O carallo de mar galego, unha delicia na gastronomía en China

As lonxas galegas comercializaron 150.000 quilos de Holoturia en 2018, destinados en gran parte ao mercado asiático, onde acada elevados prezos

Desde que en 2015 a Xunta de Galicia deu luz verde á explotación do carallo de mar, as cifras de comercialización deste equinodermo mariño, tamén chamado holoturia, non deixan de multiplicarse. Antes, este animal era un descarte habitual nos pesqueiros de arrastre de litoral e dos que faenan no Gran Sol, pero o traballo do sector para buscarlle un novo valor está dando os seus froitos. En xigantes económicos como China, o carallo de mar é un produto que está nas mellores mesas da gastronomía, e en Galicia non se deixou pasar a oportunidade.

Esta mañá Vigo acolleu a presentación dos resultados do proxecto Holoplus, liderado pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI). E o crecemento foi exponencial. Se no 2015 foron 6.800 quilos vendidos nas lonxas galegas, en 2018 chegouse aos 150.000, o que multiplica por 22 as capturas. No mesmo período, os ingresos multiplicaronse por 14, pasando de pouco máis de 17.000 euros a preto de 250.000 de facturación acadados o ano pasado.

Publicidade

Na actualidade, despois de que Cangas fora unha das confrarías pioneiras en comercializar o carallo de mar, xa hai cinco plans de explotación aprobados: Vigo, o propio de Cangas, O Grove, Aldán e un proxecto conxunto das confrarías de Barallobre e A Coruña.

Na presentación dos resultados de Holoplus estivo tamén presente a conselleira de Mar, Rosa Quintana, que destacou como Galicia participa en toda a cadea de produción do carallo de mar, desde a extracción ata a comercialización, pasando pola venda e transformación. “Un círculo que se pecha baixo a premisa de que tan importante é pescar ben como vender mellor”, declarou Quintana.

Publicidade

A investigación liderada por ARVI, alén de buscar novos ocos comerciais para a holoturia, procura tamén a mellora no coñecemento das poboacións, así como o estudo do efecto do incremento das capturas, para contribuír á xestión sostible do recurso. Neste senso xa hai investigacións en Galicia, como a realizada pola científica da UVigo Iria Fernández, que advirten da sensibilidade da holoturia á sobrepesca, como xa está a acontecer en Xapón e outras zonas de Asia.

Do mesmo xeito, estanse a estudar tamén as particularidades do mercado asiático para adaptarse do mellor xeito posible na comercialización do carallo de mar.

Carallo de mar ou holoturia

En Galicia coñécense 47 especies de holoturia, que habitan desde a zona litoral ata os 3.000 metros de profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións polares, temperadas e zonas tropicais. As holoturias comercialízanse evisceradas, fervidas, salgadas e secadas. Tamén é habitual o seu consumo en cru ou en diversas preparacións culinarias e o procesado dalgunhas das súas partes para a elaboración de produtos delicatessen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro