: USC.

O Campus Terra entrega o premio Enxeñaría e Muller Rural

Cristina Vila e Gabriela del Valle foron premiadas polos seus proxectos dunha pasarela peonil no Pino e unha adega de albariño en Mos

As enxeñeiras Cristina Vila e Gabriela del Valle Bugallo, galardoadas na terceira edición dos premios a traballos de fin de grao Enxeñaría e Muller Rural, un certame a través do que a Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo busca facer máis visible o cometido e as capacidades que poden desenvolver as mulleres no ámbito das enxeñarías, recolleron este luns os seus respectivos premios, dotados de diploma acreditativo e cadansúa gratificación en metálico de 200 euros, no marco dunha cerimonia na que a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, reivindicou o “carácter feminino e feminista da Universidade“.

“A USC é feminina pola propia natureza de xénero do seu termo, pero na actualidade tamén por estatística, xa que as mulleres son maioría nas aulas, que non nos cadros de dirección”, sinalou Valcárcel. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo salientou asemade que “A USC tamén é feminista por responsabilidade e compromiso coas persoas e coas súas inquedanzas, pola propia dinámica modernizadora e de vangarda que de sempre tiveron as institucións académicas e tamén, entre outras múltiples razóns, por sustentabilidade e economía do coñecemento, pois é obvio que non se pode prescindir do coñecemento e das capacidades de máis de metade da poboación, tal e como o son as mulleres”.

Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial delegada da área de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, a delegada territorial de Medio Ambiente, Olga Díaz, así como da profesora do centro e secretaria da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Ana Isabel García Iglesias,  trasladou os seus parabéns ás enxeñeiras galardoadas así como á propia comisión organizadora, que vén de recibir o Premio Entre Mulleres 2019 do Concello de Lugo, polo seu cometido a prol da igualdade entre mulleres e homes e por iniciativas como este certame ou a campaña de divulgación das enxeñarías entre ou alumnado preuniversitario.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo tamén tivo palabras de agradecemento para a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo pola posta en marcha de iniciativas pioneiras e feministas. “Este centro liderou e foi piar e motor da modernización do medio rural de Galicia desde hai medio século” , dixo. Logo de completar esta tarefa, engadiu, “a EPS de Enxeñaría da USC aspira tamén a liderar no futuro inmediato a nova transformación que require esta era tecnolóxica coa formación e capacitación de novos mozos e mozas neste ámbitos”, dixo.

Os premios Enxeñaría e Muller Rural

A calidade das memorias e a viabilidade das ideas desenvolvidas nos traballos de fin de grao presentadas por Cristina Vila e Gabriela del Valle Bugallo resultaron factores determinantes á hora de emitir o seu ditame. Daquela, o xurado acordou premiar a proposta dunha pasarela peonil sobre a N-547 ao seu paso por O Pino (A Coruña), presentada por Cristina Vila Paz. Os integrantes do tribunal avaliador salientaron no seu fallo n a incidencia social desta actuación, a través da que se pretende diminuír a sinistralidade nun punto do Camiño de Santiago onde os usos de peregrinos e vehículos a motor entran en conflito en máis dunha ocasión.

O proxecto dunha adega para a produción de 100.000 litros anuais de Albariño con D.O. Rías Baixas no parque empresarial de Mos (Pontevedra), presentado pola nova graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Gabriela del Valle Bugallo González, mereceu outro dos galardóns concedidos no marco deste certame. A aposta pola empregabilidade feminina no concello de Mos e na súa contorna, na que a maior parte dos traballos nas adegas están ocupados por mulleres foi un dos aspectos valorados polo xurado na emisión do seu fallo.

A cerimonia de entrega da terceira edición dos premios Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa posta en marcha para facer visible a contribución da muller nos diferentes ámbitos da enxeñaría, ademais de para atraer novas vocacións femininas e este área do saber, contará tamén coa participación da coordinadora do GDR Limia-Arnoia, a tamén enxeñeira formada na EPSE do campus lugués Eva González, quen ofrecerá o relatorio ‘De nena a moza, case nunca enxeñeira’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.