O conxunto de países da Unión Europea mantivo o incremento do gasto en I+D a pesar da crise. Fonte: IGE / Elaboración propia.

Galicia cumpre 10 anos de estancamento no gasto en I+D

Os datos publicados este mércores polo Instituto Galego de Estatística volven situar á comunidade por debaixo da media española e europea

No ano 2008, xusto antes do estourido da crise económica que sacudiu Europa, o investimento de I+D en Galicia era equivalente ao 1% do PIB. Desde entón, a pesar de ter pasado xa 10 anos, este nivel de gasto para actividades de investigación e desenvolvemento, un dos referentes para valorar a aposta científica nun determinado territorio, non volveu superar o 0,94% en relación ao produto interior bruto do país. Son datos que difunden o INE e Eurostat , que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística, e que sitúan a Galicia por debaixo da media española (en 2018 foi dun 1,18%) e menos da metade da porcentaxe que representa a media dos 28 países da Unión Europea (2,12%).

Deste xeito, Galicia mantense por debaixo do 1% a só un ano do obxectivo marcado a nivel estatal para 2020, no marco da converxencia con Europa, para chegar no vindeiro ano a un 2% de gasto en I+D respecto ao total do PIB. Unhas cifras que quedan lonxe de Euskadi (1,96%), a comunidade que lidera o gasto en relación ao PIB no Estado, seguida de Madrid (1,71%), Navarra (1,68%), e Cataluña (1,52%).

A situación respecto ao gasto en I+D, que tamén foi obxecto de análise recentemente a través da Fundación Cotec,  debuxa un panorama no que España, a pesar do aumento do seu investimento nos últimos anos, segue lonxe do camiño de achegamento a Europa que estaba marcado nos anos previos á crise. O informe Cotec apunta que España, xunto a Finlandia e Portugal, é o único país de Europa que non recuperou os niveis de investimento previos a 2009, mentres que Alemaña (cun incremento do 31%) ou Reino Unido (16%) lideran esta recuperación, malia un contexto mundial no que Europa perde terreo fronte ás novas potencias, como China, que multiplicaron nos últimos anos a aposta polo I+D.

Alén disto, nestes últimos anos o colectivo investigador ten denunciado que, a pesar deste baixo investimento, queda sen executar parte do orzamento destinado a investigación, desenvolvemento e innovación, en parte debido a trabas burocráticas que, xunto aos recortes, chegan a reducir a competitividade dos grupos científicos españois.

Os indicadores de innovación publicados polo IGE este mércores recollen tamén outros datos salientables, como a porcentaxe de poboación de entre 25 e 34 anos con nivel educativo terciario (equivalente internacional á formación de FP superior, licenciatura ou grao en España). Galicia, cun 47,7% de mozas e mozos con este nivel de formación, supera á media de España (44,3%) e ao conxunto de Europa (40%).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.