Alerta polas cinzas dos incendios: “A probabilidade de que contaminen as augas é alta”

O investigador Serafín González advirte que as chuvias intensas poden arrastrar os restos carbonizados ata o mar, os ríos e os encoros

Parte dunha zona queimada en Verín, onde as chuvias arrastran ladeira abaixo as cinzas dos incendios. Crédito: Pedro Armestre / Greenpeace
Parte dunha zona queimada en Verín, onde as chuvias arrastran ladeira abaixo as cinzas dos incendios. Crédito: Pedro Armestre / Greenpeace

Unha parte inestimable da paisaxe galega quedou arrasada polos incendios do verán. O lume azoutou duramente espazos naturais como o do Courel, O Xurés e O Invernadoiro. Pero tamén calcinou montes do Barbanza, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. O balance final, cunha cifra que supera as 40.000 hectáreas queimadas, dá conta do desastre ambiental. Agora, varios colectivos alertan dos perigos do “chapapote de monte”. É dicir, o risco de que as chuvias arrastren a cinza das zonas incendiadas, cheguen a cursos fluviais ou ao mar e provoquen a contaminación das augas.

“Hai unha alta probabilidade de que aconteza”, asegura o científico do CSIC Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). “Non en todos os sitios, pero si nos que se queimaron con máis severidade, os que teñen maior pendente ou pendentes fortes e longas, así como aqueles lugares nos que chova con intensidade”, explica o investigador galego. Espazos como O Courel, Valdeorras, o Macizo Central ou o Barbanza cumprirían con estes requisitos, sempre e cando as condicións climatolóxicas deriven en chuvias fortes capaces de arrastrar as cinzas.

“Se chove con intensidade, os lugares máis queimados e con pendente son os máis vulnerables”

SERAFÍN GONZÁLEZ, investigador do CSIC

Coa intensidade das precipitacións, os restos carbonizados poden chegar a contaminar o mar, os ríos e os encoros. Un dos sinais de alarma máis evidentes sería a tintura das augas, ben de cor marrón escura ou incluso negra. Unha ou outra coloración, segundo explica González, depende da intensidade coa que a chuvia arrastre a cinza. “A turbidez mostra un cambio de cor, que demostrará que está a haber un empuxe. Logo hai que comprobar se contén manganeso e zinc, que é o máis probable”, asegura o presidente da SGHN. De feito, investigacións realizadas polo CSIC atoparon niveis “demasiado altos” destes elementos. “A súa acumulación en terreos sensibles, nas zonas húmidas e na beiramar pode ter consecuencias ambientais“, declara.

Elementos tóxicos

Segundo continúa explicando, as cinzas e os carbóns que quedan despois do lume son o resultado dunha combustión incompleta. “Normalmente teñen concentracións máis ou menos elevadas de hidrocarburos aromáticos policíclicos e moitos deles son bioacumulables, canceríxenos e/ou mutaxénicos”, asegura o científico do CSIC. Tamén engade que as cinzas teñen con certa frecuencia niveis “demasiado altos dalgúns micronutrientes”. “Algúns elementos son imprescindibles para a vida en cantidades pequenas pero en cantidades elevadas son tóxicos”, indica González. Pon, como exemplo, o manganeso e zinc detectados noutras ocasións.

Solo encharcado en Verín a causa das chuvias. Crédito: Pedro Armestre / Greenpeace

A contaminación das augas derivada do arrastre das cinzas dos incendios non sería unha novidade. Segundo explica o presidente da SGHN, a presenza dos hidrocarburos xa se identificou noutros espazos, como o encoro das Conchas, na Limia, e noutras zonas húmidas arredor do mundo. “Hai arredor de tres anos pedimos, dende a SGHN, que se analizasen os sedimentos dos encoros tanto a Augas de Galicia como á confederación hidrográfica Miño-Sil. Máis en concreto, os de subministro de auga potable, por se había elementos arrastrados de terras queimadas”, detalla o investigador. Porén, el asegura que dende Augas de Galicia non recibiron resposta e a confederación confirmou que consideraría as peticións de cara ao próximo ciclo.

Infertilidade nas aves

Máis alá da detección destes elementos en diferentes fontes de auga, os restos carbonizados dos incendios poden ter un impacto negativo sobre diferentes especies. González remítese a un estudo realizado por investigadores da Universidade de Compostela (USC) en 2007. Estaban a realizar o seguimento do fuel do Prestige, que tamén tiña hidrocarburos. “Atoparon unha concentración o dobre de alta que durante a materia negra. Estiveron buscando unha explicación, ata que se decataron que en 2006 fora a vaga de incendios, con lumes moi próximos á beiramar, e que se arrastraran moitas cinzas”, recorda o investigador.

“Detectouse un incremento de ovos infértiles da píllara das dunas en 2007, un ano despois da vaga de incendios”

SERAFÍN GONZÁLEZ, investigador do CSIC

Froito dese estudo detectouse que un “incremento da infertilidade” nos ovos da píllara das dunas. “Esta ave aliméntase nas dunas, dentro do terreo intermareal onde hai moitos outros organismos de consumo humano como berberechos, ameixas e navallas”, explica González. E esa detección de ovos infértiles coincidiu, precisamente, cun aumento dos compostos tóxicos procedentes dos lumes, arrastrados pola chuvia ata o mar. Malia que nesta especie si se demostrou un impacto sobre a saúde, González non valora ata que punto pode supoñer un risco para os humanos. “Os hidrocarburos son tóxicos para nós e, algúns deles, moi tóxicos. Prefiro ser prudente nesta valoración, porque dependerá de onde se produza a contaminación e de como chegue á cadea alimentaria”, incide.

Reducir a erosión do solo

Con todo, González salienta unha parte positiva: aínda estamos a tempo de frear a situación. Se non chove, as cinzas permanecen no mesmo lugar da combustión e, incluso, pode haber posibilidades de que o monte se vaia rexenerando e medrando algo de vexetación. “Iso podería conseguir frear o arrastre das cinzas e, así, evitar danos maiores”, explica. Porén, hai solos moi sensibles e vulnerables ao arrastre das cinzas, posto que hai moita erosión e carecen de banco de sementes. Para iso, sería preciso tomar unha serie de medidas que evitasen o empuxe das cinzas ata o mar, ríos e encoros.

Estado dunha zona queimada en Verín despois da chuvia. Crédito: Pedro Armestre / Greenpeace

Dende Greenpeace, a asociación ecoloxista que alertou recentemente da situación, ofrecen varias alternativas, como a construción de pequenos diques perpendiculares ás ladeiras, facer construcións provisionais nos cursos fluviais para evitar que cheguen os sedimentos e as cinzas e sacar a madeira queimada da zona na que se produciu o incendio. A opinión de González vai en consonancia e matiza que naqueles lugares nos que o impacto do lume foi severo, a vexetación quedou “completamente destruída”, ten unha unha pendente moderada ou forte e prevense chuvias, deben tomarse medidas de estabilización do solo. “Hai que reducir a erosión, ben con alfombras de palla ou outros materiais ao longo das curvas de nivel”, engade.

Tanto Greenpeace como González instan ás autoridades competentes a que se tomen medidas o antes posible. Malia que as previsións meteoróloxicas son favorables e non prognostican chuvias intensas de cara aos próximos días, calquera pode tirar de refraneiro popular: Máis vale previr que curar. Queda claro que o impacto dos incendios non se reduce a unha paisaxe queimada, senón a consecuencias —ás veces non tan fáciles de detectar— que van máis alá do lugar onde o lume decidiu arrasar con todo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.