Primeiro caso rexistrado de alerxia ao seme debido á amoxicilina

Médicos de Alicante atenderon a unha moza que acudiu a urxencias con alerxia despois de practicar sexo co seu compañeiro

Un equipo de profesionais médicos do Hospital Universitario de Alicante acaba de publicar na revista BMJ Reports o que é o primeiro caso rexistrado de reacción anafiláctica por amoxicilina despois de ter practicado sexo oral. O asunto comezou cando unha muller de 31 anos chegou a urxencias con vómitos, dificultades para respirar e proído por todo o corpo. Os doutores diagnosticáronlle rapidamente unha alerxia, aínda que nun primeiro momento non puideron atopar as causas.

A única pista que tiñan é que a reacción se producira xusto despois de practicar sexo co seu compañeiro, que incluíu tamén exaculación oral, segundo recolleu o informe médico. Por tanto, foi neste punto onde se centraron as pesquisas.

Publicidade

É coñecida a alerxia dalgunhas persoas ao seme, unha patoloxía coñecida como hipersensibilidade ao plasma seminal, debido á presenza dalgunhas proteínas que poden xerar este tipo de reaccións no sistema inmunitario. O problema pode manifestarse na vaxina, na pel ou na boca, pero tamén no conxunto do corpo.

Non en tanto, o problema detectado en Alicante tiña outra orixe. Os médicos descartaron outras causas, como a alimentación, as picaduras dalgún insecto ou o consumo de medicamentos. E aquí atoparon a clave: o compañeiro da moza tomara ibuprofeno e Augmentin, un medicamento que leva amoxicilina, un antibiótico co que tratou unha infección no oído. A última dose tomouna, segundo os médicos, catro horas antes do encontro sexual.

Publicidade

“Polo que sabemos, este é o primeiro caso rexistrado por posible reacción alérxica inducida pola amoxicilina despois do sexo oral cunha persoa que tomara o medicamento”, expón o equipo médico alicantino.

Afortunadamente, a muller foi atendida a tempo e recuperouse completamente. Os doutores decidiron entón publicar o informe ao caer na conta de que era un caso único. A recomendación nestes casos é usar preservativo se a persoa coa que se mantén relacións está tomando un medicamento que pode causar alerxia. “Cremos que é importante advertir destes feitos para informar e previr posibles problemas nos pacientes”, conclúen.

Referencia: Anaphylaxis probably induced by transfer of amoxicillin via oral sex (Publicado en BMJ Case Reports o 8 de marzo de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alerta, alérxicos: os niveis de pole dispáranse esta fin de semana

Veñen días complicados para as persoas que sofren alerxias, con días solleiros e ventos que traerán o pole da floración das oliveiras do sur da península

Tes alerxia ao pole? Así é como o cambio climático agrava os teus síntomas

Unha revisión de estudos relaciona os efectos do quecemento global cunhas concentracións de alérxenos cada vez maiores

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades

Atención, alérxicos: Galicia rexistrará niveis “moi altos” de pole esta fin de semana

As concentracións de grans de bidueiro serán especialmente elevadas entre o venres e o sábado, cunha drástica diminución o luns