Identificado un mecanismo que contribúe ao desenvolvemento temperán do alzhéimer

As investigacións sobre a proteína SFRP1 indican que podería ser importante nas primeiras fases e abre a porta a novas dianas terapéuticas

Un estudo atopa un novo mecanismo que contribúe ao desenvolvemento temperán do alzhéimer. A investigación, realizada polo Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBM-CSIC-UAM), descubriu que unha proteína pode ser crucial nese avance. É a SFRP1 e a súa produción aumenta co comezo desta patoloxía neurodexenerativa.

O achado, publicado na revista Cell Reports, céntrase nos astrocitos. Estas son células gliais do cerebro que, durante moito tempo, foron consideradas axudantes das neuronas. Con todo, os investigadores demostraron que estas poden desempeñar un papel esencial na orixe do alzhéimer.

Publicidade

Unha proteína esencial

En condicións normais, unha proteína chamada SFRP1 regula a comunicación entre células durante o desenvolvemento cerebral. Con todo, a súa acumulación no cerebro adulto ten efectos prexudiciais. Isto é habitual nos procesos inflamatorios crónicos asociados ao avellentamento ou ao alzhéimer. Nas fases temperás, o cerebro produce demasiado esa proteína.

En exceso, SFRP1 bloquea a actividade dun encima. Facilita e acelera funcións no cerebro e que é necesaria para manter as conexións neuronais. Ao bloquear ese encima, deteriórase o mecanismo para poder formar e consolidar recordos. Isto non permite ás neuronas regular a súa conectividade en resposta a diferentes estímulos.

Publicidade

Ademais, este traballo mostra como o exceso de SFRP1 interfire cun proceso fundamental para a aprendizaxe e a memoria, denominado potenciación sinóptica a longo prazo. Isto permite que as conexións entre neuronas se fortalezan cando se usan repetidamente, facilitando a consolidación de novos recordos. Se este mecanismo se debilita —como ocorre no modelo experimental do estudo—, as neuronas non poden comunicar eficazmente e dificulta a formación da memoria, un trazo característico nas fases iniciais do alzhéimer.

Unha diana terapéutica emerxente

“O aumento de SFRP1 en etapas temperás parece actuar como un motor activo da patoloxía, non como un simple acompañante doutros procesos dexenerativos”, explica Guadalupe Pereyra, autora do estudo. De feito, investigacións previas xa detectaran niveis elevados desta proteína no cerebro e no líquido cefalorraquídeo de pacientes con alzhéimer antes do diagnóstico.

Normalmente, a enfermidade trátase en moitas ocasións coa eliminación de placas amiloides. Ata agora, eran consideradas un dos principais marcadores desta doenza. Agora, esta investigación abre a posibilidade nun futuro de actuar nunha etapa silenciosa pero crítica da patoloxía. Neste punto, as neuronas aínda poderían recuperarse.

Estes achados permiten ter en conta á SFRP1 como unha diana terapéutica emerxente na loita contra o alzhéimer, co potencial de intervir en fases temperás, antes de que se produzan danos neuronais irreversibles. É un paso importante no entendemento da doenza, aínda que é necesario facer máis estudos ao respecto.

Unha proteína pouco estudada

Un dos aspectos menos estudados do alzhéimer é a contribución das células da glía á patoloxía neuronal. En particular aos primeiros cambios observables nos cerebros dos pacientes e en modelos animais, antes do inicio da dexeneración neuronal.

Para explorar o papel desta proteína, os investigadores desenvolveron un modelo en ratos no que se fai unha forte indución da proteína SFRP1, especificamente en astrocitos. Esta manipulación foi suficiente para provocar unha progresiva perda de espiñas sinápticas no hipocampo, unha rexión clave para a memoria. Tamén provocou unha rixidez nas conexións neuronais, o que limita a capacidade de adaptación a novas experiencias.

As células gliais, entre elas os astrocitos, aínda non están involucradas directamente en transmitir sinais como as neuronas. Porén, proporcionan soporte físico a estas e manteñen a arquitectura do sistema nervioso, polo que teñen un papel crucial no correcto funcionamento do cerebro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Carmen Álvarez e Ángel Carracedo, recoñecidos nos Premios Nacionais de Investigación

Dos dez galardóns que concedeu o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dous recaeron este ano en recoñecido persoal investigador da USC

Ciencia sen mans

Sen financiamento suficiente para persoas, equipamento e planificación a longo prazo, a excelencia científica convértese nun obxectivo difícil de acadar. Por Xunta de representantes de InvestiGal

Un estudo da USC analiza como transformar os aceites de cociña usados en combustibles e bioplásticos

O investigador Brais Vázquez avalía o impacto ambiental e económico de diferentes vías de aproveitamento para avanzar cara a unha dinámica circular

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano