Doces de sabores: así son os fármacos pediátricos en 3D pioneiros en Galicia

Santiago lidera unha das últimas innovacións no mundo da farmacoloxía coa impresión de medicamentos en forma de lamberetada

Fármacos doces impresos en 3D. Fonte: Hospital Vall d'Hebron

Dixéronlles que era imposible pero as investigadoras do Hospital Clínico Universitario e da Facultade de Farmacia de Santiago están conseguindo medicar a nenos con doces de sabores feitos por unha impresora 3D. Son pequenos comprimidos compostos de produtos vexetais que imitan a unha lamberetada, pero no seu interior conteñen suplementos alimenticios coa dose exacta que necesita o paciente. Os estudos iniciáronse na área de pediatría porque, como contan os médicos, os nenos e nenas son os que máis necesidade teñen de personalizar as doses, mais o obxectivo é chegar a toda a poboación e implantar este sistema nos hospitais e farmacias. 

“Hai cinco anos todo o mundo nos dicía que a tecnoloxía non estaba lista. O que fixemos foi coller unha impresora e demostrar que si se podía. Conseguimos optimizar a tecnoloxía en Santiago e agora temos contacto con moitos hospitais”, conta Álvaro Goyanes, profesor de tecnoloxía farmacéutica na Universidade de Santiago (USC) e impulsor da empresa biotecnolóxica FabRx, a encargada da impresión. Goyanes explica que estes pequenos fármacos sólidos mastigables están conformados por pectina, edulcorantes e saborizantes e poden ter todo tipo de cores e formas, dende un oso ata un corazón. Créanse a gusto do paciente e as doses están adaptadas ás circunstancias de cada persoa. 

As investigadoras realizaron unha cata para probar os distintos sabores.

Para comezar o ensaio, a pediatra María José Castro do Hospital Clínico Universitario de Santiago realizou unha criba de pacientes e contactou cos seus pais para preguntarlles se querían participar no estudo. Se aceptan e é posible enviarlle os fármacos, a doctora Castro comeza as prescricións. En xeral, a resposta tanto dos pais como dos nenos e nenas é moi positiva. Os doces envíanse por correo a varios lugares do país e tamén a Asturias. Polo momento en Galicia só se están realizando impresións 3D de suplementos nutricionais á espera da aprobación dunha solicitude para probar con medicinas por parte da Axencia Española do Medicamento. Será o servizo de farmacia do hospital Vall d’Hebron (Barcelona) coa colaboración das profesionais de Santiago e da empresa FabRx os encargados de elaborar a primeira medicina pediátrica impresa en 3D con forma de doce para nenos e nenas e adolescentes entre 6 e 18 anos.

“Dicímoslles aos pais que as proben porque ás veces os nenos reaccionan mal e queremos que sexan conscientes de como saben”

MARÍA JOSÉ CASTRO, pediatra do Hospital Clínico Universitario de Santiago

“Para nós os suplementos nutricionais son fármacos, como a citrulina, que é un aminoácido que algúns nenos non poden producir por si mesmos, ou a ornitina transcarbamilasa (OTC). Comezamos con catro pacientes e puidémolo ampliar”, explica a doutora María José Castro. Estes nenos reciben unhas dietas moi especiais xa que algúns padecen anorexia ou tiveron que poñer unha sonda gasogástrica no primeiro ano de vida. O reto era difícil e o primeiro medo dos investigadores era que estas gominolas non gustasen aos nenos, con todo, están “encantados”. “Dicímoslles aos pais que as proben porque ás veces os nenos reaccionan mal e queremos que sexan conscientes de como saben”, conta a pediatra. “A nosa dietista coñece as preferencias dos nenos e a partir de aí traballamos. Teñen patoloxías e para eles son como medicamentos”.

Comparados cos fármacos tradicionais, estes doces son máis fáciles de tomar e os nenos non teñen que esperar ata que sexan maiores para poder inxerir certo tipo de medicinas. As cápsulas non as poden tragar ata que teñan unha idade máis avanzada e este formato brinda autonomía a pais e fillos. “En lugar de ter que levar uns pos que teñen que pesar cunha báscula de precisión, disolvelos nunha cantidade adecuada de líquido e alimento e estar pendentes de que o comen todo, os nenos poden tomar o doce eles sós na escola”, alega María José Castro. A textura, detalla, é parecida á dun sugus e os sabores son tan variados como os gustos dos nenos: limón, laranxa, melocotón ou vainilla. “Sempre é posible encontrar outros sabores”, engade Goyanes. Estes medicamentos non precisan unhas condicións específicas para a súa conservación o que facilita o seu transporte e a toma da medicación.

28 impresións en 8 minutos

Máis aló do atractivo que poida resultar substituír un medicamento que saiba mal por unha rica lamberetada, un dos logros deste método é a medicina personalizada. A dose de cada “imprimido”, como di Goyanes, está medida en función do peso, da idade e das necesidades acorde ao metabolismo dos rapaces. “Nestas idades recibir a dose adecuada é algo crítico. A impresión en 3D de medicamentos abre novas posibilidades a ter medicina personalizada, como os fármacos anticancro, para medir as doses exactas e mellorar os tratamentos para os pacientes”, explica Goyanes. Todo isto axudaría a gañar eficacia, “adherencia” e a diminuír os efectos secundarios indesexables dos fármacos. Nun hipotético futuro, os médicos farían unha prescrición do medicamento coa dose exacta a partir dos niveis en sangue do doente, enviaríanse á farmacia e se poderían imprimir no propio día.  Dependendo do fármaco que se fabrique, a preparación do medicamento dun mes (28 impresións) pódese levar a cabo en 8 minutos, contan desde a compañía FabRx.

A impresión 3D é unha das tecnoloxías máis innovadoras no ámbito da medicina moderna en Galicia. Son varias as investigacións que se desenvolveron nos últimos anos para implementar un método eficaz que pode reducir tempos e custos na sanidade e ampliar a eficacia dos medicamentos. Aínda se considera unha novidade, pero as expertas auguran que as impresións 3D acabarán por converterse en algo habitual en medicina como agora o son as pastillas e os comprimidos tradicionais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.