Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Nace InvestiGal, a rede para “dignificar” a carreira científica en Galicia

O colectivo, conformado por diversos perfís do sector, demanda un maior investimento en I+D+i e unha loita decidida contra a precariedade

Nos últimos anos foron numerosos os sinais que expoñían a necesidade de mellora en diversos aspectos da carreira investigadora en Galicia. Desde as reivindicacións pola discriminación nalgunhas convocatorias cara ás baixas por maternidade, ata a precariedade dos investigadores predoutorais, pasando por mobilizacións máis recentes no caso dos problemas burocráticos que deixaban no limbo a persoal posdoc. E este sábado, varias destas reivindicacións reuníronse na conformación de InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, que reúne a representantes de diversos colectivos do sector (científicos, docentes, xestores e persoal técnico, entre outros) para buscar a “dignificación” da carreira científica e “artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador”.

“Desde hai tempo xa estabamos celebrando encontros nos que se diagnosticaba un problema común e a necesidade de mudar certas cousas que cremos que hai que mellorar, e que repercutirán en todo o sector”, explica Alejandro Vilar, investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e un dos membros de Investigal. Á reunión deste sábado 29 de febreiro, celebrada no Centro Sociocultural O Ensanche de Santiago de Compostela, acudiron medio cento de persoas que compartiron as súas inquedanzas “sobre a precaria e inestable situación actual do I+D en Galicia”.

Publicidade

Segundo explica Vilar, nas conversas hai dúas vertentes principais, e relacionadas entre si, respecto ás dificultades coas que se enfrontan as científicas e científicos que queren desenvolver a súa carreira aquí. “Hai uns meses, cando xurdiu o problema dos posdoutorais, vimos que non era unha situación concreta, senón que a inestabilidade e a incerteza é algo que afecta a case todas as etapas da carreira. E cremos que abordalo todos xuntos é necesario”. Deste xeito, a rede abre a porta como foro común a todas as persoas vinculadas ao sector para colaborar e recibir apoio e asesoramento.

Despois da xornada de traballo e debate, impulsáronse como liñas programáticas básicas “a dignificación da carreira investigadora, a cal pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polos seus profesionais, o fomento da súa estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais”. Incidiuse, do mesmo xeito, “na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos aos que se enfrontan as mulleres do sector”.

Publicidade

Aumentar a aposta polo I+D+i

Por outra banda, InvestiGal tamén quere poñer sobre a mesa a posibilidade de que desde Galicia se poidan desenvolver instrumentos semellantes ao Icrea (Catalunya) ou o Ikerbasque (Euskadi), “fundacións públicas que teñen demostrado, en xeral, un gran potencial para reter e mesmo atraer talento e coñecemento nestas zonas”. En relación a isto, tal e como salienta Vilar, o colectivo quere traballar “para que en Galicia aumenten os niveis de investimento en I+D, que seguen por debaixo da media estatal e moi lonxe do recomendado pola Unión Europea. Non quere dicir que isto sexa a solución a todo, pero é unha condición sen a cal non o poderemos conseguir”.

Así, no actual marco electoral, InvestiGal achegarase aos partidos políticos para esixirlles un compromiso, “goberne quen goberne”, da “vital importancia a existencia dun pacto social que aposte por situar o investimento en I+D+i en Galicia á par dos estándares europeos”. Neste sentido, a rede considera “de máxima urxencia que o goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país“.

No seu comunicado, InvestiGal tamén “condena a falta de vontade política e a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, o que nos últimos anos provocou que Galicia só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade

Identificadas dúas novas especies de mosquito en Galicia

A confirmación das novas variedades, endémicas de Galicia e potenciais transmisoras do virus do Nilo, eleva o cálatogo a 26

O longo camiño do ualabí que apareceu en Oia

O animal é coñecido por varios veciños da zona, que teñen un núcleo zoolóxico cos permisos adecuados para o seu coidado e mantemento

O castro do Castelo dos Mouros, en Ons, estivo densamente poboado durante nove séculos

Unha nova campaña arqueolóxica afonda no coñecemento sobre os asentamentos na illa entre a época castrexa e a romana