Martes 19 Marzo 2024

Dous viveiros da Coruña e Lugo producen as primeiras oliveiras autóctonas galegas

O CSIC asina un contrato de transferencia para comercializar as variedades Brava galega e Mansa galega despois de anos de investigación

Segue a conta atrás para que o aceite de oliva feito en Galicia chegue ao mercado. Despois de anos de investigación, o CSIC, xunto a dous viveiros (A Revolta, da Coruña e Costa de Lóngaras, de Lugo) asinou esta mércores un contrato de transferencia de material para ceder a ambas empresas unha licencia para producir e comercializar oliveiras das dúas variedades recoñecidas oficialmente como oliveiras autóctonas galegas: Brava galega e Brava Mansa. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela déronse a coñecer os detalles do acordo e realizouse tamén un acto simbólico de entrega de exemplares das citadas variedades.

O contrato, cunha duración de tres anos con dereito a prórroga, contempla que o CSIC poña a disposición dos viveiros os coñecementos técnicos acerca do material vexetal para facilitar a explotación comercial das oliveiras. Do mesmo xeito, acórdase que o rexistro do material nos distintos territorios como variedade comercial se realice en nome do CSIC.

Publicidade

Brava galega e Mansa galega foron recoñecidas oficialmente en outubro de 2017 despois de seis anos de investigación. Deste xeito, grazas ao traballo do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, dirixido por Carmen Martínez, convertéronse nas variedades máis occidentais da Europa continental.

Naquel momento, a propia Martínez explicaba que “aínda que o noroeste de España non estaba considerado como área de cultivo, a oliveira estivo presente alomenos desde a ocupación romana, sendo posteriormente citada a súa existencia por Herrera en 1513 ou por Hidalgo-Tablada, en 1870. A importancia que a oliveira tivo na antigüidade nesta zona, queda patente pola existencia de numerosos restos arqueolóxicos, como lagares primitivos destinados ao prensado da oliva dos séculos I-II A. C.”, contaba Carmen Martínez.

Traballo de campo dos investigadores do proxecto, xunto a unha das oliveiras estudadas. Foto: CSIC.
Traballo de campo dos investigadores do proxecto, xunto a unha das oliveiras estudadas. Foto: CSIC.

Posteriormente, desapareciu o cultivo non pola falta de calidade dos aceites, “senón aos altos impostos sobre as oliveiras decretadas polo Conde Duque de Olivares na primeira metade do século XVII, tal e como se recolle na bibliografía”, contaba a científica do CSIC.
Desde hai dous anos, a Fundación Juana de Vega apoia e financia a investigación sobre as variedades de oliveira galegas. En Galicia, a existencia de oliveiras dispostas para cultivar esténdese polo sur das provincias de Lugo e A Coruña e en numerosos puntos de Ourense e Pontevedra.

No conxunto de España hai 1.200 variedades de oliveiras descritas, que representan a maior diversidade do mundo deste cultivo, sendo tamén o primeiro país en superficie cultivada, concentrándose en Andalucía o 62% do total.

No acto celebrado en Santiago participaron o delegado do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; a vicepresidenta adxunta de Transferencia do Coñecemento, Ángela Ribeiro Seijas; a xefa do grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, o director técnico da la Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR), Santiago Ramos e a voceira e membro da directiva da Asociación de Productores de Aceite de Oliva de Galicia (APAG), Elvira Blanco.

O obxectivo de todas as entidades implicadas é recuperar as oliveiras autóctonas galegas e ser capaces de transformar o seu cultivo e o produto final, o aceite, nunha alternativa rendible para o rural galego e a industria alimentaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

Os residuos do aceite de oliva serven para depurar fármacos das augas residuais

A científica Silvia Escudero-Curiel, da UVigo, propón un sistema de tratamento dos refugallos industriais para transformalos en adsorbentes de medicamentos

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos